Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

18 de abril de 2016

INAUGURADA A EXPOSICIÓN SOBRE MANUEL MARÍA E O MIÑO








Hoxe ás 12 inaugurouse a exposición “O Miño canle de luz e néboa” a que asisteu o concelleiro de Cultura Víctor Caamaño.
Esta exposición é aberta a todo o público en horario de mañán, de 9,45 a 2,30 e pola tarde de 4 a 8 desde hoxe 18 ao 29 de abril, no I.E.S. Asorey de Cambados.



Esta exposición é froito dun traballo de colaboración entre o IES Francisco Asorey, A Casa Museo “Manuel María” e o Concello de Cambados.
Neste ano 2016 en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, e no que se cumpren 20
anos da publicación do seu libro de poemas “O Miño canle de luz e néboa”,
presentamos esta exposición que combina poemas de Manuel María co estudo do río
Miño, aproveitando un traballo realizado polo alumnado de Ciencias Naturais e
Sociais de 1º da ESO en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga, no que se quería facer fincapé na importancia dos ríos para vida e a economía e o seu caracter plurinacional/cultural.


Deseño, montaxe e fotos:  Xea, Casa Museo Manuel María
Colaboran: Departamentos de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Lingua
Galega e Dinamización Linguística do IES Francisco Asorey.
A exposición está formada por 10 paneis en lona flexible de 1 m de ancho por 1,70 m de alto.
Os centros ou entidades interesadas en expoñela poden solicitala ao IES Francisco Asorey (986520161) ies.francisco.asorey@edu.xunta.es ou á Casa Museo Manuel María http://www.casamuseomanuelmaria.gal


MANUEL MARÍA FERNÁNDEZ TEIXEIRO
Outeiro de Rei (6-10-1929), A Coruña (8-9-2004)
Publicou máis de cincuenta libros de poesía, máis dun milleiro de artigos xornalísticos, trinta ensaios, quince obras narrativas, e vinte pezas teatrais, ademais de moitas obras aínda inéditas.
Amosou ao longo da súa obra un forte apego á natureza e asumiu desde o primeiro momento a defensa de todos os elementos que a conforman, desde o máis pequeno dos regatos ao río principal, as árbores, as criaturas grandes e pequenas, as plantas silvestres e as plantas que dan de comer, os animais que traballan e os que gozan da vida en liberdade… Ningún elemento foi alleo, ou deixado de ter en conta, e todos foron tratados cun intenso agarimo e un afectuoso sentimento. Entre todos ocupa un lugar principal o río Miño, ao pé do que naceu e ou que estivo desde sempre presente na súa obra.


AVISO
O autor procurou, na medida das súas escasas e limitadas forzas, con este libro, dicirlle ao Miño, na actualidade tan agredido, o seu apaixoado amor, contando e cantando, como pode e sabe, os traballos e os días do noso Grande Río. Non en vano as súas caudalosas augas arrolaron o noso berce, asombraron a nosa infancia, puxéronlle alegre e desbordada música ás poderosas paixós e desasosegos da nosa adolescencia e xuventude e, nos anos da nosa madurez, o seu monótono rumor encheu a nosa melancónica nostalxia, pois a vida non nos permitiu permanecer ao pé do Miño natal como era o noso desexo, para, á súa beira, ir gastando as nosas horas medidas polas mansas ou alporizadas ondas.
Texto de introducción do libro  O MIÑO CANLE DE LUZ E NÉBOA, Manuel María, 1996

RÍO MIÑO
O Miño é o río máis longo e máis importante de Galicia. Atravesa o territorio de nordeste a suroeste recollendo auga das principais serras.
Nace no Pedregal de Irimia (Serra de Meira) e desemboca no Atlántico, entre A Guarda e Caminha, despois dun percorrido de 307, 5 km. A súa cunca abrangue unha superficie de 17.026 km2 en Galicia, Castela-León e Portugal, nunha área de clima atlántico, máis húmido no curso alto e máis seco e cálido nos cursos medio e baixo.
É un río de réxime pluvial, con augas altas en inverno e moderada estiaxe durante o verán, cun caudal de 419,9 m3/s
Unha boa parte da cunca do Miño e os seus afluentes está protexida:
-RESERVAS DA BIOSFERA: Terras do Miño e Terras de Allariz.
-PARQUES NACIONAIS: Invernadoiro, Enciña da Lastra, Peneda-Gerès.
-LICS: Serra do Xistral, Parga-Ladra-Támoga, Miño-Neira, Canóns do Sil, O Courel, Monte Faro, Pena Veidosa, Baixo Miño, Careón, Río Cabe, Pena Trevinca, Macizo Central, Bidueiral de Montederramo, Río Navea, Río Tea, Gándaras de Budiño (Galicia); Alto Sil, Ribeiras do Sil e afluentes, Enciña da Lastra e Ancares (Castela-León)
-ZEPA: Enciña da Lastra, Esteiros do Miño e Coura.


Horario
Mañán de 9,45 a 2,30 e tarde de 4 a 8
do 18 ao 29 de abril







No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.