Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Mostrando entradas con la etiqueta A XUVENTUDE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A XUVENTUDE. Mostrar todas las entradas

24 de octubre de 2020

ELISA E MARCELA MAÑÁN NO AUDITORIO DE "A XUVENTUDE"


O teatro volve a Cambados. Como cada outono, o Concello programa, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, un ciclo que, nesta ocasión, inclúe catro títulos en cartel.

As funcións serán ás sete da tarde cunha entrada a 3,5 euros e 2,5 euros na modalidade reducida para moz@s, pensionistas e xubilados. Por motivos de seguridades reducíuse o aforo a 60 butacas de 250.

O ciclo compóñeno 4 pezas teatrais. A pasada semana representouse, Vida de Cans a cargo da compañía Talía Teatro.

Esta semana é o turno de Elisa e Marcela a cargo de A Panadaría   

Sinopse

Ano 1901, A Coruña. Dúas mulleres casan na Igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo.

Coprodución da Panadaría co Centro Dramático Galego, a Deputación de A Coruña, Concello de Vimianzo e o Concello de Rianxo.

Mellor espectáculo nos Premios María Casares 2018 e tamén mellor dirección, mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista ( Areta Bolado) nos mesmos premios. Premio Luisa Villalta para iniciativas culturais pola igualdade. XIV Premio LGBT Marcela y Elisa entregado polo colectivo ALAS  A Coruña. rPemio do público MIT de Ribadavia 2018 e Fetega do Carballiño 2018. Premio ex aequo á Mellor Actriz ( Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) no FETEGA 2018.

Elenco:  Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.


16 de octubre de 2020

UN NOVO CICLO DE TEATRO ARRANCA ESTE DOMINGO EN CAMBADOS


O teatro volve a Cambados. Como cada outono, o Concello programa, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, un ciclo que, nesta ocasión, inclúe catro títulos en cartel.

As funcións serán ás sete da tarde cunha entrada a 3,5 euros e 2,5 euros na modalidade reducida para moz@s, pensionistas e xubilados. Por motivos de seguridades reducíuse o aforo a 60 butacas de 250.

O ciclo compóñeno 4 pezas teatrais.

Vida de Cans-  A cargo da compañía Talía Teatro   18/10

Elisa e Marcela-  A a cargo de A Panadaría   25/10

Bernarda-   De Malasombra   Producciones   1/11

Curva España-  Espectáculo a cargo de Chévere    29/11

A primeira das representacións será este vindeiro domingo, Vida de 


 Cans
 un espectáculo de teatro a cargo da compañía Talía Teatro

Elenco: Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo

Tres cans. Tres actores, tres cans, ou tres acotres que fan de can sen deixar de ser actores, sen deixar de ser cans.

Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto. Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados... pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade.  Ou segundo a súa canalidade. E todo vai derivando cara unha traxedia que nunca deixa de ser comedia.

Comedia absurda. Comedia paródica. Comedia metafórica

3 de octubre de 2020

CAMBADOS NOMEARÁ A DOLORÈS DEL VALLE BECHADE FILLA ADOPTIVA


O xoves 8 de outubro se celebrará un Pleno extraordinario  para facer Filla adoptiva de Cambados a Título Póstumo a Dona María Dolorès del Valle Béchade, "A Francesa" pola súa xenerosidade co pobo de Cambados, saldando así unha débeda histórica coa gran benfeitora da nosa vila.

Desde o ano 2016, o parque infantil de enfrente ao Concello leva o seu nome, pero non é suficiente como para recoñecer a labor que esta muller fixo ao longo da súa vida (foi voluntaria como enfermeira durante a I Guerra Mundial en Angôuleme,  durante a Guerra Civil facendo o voluntariado no hospital improvisado na Toxa,  viviu na súa casa en Francia con nazis evitando que se apropiasen da súa casa...


Fixo moito pola mocidade cambadesa, donou os terreos para un campo de fútbol,  de cuio clube foi a presidenta (a primeira muller presidenta dun clube de fútbol) e que levaba o nome do seu irmán falecido (Merced), un espazo para a xuventude (Praza de a Xuventude), para unha granxa escola (pazo Serantellos, onde faleceu o 11/10/1967), daba clases e ensinaba a ler e a escribir a xente maior analfabeta da época, pintaba cadros, tocaba o piano, escribía sobre Cambados nun periódico francés... Está enterrada xunto cos seu pais e a súa irmá María no cemiterio de Santa Mariña. 

Bea Laya fixo unha reportaxe á súa única parente viva, a súa sobriña Lucía Vidal  de 104 anos. 

Tras esa reportaxe, non se pode esperar máis para facerlle un recoñecemento en nome do noso pobo.

Ademáis a praza de A Xuventude pasarase a chamar  "Praza de A Xuventude de Dolorès del Valle " e será acondicionada para a mocidade cambadesa para q aquel sexa o seu lugar de lecer, como era o desexo de "A Francesa".


MOCIÓN

O 24 de abril de 1885 foi unha data importante para o pobo de
Cambados por un feito ocorrido a algo máis de 1000 km de distancia,
en Angôuleme, ao suroeste de Francia.
E é que aquel día viu ao mundo María Dolorès del Valle Béchade, unha
figura moi importante para o desenvolvemento da nosa vila,
especialmente da súa mocidade, durante o século XX.
Coñecida como “A Francesa”, nunca deixou de selo, pois a pesares do
agarimo que sentía polo noso pobo e as importantes raíces que
botara nel, nunca renunciou á súa nacionalidade francesa.
O seu contacto con Galicia debeuse a motivos familiares, xa que a
amizade de seu pai, Leon-Manuel-Anatole del Valle co profesor Manuel
Burillo, descubriulles á familia del Valle Béchade os encantos do sur
da Ría de Arousa, a onde acudían dende finais do século XIX a tomar
os baños na Toxa. Aquí comezou a relación dos “franceses” con
Cambados, mercando no 1895 a casa natal de Francisco Asorey, e no
1902 o fermoso Pazo de Serantellos, o cal xa levaban tempo tratando
de facerse con el.
Cando Dolores del Valle contaba con tan só dezaoito anos, publica
unha serie de artigos no xornal francés L’Univers nos que describe a
comarca do Salnés. Grazas a eles podemos coñecer un pouco máis
sobre A Lanzada e a Armenteira a comezos do século XX, e zonas de
Cambados que naquelas datas xa estaban en posesión da familia: a
finca da Regueira, a zona de Tragove ou o Pazo de Serantellos. Tamén
nos permite coñecer de primeira man a festividade da romaría da
Pastora, con todo luxo de detalles. Grazas a estes escritos, publicados
tamén en castelán en varios xornais galegos, podemos apreciar o
profundo agarimo que Dolorès sentía pola nosa vila e a súa contorna,
como demostrará algúns anos despois.
Segundo os xornais da época, e tal e como recorda a súa familia, seu
pai xa mostrara interese por mellorar as condicións tecnolóxicas da
agricultura da zona, moi atrasada por entón en comparación coas
innovacións que se estaban a producir en Europa, finalidade coa que
mercara o pazo de Serantellos, e que finalmente se veu frustrada polo
prematuro falecemento do primoxénito da familia e irmán maior de
Dolorès, Merced. Tamén a comezos do século, abriron a ostreira do
Pombal, aínda que sen grande éxito, tendo que pechar ao pouco
tempo.
De Dolorès del Valle sabemos que destacaba polas súas habilidades
artísticas, tanto no eido da música como da pintura. Pero tamén pola
súa traxectoria vital, xa que foi testemuño das tres grandes guerras
que asolaron Europa durante a primeira metade do século XX. Na I
Guerra Mundial exerceu como enfermeira no hospital de Angôuleme, durante a Guerra Civil española presentouse como voluntaria para atender aos feridos do bando nacional no hospital aberto no Hotel da
Toxa, e durante a II Guerra Mundial volveu a Angôuleme para protexer
a súa casa, por aquel entón ocupada polos nazis. Sen dúbida, estes
feitos fálannos da valentía dunha muller cunha clara vontade de
tomar parte na realidade daqueles tempos.
Pero o feito que nos ocupa, nomeala co recoñecemento de filla
adoptiva de Cambados, débese a outras circunstancias, as cales
están vinculadas coa xenerosidade que amosou cara a vila de
Cambados a partir da década do 1930.
Grazas a ela, os mozos da época puideron contar cun campo de fútbol
no que desenvolver actividades deportivas, trala cesión no 1932 dos
terreos que tiña a familia na zona do Pombal, fronte a Tragove, ás
Juventudes Católicas. O campo de fútbol de A Merced, nome en
recordo do seu irmán falecido, foi inaugurado cun partido de fútbol do
Juventud Fútbol Club, equipo que, segundo recolle o xornal El Pueblo
Gallego, por aquel entón estaba presidido por Dolorès, feito que de
ser certo, a convertería na primeira muller en acadar tal cargo nunha
entidade deportiva. Daquel campo de fútbol tan só queda o recordo
na memoria de boa parte dos veciños e veciñas de Cambados.
Dous anos despois, no 1934, Dolorès del Valle promoveu a construción
dun dos edificios máis importantes para a mocidade naquel entón e na
actualidade: o auditorio de Cambados, que nun primeiro momento foi sede da Juventud Católica. Grazas á súa intercesión ante María Izquierdo
Zárate, Marquesa de Figueroa, conseguiu que ésta finalmente doase
os terreos para que se puidese construír o edificio, financiado en boa
parte pola propia Dolorès.
Coñecedora da dificultade do acceso das mulleres á educación ou ao
ocio naqueles tempos, na mesma data mercou o edificio situado
fronte ao parque Torrado para abrir nel a Juventud Femenina de
Acción Católica, e que trala Guerra Civil sería convertida en escola,
onde a propia Dolorès e a súa sobriña Lucía Vidal daban clase a xente
maior para ensinarlles a ler, matemáticas e incluso gramática.
Poucos anos despois, xa no 1947, Dolorès del Valle, xunto coa súa
familia, tomou a decisión de levar a cabo a súa última gran doazón:
entregar á congregación salesiana o pazo e finca de Serantellos, para
converter así en realidade o soño de seu pai de facer del unha
institución educativa, sendo nun primeiro momento seminario, e dez
anos despois o colexio salesiano que hoxe coñecemos.
Os seus últimos anos de vida seguiu habitando o pazo de Serantellos
durante as súas estancias en Cambados. Na súa habitación do pazo é
onde falecerá o 11 de outubro de 1967, aos 82 anos de idade, e foi
enterrada no panteón familiar de estilo neogótico que se atopa aos
pés das ruínas de Santa Mariña, a carón de seu pai
Leon-Manuel-Anatole del Valle, da súa nai Lucie-Margarite-Amèlie
Béchade, e da súa irmá María del Valle Béchade.

Dende entón o seu recordo foi caendo no esquecemento para o pobo
de Cambados, coñecendo dela pouco máis que as doazóns que
efectuara á igrexa e que logo boa parte delas se converteron en
públicas para o desfrute da veciñanza. Facendo memoria entre os e
as cambadesas, coinciden nos bos momentos de ocio pasados ao
longo da súa vida nestes lugares. E case sempre, repetindo que
Cambados mantiña unha débeda pendente coa “Francesa”.
O feito de convertela en filla adoptiva ben a poñer fin a esta inxustiza,
a recoñecer a boa labor e a xenerosidade de Dolorès del Valle
Béchade coa vila de Cambados e cos seus veciños e veciñas,
especialmente entre a mocidade que puido desfrutar e segue a facelo
dos espazos doados por ela, e a axudar a facer pública e a difundir a
súa historia para que non volva a quedar no esquecemento.
A Corporación Municipal do Concello de Cambados agradece a Bea Laya a súa labor de investigación sobre a vida de Dona María Dolorès del Valle Béchade e á Asociación Cen Follas, da que forma parte, pola divulgación e publicación da reportaxe "Dolorès del Valle Béchade. A Historia da Francesa" polo enriquecemento que supón para toda a veciñanza cambadesa o coñecemento e o recordo desta gran muller de carácter altruista, bondadosa, prolífica nas artes, moderna, valente e sobre todo da súa condición de gran benfeitora da nosa vila.
Agradecemos infinitamente á súa familia a súa xenerosidade con Cambados ao compartir momentos íntimos da súa tía, as súas vivencias persoais e mesmo fotografías da súa vida, para poder coñecer máis profundamente a súa figura.
Agradecemos públicamente tamén, a bondade de toda a familia del Valle Béchade co pobo cambadés e adquirimos o compromiso de saldar a débeda, da que durante tantos anos escoitamos falar, con Dolores del Valle "A francesa".
Por todo o exposto, en virtude das competencias atribuídas ao Pleno polo artigo 9 do Regulamento da Medalla da Vila e Honores e Distincións do Concello, e polo que se propón a adopción do seguinte, ACORDO:
1.Nomear a Dª María Dolores del Valle Béchade como "Filla Adoptiva” do Concello de Cambados a título póstumo.

2.Que a “Praza de A Xuventude” pase a denominarse "Praza A Xuventude de Dolorés del Valle" descubríndose unha praca co seu nome e acondicionándose para o lecer da mocidade cambadesa, tal e como era o desexo de Dona María Dolorés del Valle.

 

28 de septiembre de 2020

CAMBADOS REFORMARÁ A PRAZA DA XUVENTUDE CON FONDOS DA DEPUTACIÓN


A Deputación destina preto de 350.000 euros para investimentos nos concellos de Cambados, Pazos de Borbén e Redondela

As achegas, ao abeiro do Plan Concellos, financiarán a reforma de espazos públicos e melloras da seguridade viaria e peonil

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 341.578 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para Cambados, Pazos de Borbén e Redondela.

En concreto, a Deputación destina a Cambados 105.096 euros para a financiación da reforma da praza da Xuventude. Estas obras permitirán solucionar as filtracións de auga ao aparcamento subterráneo que existe baixo a praza. 


1 de septiembre de 2020

CULTURA E O DIRECTOR DA ESCOLA DE MÚSICA REUNÍRONSE PARA PREPARAR O NOVO CURSO

As clases comezarán o 21 de setembro

O pasado venres reuníronse no Concello de Cambados o concelleiro de Cultura, Tino Cordal, e o director do Conservatorio e da Escola de Música Municipais, Daniel Figueira, para preparar o inicio do curso 2020-2021 e poñer en funcionamento o protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19.
As circunstancias actuais obrigan a preparar con detalle o curso escolar, tamén no caso dos conservatorios e escolas de música municipais. E, ao igual que sucede cos colexios e institutos, faise necesario implementar os protocolos esixidos pola Xunta de Galicia.
O Auditorio da Xuventude de Cambados é o espazo no que se desenvolven as actividades académicas do Conservatorio e da Escola de Música Municipais. Un total de dezasete profesores imparten docencia nesas instalacións para máis de 180 alumnas e alumnos.
As clases instrumentais terán unha ratio de un/un, é dicir, un profesor para un/unha alumno/a; e, as clases colectivas non superarán os catorce alumnos por aula, mantendo as distancias de seguridade entre o alumnado e tamén entre o profesorado. 
Ademais, tanto o alumnado como o profesorado levarán sempre máscara e estarán obrigados a controlar a temperatura corporal diariamente. Tamén desinfectarán continuamente as mans; o calzado será desinfectado na entrada do Auditorio.
Crearase un equipo COVID encabezado polo director e realizarase limpeza continua nas instalacións durante toda a xornada lectiva.
As presentacións do curso e o acto de acollida realizaranse os días 16 e 17 de setembro. Se ben, o vindeiro martes 1terán lugar as probas de acceso e os exames da convocatoria extraordinaria de setembro, cun protocolo específico para ese día.

15 de febrero de 2020

MAÑÁN PECHA O CICLO DE TEATRO INFANTIL E FAMILIAR


Este Domingo, día 16 de Febreiro, vaise representar a cuarta das obras programadas no ciclo de teatro infantil e familiar deste 2020 no Concello de Cambados no que colabora a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Con esta representación remata o ciclo por este ano.

“A NENA E O GRILO MÁIS ALÓ”, da compañia Magín Blanco é a encargarda de poñer o broche final ao exitoso ciclo que encheu o auditorio domingo a domingo.

A nena e o grilo esmagan sen querer á súa amiga Xertrude a araña… Buscando un xeito de devolverlle a vida atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a travs da maxia e da música ao país dos mortos onde tentarán atopar a Xertrude para traela de volta. A Nena e grilo máis aló é unha historia divertida e evocadora que nos transporta ás buscas máis insólitas. Un espectáculo músico/teatral con Magín Blanco e con motivo do proxecto cultural Sonoro empeño. Dirixido a público infantil, a partir de 3 anos, esta última entrega de «A nena e o grilo» achéganos outra volta unha divertida aventura na busca das cousas máis insólitas... Que pasa logo da morte? O musical infantil máis aclamado do panorama galego chega de novo aos teatros con esta última creación de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos.

Mañán domingo ás seis da tarde ao auditorio A Xuventude. O prezo é de 3,50 euros e de 2,50 euros en tarifa reducida para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e parados.



8 de febrero de 2020

A GALIÑA AZUL, MAÑÁN NO AUDITORIO MUNICIPAL


Este Domingo, día 9 de Febreiro, vaise representar a terceira das obras programadas no ciclo de teatro infantil e familiar deste 2020 no Concello de Cambados no que colabora a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Neste caso é o turno da compañía Tanxarina, coa obra “A GALIÑA AZUL”, un espectáculo que mistura títeres e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares. Está orientado ao público infantil e familiar, que é co que habitualmente traballa ao longo da sua dilatada traxectoria profesional. "A galiña azul" resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo.

A galiña azul, o texto clásico de teatro para nenos e nenas que escribiu Carlos Casares en 1968. O espectáculo, dirixido e adaptado por Cándido Pena, é a última das propostas escénicas baseadas na obra do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2017.

A galiña azul que propón Tanxarina combina traballo actoral con monicreques, unha combinación marca da casa nunha compañía das máis veteranas de Galicia. En escena combínanse técnicas de manipulación de bonecos, a cargo de Pablo Giráldez Pastor, creador dos mesmos; e a presenza sobre as táboas dos actores Miguel Borines Fernández, Andrés Giráldez Rio e Eduardo Tatán.




30 de enero de 2020

SEGUNDA ENTREGA DE TEATRO INFANTIL E FAMILIAR DO CONCELLO DE CAMBADOS


Este Domingo, día 2 de Febreiro, vaise representar a segunda das obras programadas no ciclo de teatro infantil e familiar deste 2020 no Concello de Cambados no que colabora a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Trátase de “MAI MAI” da compañia Baobab Teatro.


Sinopse:
É a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar…. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental. Unha historia que fala de revolución,  que plasma o empoderamento da muller e nos fará meditar sobre o que estamos a facer co noso planeta.

Vídeo presentación da obra

Nesta ocasión Baobab Teatro conta cos actores Óscar Ferreira, Xosé Manuel Esperante e da actriz Andrea Bayer que serán os encargados da parte actoral, deseño de son e iluminación Daniel Abalo, na dirección Óscar Ferreira, a escenografía Óscar Ferreira e José Manuel Vidal, Proxección Ana Tasende, Voz nena Sofía Fernández Pérez e o guión Andrea Bayer.

No auditorio municipal A Xuventude as 18:00 horas. O prezo é de 3,50 euros e de 2,50 euros en tarifa reducida para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e parados.


24 de enero de 2020

ESTE DOMINGO ARRANCA O CICLO DE TEATRO FAMILIAR NA XUVENTUDE


Hoxe domingo 26 de Xaneiro, no auditorio municipal A Xuventude  comeza o ciclo de teatro infantil e familiar do Concello de Cambados coa obra “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza” da compañía A Xanela do Maxín. 

A toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… acompañada do granxeiro e a unha rapaza recén chegada da cidade, que a queren axudar. Unha obra moi participativa, simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo. Nenas e maiores terán, con esta historia, a visión dun tema tan natural como a vida mesma e que, sen embargo, non sempre aparece en escena.

O prezo é de 3,50 euros e de 2,50 euros en tarifa reducida para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e parados.



19 de enero de 2020

PREMIADOS NA II GALA DO DEPORTE CAMBADÉS


Onte sábado entregáronse os premios no Auditorio da Xuventude da II GALA DO DEPORTE DE CAMBADOS onde se premiou e recoñeceu o gran mérito dos deportistas cambadeses.

O Concello de Cambados outorgou os Premios do Deporte para recoñecer o labor deportivo de persoas, organismos, clubes, institucións públicas e entidades privadas que contribuíron de forma notoria a engrandecer e ampliar a práctica deportiva da nosa localidade neste pasado 2019. 
Trece foron os premios entregados a clubes, deportistas ou empresas vinculadas en forma de patrocinadores. As candidaturas foron presentadas por entidades deportivas locais, clubes, asociacións ou cidadáns, así como a proposta do xurado. Esta convocatoria estará organizada pola Concellaría de Deportes do Concello de Cambados.
Os premiados foron os seguintes:

PREMIOS MELLOR DEPORTISTA MASCULINO/FEMENINO
Ángel Sánchez Rebollido (Ciclismo) e María Pérez Aragunde (Piraguismo) 
PREMIOS MELLOR DEPORTISTA PROMESA MASCULINO/FEMENINO
Luca Rey (Xadrez) e Celia Castro (Atletismo) 
PREMIO MELLOR DEPORTISTA VETERANO/VETERANA
Ramón Padín (T. de Mesa) e Araceli Bugallo (Esgrima)
PREMIO MELLOR ADESTRADOR/RA OU TÉCNICO/A
 Jesús Trigo
PREMIO MELLOR EQUIPO DE UNHA ENTIDADE
Equipo Alevín  Fútbol 11 do Juventud Cambados
PREMIO MELLOR CLUB OU ENTIDADE DEPORTIVA
Cambados Tenis de Mesa
PREMIO Á MELLOR ESCOLA DEPORTIVA
Juventud de Cambados
PREMIO Ó PATROCINIO E COLABORACIÓN CO DEPORTE
Mariscos Linamar 
PREMIO Á TRAXECTORIA DEPORTIVA
Ríchard Charlín 
PREMIO Ó MELLOR EVENTO DO ANO
Torneo Vila de Cambados Ximnasia Rítmica Grand Jetè

Enrique Barreiro, do Cambados Tenis de Mesa, e Ernesto Falcón (Club Ciclista Cambados) da organización do Gran Premio de Albariño de ciclismo, recolleron senllas mencións especiais pola traxectoria de ambos clubes.

Imaxes de Luís Gómez. Pica no nome para ver moitas máis.

18 de enero de 2020

VOLVE O CICLO DE TEATRO INFANTIL E FAMILIAR A CAMBADOS

A Concellaría de Cultura do Concello de Cambados, dirixida polo edil Tino Cordal, presentou a volta do teatro a Cambados. O Concello programa, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, un ciclo dirixido ao público infantil e familiar que, nesta ocasión, inclúe catro títulos en cartel.
Con este ciclo de teatro búscase explorar as posibilidades do teatro non só como desfrute e diversión, senón tamén como ferramenta de concienciación social e como parte importante na formación integral das persoas.
O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, fixo onte fincapé na variedade que ofrece a programación, pois o teatro conxúgase con humor, música e ata un espectáculo que mestura títeres e actores. Os interesados en desfrutar nestes mundos de fantasía non teñen máis que acudir os domingos ás seis da tarde ao auditorio. O prezo é de 3,50 euros e de 2,50 euros en tarifa reducida para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e parados.
A primeira función será o Domingo 26 de Xaneiro coa obra “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza” da compañía A Xanela do Maxín: A toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… acompañada do granxeiro e a unha rapaza recén chegada da cidade, que a queren axudar. Unha obra moi participativa, simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo. Nenas e maiores terán, con esta historia, a visión dun tema tan natural como a vida mesma e que, sen embargo, non sempre aparece en escena.
Xa no seguinte Domingo, o día 2 de Febreiro, vaise celebrar a segunda obra “MAI MAI” da compañia Baobab Teatro:  É a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar…. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental. Unha historia que fala de revolución,  que plasma o empoderamento da muller e nos fará meditar sobre o que estamos a facer co noso planeta.
O 9 de Febreiro entrara en escena a compañía Tanxarina, coa obra “A GALIÑA AZUL”, un espectáculo que mistura títeres e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares. Está orientado ao público infantil e familiar, que é co que habitualmente traballamos ao longo da nosa dilatada traxectoria profesional. A galiña azul resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo.
E xa para rematar, o 16 de Febreiro pechara o ciclo de teatro a obra “A NENA E O GRILO MÁIS ALÓ”, da compañia Magín Blanco: A nena e o grilo esmagan sen querer á súa amiga Xertrude a araña… Buscando un xeito de devolverlle a vida atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a travs da maxia e da música ao país dos mortos onde tentarán atopar a Xertrude para traela de volta. A Nena e grilo máis aló é unha historia divertida e evocadora que nos transporta ás buscas máis insólitas… Que pasa logo da morte?


29 de octubre de 2019

ESTE VINDEIRO DOMINGO VOLTA O TEATRO A XUVENTUDE


Tralo parón da semana pasada volve o teatro ao Auditorio de A Xuventude o vindeiro domingo.
O día 3 de Novembro, volta o ciclo de teatro á Xuventude, desta vez coa obra "Fillos do Sol" da compañía Contraproducións e dirixida por Candidó Pazó.
A entrada é de balde e o espectáculo arranca as 19:00 hrs.


Elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas.
A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, o bardo bergantiñán, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nacido da súa perturbación e a xove criada da pensión na que está albergado.
Unha coprodución do FIOT de Carballo e Contraproducións, baixo o auspicio da Fundación Eduardo Pondal, para celebrar o 100 aniversario da morte do bardo bergantiñán.


  • Texto: Cándido Pazó
  • Actores: César Cambeiro como Don Eduardo, Adrián Ríos como Eduardo, Alba Bermúdez como Rosa
  • Escenografía: Carlos Alonso
  • Iluminación: Afonso Castro
  • Vestiario: Carlos Alonso e Belén Pichel
  • Realización Vestiario: Mila Abal
  • Música: Guillerme Fernández
  • Axudante de Dirección: Belén Pichel
  • Axudante de Produción: Lilian Portela
  • Xefa de Produción: Belén Pichel
  • Dirección: Cándido Pazó
  • Fotografía: Cristina Becerra

15 de octubre de 2019

"A COMPAÑEIRA DE PISO" NA XUVENTUDE O VINDEIRO DOMINGO


Este vindeiro Domingo, 20 octubre, as19:00 no Auditorio Municipal da Xuventude en Cambados representarase a terceira entrega de "OUTUBRO DE TEATRO" do Concello de Cambados coa representación da obra "A compañeira de piso"

Combinando sutileza e comicidade a partes iguais, A compañeira de piso trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido.

Dende o seu paso polo Humana Festival (Louisville, Kentucky) en 2015, a obra A compañeira de piso (The Roommate), de Jen Silverman, leva sendo representada con éxito por varias compañías nos Estados Unidos ata o día de hoxe. Destacada pola crítica americana como unha mestura de “Thelma & Louise”, “A estraña parella” e “Breaking Bad”, Contraproducións presenta a primeira adaptación fóra dos escenarios norteamericanos en co-produción co Centro Dramático Galego.

Sinopse: Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn (Rebeca Montero) para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx… Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
Prezo das entradas:
3´5€: normal.
2'5€: reducida.
A taquilla estará aberta dende as 18:00.

9 de octubre de 2019

ESTE VINDEIRO DOMINGO, "MACBEHT" NO AUDITORIO DE A XUVENTUDE


Tralo éxito da representación de «Invisibles» o pasado domingo, continúa ao ciclo de teatro de outono no auditorio A Xuventude de Cambados.
Para este domingo está programada a obra « Macbeth», representación que correrá a cargo de Estudo do Momento.
A traxedia celta de William Shakespeare protagonizada por Xoán Carlos Mejuto,
Luis Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo.

Unha viaxe á chaira escocesa, neboenta e insegura. Tambores de guerra.
Berros de barro. Versos de sangue, traizón e morte.
Feiticeiras retranqueiras e ministras do fado, manipuladoras dos máis bravos guerreiros.
Un tempo eterno e circular do que ninguén volta xamais.



As funcións serán ás sete da tarde cunha entrada a 3,5 euros e 2,5 euros na modalidade reducida para mozas, pensionistas e xubilados.
Agás a actuación do 3 de novembro que será gratuíta.

O ciclo de teatro do Concello de Cambados inscríbese no marco de colaboración que mantén coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, Agadic e a Deputación de Pontevedra.

En vindeiros días iremos compartindo as seguintes funcións que serán: Domingo 20 «A compañeira de piso», de Contraproducións.
O domingo 3 de Novembro a mesma compañía representará a obra « Fillos do sol».
O ciclo pecharase o domingo 10, coa obra «O meu mundo non é deste reino», a cargo de Teatro dá Ramboia.