Este Domingo, día 9 de Febreiro, vaise representar a terceira das obras programadas no ciclo de teatro infantil e familiar deste 2020 no Concello de Cambados no que colabora a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Neste caso é o turno da compañía Tanxarina, coa obra “A GALIÑA AZUL”, un espectáculo que mistura títeres e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares. Está orientado ao público infantil e familiar, que é co que habitualmente traballa ao longo da sua dilatada traxectoria profesional. "A galiña azul" resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo.A galiña azul, o texto clásico de teatro para nenos e nenas que escribiu Carlos Casares en 1968. O espectáculo, dirixido e adaptado por Cándido Pena, é a última das propostas escénicas baseadas na obra do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2017.
A galiña azul que propón Tanxarina combina traballo actoral con monicreques, unha combinación marca da casa nunha compañía das máis veteranas de Galicia. En escena combínanse técnicas de manipulación de bonecos, a cargo de Pablo Giráldez Pastor, creador dos mesmos; e a presenza sobre as táboas dos actores Miguel Borines Fernández, Andrés Giráldez Rio e Eduardo Tatán.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.