Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Mostrando entradas con la etiqueta MANUEL MARIA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MANUEL MARIA. Mostrar todas las entradas

17 de mayo de 2016

VIDA E OBRA DE MANUEL MARÍA














A terra que tanto o inspirou, Outeiro de Rei, viu nacer a Manuel María Fernández Teixeiro o 6 de outubro do ano 1929. O primoxénito de Pastora Teixeiro Casanova e Antonio Fernández Núñez veu ao mundo na Casa de Hortas, o lugar que hoxe acolle a casa museo dedicada á súa figura. O futuro poeta medrou naquel fogar labrego acomodado tendo acceso a algunhas obras da literatura galega ou ao Gaiteiro de Lugo, que adoitaba mercar o seu pai. Pero tamén na escola á que acudiu en Rábade, á outra beira do río Miño, tivo un primeiro achegamento á poesía na lingua nai. Malia os tempos que corrían, o seu mestre dedicaba os sábados á lectura de Amado Carballo ou Manuel Antonio, que máis adiante deixarían pegada no primeiro poemario de Manuel María.
O vínculo afectivo coa Casa de Hortas manteríase sempre forte, pero con só 12 anos, tras a morte do pai, marchou vivir a Lugo co seu tío, Xosé Fernández Núñez, o párroco de San Froilán. Home severo e de gran formación intelectual, marcou o seu espertar á mocidade, no que ben axiña amosou o seu interese polo mundo literario. Manuel María soubo aproveitar como lector a biblioteca do tío, mais tamén gastaba os cartos que tiña en librarías de vello enchoupándose nos clásicos. Como poeta fincaba tamén alicerces: de volta a Outeiro de Rei polo verán, Manuel Paderna, xornaleiro na Casa de Hortas, aprendíalles a el e a outro rapaz a compoñer versos.
Tras un tempo nos Maristas, no quinto curso trasladouse ao Instituto de Lugo para rematar o bacharelato. Foi nesa época cando coñeceu a quen sería un dos seu grandes amigos, Uxío Novoneyra, e tamén aos intelectuais galeguistas que estaban na cerna da recuperación cultural no Lugo de finais dos anos 40 e comezos dos 50. Foi grazas ao seu profesor de Literatura, Lázaro Montero, cando lle presentou a Celestino Fernández de la Vega para que impartise unha conferencia no Círculo das Artes, dentro dun ciclo titulado "Los jóvenes valores lucenses". Manuel María coñeceu naquel acto a Luís Pimentel, a Juan Rof Codina e a outros habituais do faladoiro do Cantón Bar, que pouco despois se trasladaría ao Méndez Núñez.
En 1949, xunto ao seu amigo Manuel Antonio Sopena, Manuel María fundou a revista de poesía na que faría públicos por primeira vez versos da súa autoría. A publicación, por suxestión de Pimentel, chamouse Xistral, nome que anos despois foi recuperado para a colección de poesía que creou con Ánxel Xoán. Pouco despois, en 1950, saía do prelo o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas, escrito un ano antes, cando só tiña 19 anos. Con este poemario converteuse no primeiro autor novo en publicar en galego tras a guerra civil. Aínda debedora da mocidade, esta obra inaugurou a denominada Escola da Tebra, caracterizada pola influencia da filosofía existencialista de Martin Heidegger e Karl Jaspers, así como pola obra de Jean-Paul Sartre e Albert Camus.
O seu desexo era estudar Filosofía, pero en 1950 acabou matriculándose por libre na carreira de Dereito por vontade do seu tío. Froito daquela frustrante e curta experiencia, nunha noite de insomnio, segundo el mesmo contaría despois, escribiu Morrendo a cada intre, publicado en 1952. A morte do seu irmán pequeno nun atropelo incrementou a angustia existencial e deu lugar a Libro de pregos. Escrito en 1951, este poemario gañou o Premio Eduardo Pondal de Poesía en Buenos Aires en 1955 mais non se publicaría ata 1962. Desa época de desasosego é tamén Advento, co que gañou o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Buenos Aires no ano 1952.
Os versos da crise persoal de mocidade deron paso a unha nova etapa de apertura á paisaxe, inaugurada con Terra Chá. Manuel María coidaba que esta obra foi froito das lecturas d'O ermo de Noriega compartidas con Novoneyra no tempo libre que lles quedaba cando cadraron no campamento de Parga. Pero a maior parte do servizo militar fixérona os dous novos poetas en Compostela, onde Manuel María iniciou unha estreita relación con Ramón Otero Pedrayo e, sobre todo, co pintor Carlos Maside, que o introduciu nas teses marxistas. Alí tamén se incorporou ao faladoiro do Café Español a carón de Borobó, Bouza Brey, Ramón Lugrís, García Sabell, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo... e outros escritores máis novos como Pura Vázquez, Pilar Vázquez Cuesta, Celso Emilio ou Xosé Manuel Beiras. Manuel María era, xa naquela altura, coñecido nos centros culturais do país e participaba en numerosos recitais de poesía. Arredor de 1954 foi convidado por Ramón González Alegre, director da revista Alba, a colaborar na publicación e na súa casa coñeceu a dous poetas dos máis novos: Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín, co que mantería unha estreita relación. Ese mesmo ano viu publicados Advento e Terra Chá e gañou os Xogos Florais de Ourense, recoñecemento ao que seguirían moitos outros nos vindeiros anos.
Para se gañar a vida, o poeta decidiu preparase para procurador dos tribunais. Tras o servizo militar e de regreso a Lugo, mentres preparaba estas probas, que superaría en 1957 cunha das máximas cualificacións, Manuel María coñeceu a Saleta Goy, a súa muller e compañeira na meirande parte dos seus proxectos, presente tamén en diante ao longo da súa obra. A parella instalouse en Monforte de Lemos en 1958.
Nos anos sesenta e setenta a poesía e a narrativa de Manuel María avanzou desde unha voz existencialista ou pesimista cara ao compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo. No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina e formou parte da UPG e da Fronte Cultural da ANPG. A súa opción provocoulle marxinación en certos sectores intelectuais que, se ben traballaban na resistencia cultural, non aprobaban a participación en organizacións políticas marxistas. Neste contexto, a disparidade de posicións con respecto ao grupo de Galaxia levouno a crear Edicións Xistral no ano 1967. Desde este selo, coa colaboración de Basilio Losada e Lois Diéguez, lanzaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Lois Diéguez, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Xosé Luís Álvarez Pousa, Fiz Vergara Vilariño, Xosé Lois García, Bernardino Graña e o propio Manuel María. O mesmo nome que a editora levaríao a libraría que abriu xunto a Saleta en 1970, un auténtico centro de dinamización cultural desde Monforte.
Para daquela Manuel María era xa un dos poetas máis coñecidos de Galicia, mentres seguía a participar en múltiples iniciativas culturais. El mesmo presentou a Raimon no recital que o cantautor catalán deu no ano 1967 na Residencia de Estudantes de Santiago, que serviu de acicate para o nacemento dunha nova canción en lingua galega e antifranquista. Fixo igualmente o propio no concerto de presentación de Voces Ceibes, celebrado o 1 de decembro de 1968 na mesma cidade e incluso gravou ese ano un disco no que recitaba versos da súa autoría, Manuel María. Poemas ditos coa súa voz.
Do 68 é tamén o seu primeiro libro de poemas infantís, Os soños na gaiola, escrito cando a produción literaria en galego para o público máis novo apenas sumaba uns poucos títulos e unha década antes da introdución oficial da lingua galega no ensino. Tras saír á luz por primeira vez nunha edición non venal, en 1972 a Editorial Celta reeditouno e sería a partir dese momento cando empezaría a gañar popularidade, se ben á súa sona axudou moito o disco do mesmo nome que Suso Vaamonde gravou 1978, no que cantaba os seus versos. Pouco despois, en 1979, Manuel María fixo público As rúas do vento ceibe, outro éxito da poesía para o público máis novo e outra contribución destacada á normalización do idioma entre as novas xeracións.
Desde finais dos setenta e ao longo da década seguinte, a implicación política do escritor fora en aumento. Esta faceta tivo tamén a súa expresión poética, especialmente a partir de "Acuso á clase media" e outros poemas de perfil social e político incluídos en Remol(1970). En 1977, nas primeiras eleccións parlamentarias tras o franquismo, presentouse de número un na lista do BN-PG ao Senado por Lugo e nas primeiras eleccións municipais foi escollido concelleiro polo BNG en Monforte de Lemos. Máis tarde chegou a ruptura coa UPG-Liña Proletaria liderada por Ferrín, que concluíu coa continuidade de Manuel e Saleta na UPG.
A súa produción literaria non se viu reducida por mor da implicación política. Pola contra, o escritor multiplicou a súa actividade. A diversidade nos xéneros que cultivou foi recoñecida ao gañar, en 1976, o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega. Na súa poesía, 1977 supón un ano ponte entre Poemas para construír unha patria, o libro máis definido na aposta nacionalista, e Poemas ao Outono, que marcou en parte unha nova etapa que continuou con Poemas da labarada estremecida, publicado en 1981. Este libro, cun claro cambio de rumbo, dedicouno á súa historia de amor, analizando a vida desde unha perspectiva máis madura, con maior preocupación pola forma dos versos e no que se produce, tamén, un regreso á infancia, á paisaxe das súas orixes, Outeiro, a Terra Chá. En diante a poesía social ou patriótica que tanto cultivara na etapa anterior case desapareceu da súa produción, que seguiu a ser intensa.
Ademais de poesía, escribiu ensaios sobre Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Aresti ou Crecente Vega e publicou pezas de teatro e centos de artigos en xornais e revistas galegas ou de fóra como El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Progreso, Grial ou A Nosa Terra, onde escribiu baixo o pseudónimo Manuel Hortas Vilanova.
Como persoa comprometida socialmente, entre as últimas iniciativas coas que colaborou figuran as de Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis, a raíz do desastre do Prestige. En 1999 volveu ademais concorrer nunha lista electoral, polo BNG, na cita coas urnas que supuxo a designación do primeiro deputado nacionalista galego no Parlamento Europeo.
Ao longo da súa vida, foi recoñecido con numerosos galardóns como o Premio Celanova, Casa dos Poetas, outorgado en 1990, ou o Pedrón de Ouro, que recibiu en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro. O 15 de setembro de 1995 a Asociación Socio-Pedagóxica Galega dedicoulle unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e, en maio de 1997, a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou en Outeiro de Rei a homenaxe O escritor na súa Terra, na que se plantou un carballo, se descubriu unha pedra conmemorativa e se inaugurou unha rúa co nome do poeta. Outros lugares coma Lugo, Monforte ou A Pobra do Caramiñal contan tamén cunha rúa na súa honra. A influencia do escritor foi tal que a súa reivindicación da Terra Chá obtivo os seus froitos cando, en xuño de 1990, a Asociación Xermolos celebrou os Primeiros Encontros na Terra Chá. En 1999, os centros de ensino da comarca, xunto con colectivos culturais e concellos, decidiron celebrar todos os 21 de marzo o Día das Letras Chairegas, cuxo primeiro homenaxeado, no ano 2000, foi Manuel María. Noutra terra importante na súa vida, Monforte de Lemos, o poeta foi nomeado fillo adoptivo en 1987.
O 15 de febreiro de 2003, a proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, ingresou na Real Academia Galega co discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe.

OBRA




Autor dunha das obras máis extensas da historia da nosa literatura, Manuel María foi, sobre todo, poeta. 
Obra poética
Muiñeiro de brétemas. Pontevedra: Gráficas Torres, 1950.
Cinco pequenos poemas. Lugo: Antonio de Ron, 1951.
Morrendo a cada intre. Lugo: Imp. La Voz de la Verdad, 1952.
Advento. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1954.
Terra Chá. Lugo: Celta, 1954.
Libro de cantigas. Lugo: [s.n.], 1955.
Documentos personaes. Lugo: Celta, 1958.
Libro de pregos. Lugo: Celta, 1962.
Mar Maior. Vigo: Galaxia, 1963.
Versos frolecidos en louvanza de Foz. Foz: Bahía, 1967. Primeiro premio e 'frol natural' nos primeiros Xogos Florais de Foz, celebrados en 1966.
Proba documental. Monforte de Lemos: Fénix, 1968.
Versos pra un país de minifundios. Bos Aires: Nós, 1969.
Versos pra cantar en feiras e romaxes. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1969.
Remol. Bos Aires: Nós, 1970.
Canciós do lusco ó fusco. Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
Noventa e nove poemas de Manuel María. Razão Actual: Porto, 1972.
Odes num tempo de paz e de alegria. Razão Actual: Porto, 1972.
Aldraxe contra a xistra. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
Informe pra axudar a alcender unha cerilla. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1973.
Laio e clamor pola Bretaña. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
Seis pétalos de rosa en xeito de retrato. Ed. do autor, 1973. Asinado co pseudónimo Xohán Carneiro.
Cantos rodados para alleados e colonizados. Monforte de Lemos: Xistral, 1976.
Poemas ó outono. Monforte de Lemos: Xistral, 1977.
Poemas para construír unha patria. Santiago de Compostela: AN-PG, 1977.
O libro das baladas. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1977.
Catavento de neutrós domesticados. Lugo: Alvarellos, 1979.
Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
Versos do lume e do vagalume. Ourense: Galiza Editora, 1982.
Cantigueiro do Orcellón. O Carballiño: A. C. Avantar, 1984.
A luz ressuscitada. A Coruña: AGAL, 1984.
O camiño é unha nostalxia. A Coruña: Arrancada, 1985.
Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1985.
Oráculos para cavalinhos-do-demo. Ourense: Caixa Ourense, 1986.
Ritual para unha tribu capital do concello. Ourense: Follas Secas, 1986.
As lúcidas lúas do outono. A Coruña: Vía Láctea, 1988.
Sonetos ao Val de Quiroga. Quiroga: Concello de Quiroga, 1988.
Saturno. Barakaldo: A. C. Rosalía de Castro, 1989. Ed. Bilingüe galego-éuscaro.
Cancioneiro de Monforte de Lemos. Monforte de Lemos: Concello de Monforte, 1990.
Homenaxe ao regato do Cepelo. Ed. do autor, 1990.
Compendio de orballos e incertezas. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1991.
Hinos pra celebrar ao século futuro. Santiago de Compostela: Ed. Compostela, 1991.
Panxoliñas. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1992.
Antoloxía poética. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
Poemas a Compostela. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1993.
A primavera de Venus. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
Cantigas e cantos de Pantón. Pantón: Concello de Pantón, 1994. Editor literario.
Poemas para dicirlle a dúas lagoas. A Coruña: Espiral Maior, 1994.
O Miño, canle de luz e néboa. A Coruña: Espiral Maior, 1996.
Antoloxía poética. Vigo: AS-PG/A Nosa Terra, 1997.
Sonetos á casa de Hortas. A Coruña: Espiral Maior, 1997.
Cantos, coplas e romances de cego. Lugo: Ophiusa, 1998.
MiniEscolma. Ed. do autor, 1998.
Brétemas do muiñeiro. Pontevedra: Colección Hipocampo Amigo, 2000.
Camiños de luz e sombra (2000).
Obra poética completa I (1950-1979) e II (1981-2000). A Coruña: Espiral Maior, 2001.
Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba: Instituto de Estudos Chairegos, 2004.
Poemas escollidos. Outeiro de Rei: Casa-Museo Manuel María, 2015.
Obra narrativa 
Contos en cuarto crecente. Lugo: Celta, 1952.
O xornaleiro e sete testemuñas máis. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1971.
Kricoi, Fanoi e Don Lobonis. Vigo: Castrelos, 1973.
Os ontes do silencio. A Coruña: Nova Galicia, 1990.
Novena a Santa Isabel, por un devoto de Outeiro de Rei. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1995.
Historias do empardecer. Santiago de Compostela: Laiovento, 2003.
Obra dramática 
Auto do labrego: a Ramón Patiño, amigo, pintor e poeta, e mais que nada, galego. Porto: Escola tip. da oficiana de São José, 195?.
Auto da costureira. Bos Aires: Hogar Gallego para Ancianos, 197?.
Auto do taberneiro. 4 ventos. Monforte de Lemos: Xistral, 1970. 2ª ed.
Auto do mariñeiro (brevísima farsa dramática en tres tempos). Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
Barriga verde. Vigo: Castrelos, 1968.
Auto trascendental do ensino tradicional (1979).
Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.  Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
"Auto do Maio esmaiolado", en Cadernos da Escola Dramática Galega, 1985.
Abril de lume e ferro. Carral: Concello de Carral, 1989.
Auto do Castromil ou a revolución dos baúles. Santiago de Compostela: Castromil, 1992.
Farsa de Bululú. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
A lúa vai encoberta. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992.
Edipo. A Coruña: Universidade da Coruña, 2003. Edición de Miguel Anxo Mato.  
Obra infantil e xuvenil
Os soños na gaiola: (versos pra nenos). Lugo: Cartonajes ANMI, 1968.
As rúas do vento ceibe. Monforte de Lemos: Xistral, 1979.
A tribo ten catro ríos. Vigo: S.M., 1991.
Unha sombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos. Vigo: Xerais, 1991.
Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992.
Novos contos para nenos. [Galicia]: Citania, 1992.
Viaxes e vagancias de M. P. Vigo: S.M., 1994.
As ribeiras son escuras. A Coruña: Everest Galicia, 1997.
O bigote de Mimí. A Coruña: Everest Galicia, 2003.
Obra ensaística 
Notas en col da poesía de Fermínn Bouza-Brei. A Coruña: Real Academia Galega, 1958.
Noticia da vida e da poesía de Xosé Crecente Vega. Coimbra: Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, 1968.
Noticia da poesía galega de posguerra.  Lisboa. 1972, Sociedade da Língua Portuguesa).
Homes, feitos e palabras. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1996.
A Terra Chá: poesía e paisaxe. A Coruña: Real Academia Galega, 2003. Discurso lido o día 15 de febreiro de 2003, no acto da súa recepción na Real Academia Galega.
Andando a Terra. Vigo: A Nosa Terra, 1990.  Escolma dos artigos publicados no xornal A Nosa Terra co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova, ao coidado de Miguel A. Mato Fondo e Mª Pilar García Negro.
Memoria da terra: prosa xornalística escollida. Outeiro de Rei, Casa Museo-Manuel María, 2015.









13 de mayo de 2016

ÉXITO DA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN HOMENAXE A MANUEL MARÍA








Onte procedeuse a inauguración da exposición realizada en colaboración con todos os centros de ensino de Cambados, un traballo comezado hai varios meses cun proxecto conxunto entre os Departamentos de Normalización Lingüística dos centros e a concellería de cultura do Concello de Cambados. 

Completouse o acto cunha proxección de vídeos coa voz de Manuel María, unha conferencia  sobre Manuel María a cargo de Ramón Blanco Fernández, profesor de galego do IES Francisco Asorey, un recital poético no que parcitipará alumnado dos centors de infantil a secundaria e rematou cunha actuación musical de Anxo Xesteira que cantou varios poemas de Manuel María.




















11 de mayo de 2016

EXPOSICIÓN E RECITAL HOMENAXE A MANUEL MARÍA










“MANUEL MARÍA,
LETRAS GALEGAS”
Exposición homenaxe dos centros de ensino de Cambados
Acto de inauguración e recital poético


Mañán xoves dia 12, procederase á inauguración da exposición realizada en colaboración con todos os centros de ensino de Cambados, un traballo comezado hai varios meses cun proxecto conxunto entre os Departamentos de Normalización Lingüística dos centros e a concellería de cultura do Concello de Cambados.

Completarase o acto cunha proxección de vídeos coa voz de Manuel María, unha conferencia  sobre Manuel María a cargo de Ramón Blanco Fernández, profesor de galego do IES Francisco Asorey, un recital poético no que parcitipará alumnado dos centors de infantil a secundaria e rematará cunha actuación musical de Anxo Xesteira que cantará varios poemas de Manuel María.






27 de abril de 2016

CONFERENCIA DE ADELA LEIRO SOBRE "MANUEL MARÍA E A NATUREZA"











En Exposalnés, Conferencia “Manuel María e a natureza” a cargo de Adela Leiro

Lois (Profesora de Ciencias Naturais, presidenta da Asociación Candea e

divulgadora cultural).

Venres 29 de abril a partires das 8,30 da tarde.





18 de abril de 2016

INAUGURADA A EXPOSICIÓN SOBRE MANUEL MARÍA E O MIÑO








Hoxe ás 12 inaugurouse a exposición “O Miño canle de luz e néboa” a que asisteu o concelleiro de Cultura Víctor Caamaño.
Esta exposición é aberta a todo o público en horario de mañán, de 9,45 a 2,30 e pola tarde de 4 a 8 desde hoxe 18 ao 29 de abril, no I.E.S. Asorey de Cambados.



Esta exposición é froito dun traballo de colaboración entre o IES Francisco Asorey, A Casa Museo “Manuel María” e o Concello de Cambados.
Neste ano 2016 en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, e no que se cumpren 20
anos da publicación do seu libro de poemas “O Miño canle de luz e néboa”,
presentamos esta exposición que combina poemas de Manuel María co estudo do río
Miño, aproveitando un traballo realizado polo alumnado de Ciencias Naturais e
Sociais de 1º da ESO en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga, no que se quería facer fincapé na importancia dos ríos para vida e a economía e o seu caracter plurinacional/cultural.


Deseño, montaxe e fotos:  Xea, Casa Museo Manuel María
Colaboran: Departamentos de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Lingua
Galega e Dinamización Linguística do IES Francisco Asorey.
A exposición está formada por 10 paneis en lona flexible de 1 m de ancho por 1,70 m de alto.
Os centros ou entidades interesadas en expoñela poden solicitala ao IES Francisco Asorey (986520161) ies.francisco.asorey@edu.xunta.es ou á Casa Museo Manuel María http://www.casamuseomanuelmaria.gal


MANUEL MARÍA FERNÁNDEZ TEIXEIRO
Outeiro de Rei (6-10-1929), A Coruña (8-9-2004)
Publicou máis de cincuenta libros de poesía, máis dun milleiro de artigos xornalísticos, trinta ensaios, quince obras narrativas, e vinte pezas teatrais, ademais de moitas obras aínda inéditas.
Amosou ao longo da súa obra un forte apego á natureza e asumiu desde o primeiro momento a defensa de todos os elementos que a conforman, desde o máis pequeno dos regatos ao río principal, as árbores, as criaturas grandes e pequenas, as plantas silvestres e as plantas que dan de comer, os animais que traballan e os que gozan da vida en liberdade… Ningún elemento foi alleo, ou deixado de ter en conta, e todos foron tratados cun intenso agarimo e un afectuoso sentimento. Entre todos ocupa un lugar principal o río Miño, ao pé do que naceu e ou que estivo desde sempre presente na súa obra.


AVISO
…
O autor procurou, na medida das súas escasas e limitadas forzas, con este libro, dicirlle ao Miño, na actualidade tan agredido, o seu apaixoado amor, contando e cantando, como pode e sabe, os traballos e os días do noso Grande Río. Non en vano as súas caudalosas augas arrolaron o noso berce, asombraron a nosa infancia, puxéronlle alegre e desbordada música ás poderosas paixós e desasosegos da nosa adolescencia e xuventude e, nos anos da nosa madurez, o seu monótono rumor encheu a nosa melancónica nostalxia, pois a vida non nos permitiu permanecer ao pé do Miño natal como era o noso desexo, para, á súa beira, ir gastando as nosas horas medidas polas mansas ou alporizadas ondas.
…
Texto de introducción do libro  O MIÑO CANLE DE LUZ E NÉBOA, Manuel María, 1996

RÍO MIÑO
O Miño é o río máis longo e máis importante de Galicia. Atravesa o territorio de nordeste a suroeste recollendo auga das principais serras.
Nace no Pedregal de Irimia (Serra de Meira) e desemboca no Atlántico, entre A Guarda e Caminha, despois dun percorrido de 307, 5 km. A súa cunca abrangue unha superficie de 17.026 km2 en Galicia, Castela-León e Portugal, nunha área de clima atlántico, máis húmido no curso alto e máis seco e cálido nos cursos medio e baixo.
É un río de réxime pluvial, con augas altas en inverno e moderada estiaxe durante o verán, cun caudal de 419,9 m3/s
Unha boa parte da cunca do Miño e os seus afluentes está protexida:
-RESERVAS DA BIOSFERA: Terras do Miño e Terras de Allariz.
-PARQUES NACIONAIS: Invernadoiro, Enciña da Lastra, Peneda-Gerès.
-LICS: Serra do Xistral, Parga-Ladra-Támoga, Miño-Neira, Canóns do Sil, O Courel, Monte Faro, Pena Veidosa, Baixo Miño, Careón, Río Cabe, Pena Trevinca, Macizo Central, Bidueiral de Montederramo, Río Navea, Río Tea, Gándaras de Budiño (Galicia); Alto Sil, Ribeiras do Sil e afluentes, Enciña da Lastra e Ancares (Castela-León)
-ZEPA: Enciña da Lastra, Esteiros do Miño e Coura.


Horario
Mañán de 9,45 a 2,30 e tarde de 4 a 8
do 18 ao 29 de abril







14 de abril de 2016

O IES ASOREY ACOLLE A EXPOSICIÓN "O MIÑO, CANLE DE LUZ E NÉBOA"






Os departamentos de CCSS, Bioloxía e Xeoloxía, Lingua Galega e Literatura e Dinamización linguistica do I.E.S. Asorey  vai instalar no vestíbulo do Centro a exposición “O Miño, canle de luz e néboa”
A inauguración terá lugar o vindeiro luns, 19 de abril, ás 12:00 h. e permanecerá aberta no centro educativo ata o 29 de abril.

Esta exposición é froito dun traballo de colaboración entre o IES Francisco Asorey e A Casa Museo.
Neste ano 2016 en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, e no que se cumpren 20
anos da publicación do seu libro de poemas “O Miño canle de luz e néboa”,
presentamos esta exposición que combina poemas de Manuel María co estudo do río
Miño, aproveitando un traballo realizado polo alumnado de Ciencias Naturais e
Sociais de 1º da ESO en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga.


Deseño, montaxe e fotos:  Xea, Casa Museo Manuel María
Colaboran: Departamentos de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Lingua
Galega e Dinamización Linguística do IES Francisco Asorey.






5 de abril de 2016

CONFERENCIA SOBRE MANUEL MARÍA








O venres en Exposalnés, terá lugar a conferencia “A poesía última de Manuel María” a cargo de Manuel López Foxo (escritor, activista cultural, e autor de traballos e libros sobre Manuel María).
No Salón de Actos de Exposalnés ás 20:30 do venres.

Manuel López Foxo

Comezou a colaborar na prensa aos dezasete anos, cultivando preferentemente  o xornalismo cultural. As súas primeiras colaboracións foron nos anos setenta en “La Voz de Ortigueira” e nas páxinas culturais de “El Ideal Gallego” e  “A Nosa Terra”. Por esa mesma época  impulsou a creación da Asociación Cultural Ramón Cabanillas e a recuperación de figuras como Ramón Armada Teixeiro ou Federico Maciñeira.  Foi, asi mesmo, cofundador de Edicións O Paporroibo e coordinador xeral da Universidade Popular de Ortigueira, pola que pasaron as principais personalidades da cultura galega e figuras como José Luís Sampedro. Entre os seus traballos cómpre destacar “Ortigueira na cultura galega”, “O país de nós”, “Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde”  e “Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)”. Comprometido co nacionalismo galego desde moi mozo, foi militante da AN-PG.












30 de marzo de 2016

PRESENTACIÓN DA BIOGRAFÍA DE MANUEL MARÍA










Este venres 1 de marzo terá lugar no auditorio de A Xuventude a presentación do libro LABREGO CON ALMA DE POETA de Mercedes Queixas Zas. A biografía de Manuel María.

Falarán: Víctor Caamaño concelleiro de Cultura
             Victor Freixanes, Dir. Xral. da Ed. Galaxia e
             Mercedes Queixas Zas a autora da biografía

A música correrá a cargo de Xoán Silva e Blas

Colaboran as Librarías Contos e Cabanillas


EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas en Galaxia:
“- Galaxia (G): Por que este título para este libro Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María
– Mercedes Queixas (MQ): Procurei un título que achegase ao público lector unha definición totalizadora do autor e pareceume que eses versos seus tirados do poema titulado “Carné de identidade” o eran. A íntima conexión coa Terra e a necesidade de pulsar incansabelmente o convivio coa Poesía foron a cerna do ser e do sentir vital de Manuel María.
– G: Cal foi a principal dificultade coa que te atopaches á hora de encetar este traballo?
– MQ: Manuel María aínda é sentido en presente, non o vemos, mais a súa obra, tan popularizada en vida, segue nas lecturas e relecturas de moita xente, así como a emoción das lembranza de vida compartida.
A Manuel María nada lle era alleo no seu tempo, as claves da súa vida e da súa escrita, camiños paralelos, están marcadas pola acción, pola implicación, o que explica a súa presenza e acompañamento en multitude de actos ora de xénese literaria ora formativa, divulgativa ou reivindicativa, xunto á súa necesidade de percorrer o País para o coñecer e, ao tempo, se coñecer a si mesmo e a súa tribo, o que o levou a manter contacto con multitude de persoas, colectivos, asociacións, etc. que o seguen a lembrar como memoria viva.
Manuel María era un gran conversador e un brillante orador, é difícil non sentirmos aínda en nós a súa voz penetrante e segura, o discurso do intelectual comunicador próximo ao auditorio.
É unha figura tan viva, tan apreciada, que quixen que nesta biografía tivesen voz propia algunhas persoas que testemuñasen a relevancia do noso autor como poeta e como cidadán amante do seu pobo, comprometido co seu presente e futuro.
Non poder dar cabida a moitas máis voces nese coro para min tan necesario, xunto á necesidade de sintetizar unha vida tan intensa no plano individual e colectivo do autor do maior corpus literario desde 1950, foi sen dúbida a maior dificultade.
Saleta Goi, a compañeira e confidente do poeta, quen me transmitiu toda a confianza necesaria para este traballo e a quen debo a maior das gratitudes. (…) 
– G: No teu anterior traballo na nosa editorial achegácheste á figura de María do Carme Kruckenberg. Agora, a Manuel María. Como se fai para achegarse á vida e obra de poetas tan grandes coma eles dous?
– MQ: Achegueime a María do Carme Kruckenberg como poeta, como lectora da súa poesía da que fiquei prendada e a que me levou a espertar curiosidades sobre a súa vida, após ter coincidido con ela e escoitado recitar coa súa voz firme e contundente. Felizmente, para reconstruír esa biografía e poñela por escrito ela foi a protagonista principal e a súa voz é quen enfía as palabras dos días intensamente vividos.
A Manuel María coñecino a comezos dos anos 90, recén licenciada en filoloxía, cando me recibiu na libraría Xistral, que atendía con Saleta en Monforte, xunto a un compañeiro de promoción, Anxo Gómez. Aceptara manter un encontro connosco para nos informar sobre Xan da Cova, un autor que estabamos a investigar para editar unha obra súa. Aquela visita marcoume para sempre, a súa naturalidade, a conversa lúcida e sabia, envolvente, a súa xenerosidade fíxonos conscientes de que acababamos de vivir unha experiencia única e irrepetíbel.
Coincidir con el na vida sociocultural da Coruña, acudir a algunha presentación súa, partillar algunha tertulia na cafetaría Kirss da cidade, guioume para a lectura continuada da súa obra tan fértil, tan plural nas formas métricas, no discurso, no obxectivo e ao tempo tan innovadora. Lembro a impresión que levei cando tiven nas mans os dous volumes da súa obra poética. Algo así só é quen de facelo un ser único que viviu cun profundo amor á súa terra, ao seu país, á súa tribo, á poesía e á vida.”







9 de marzo de 2016

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “MANUEL MARÍA: POETA DA TERRA”







As actividades en homenaxe a Manuel María arrincan o vindeiro venres no auditorio da Xuventude, coa inauguración, ás 20,00 horas, dunha exposición titulada "Manuel María, poeta dá terra".
A continuación celebrarase unha conferencia a cargo de Francisco Rodríguez, exdiputado nacionalista no Congreso e profesor de lingua e literatura. O acto finalizará coa actuación musical de Mini e Mero do grupo A Quenlla.