160 entidades de 46 concellos da provincia se beneficiarán da iniciativa de envellecemento activo e mellora da calidade de vida das persoas maiores
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as solicitudes dos obradoiros do programa Depo En Marcha para o ano 2016, unha iniciativa elaborada polo servizo de Cohesión Social e Xuventude. Tras adxudicar a contratación da execución do programa na Xunta de Goberno do pasado 23 de xuño á empresa "Magnafor Qualitas, S.L.", que ofertou un prezo por obradoiro de 745,36 €, pódeselle dar cobertura a un total de 160 cursos, o que supón un incremento de 60 obradoiros fronte aos ofertados inicialmente. O custo máximo para a institución provincial desta iniciativa, IVE incluído, é de 120.000 €.
As entidades beneficiarias de maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra tiveron que cumprir algún dos seguintes requisitos: seren asociacións, federacións ou confederacións e fundacións que figuren no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; seren entidades que figuren no Rexistro Xeral de Asociacións dentro da provincia e clasificadas na categoría "terceira idade–pensionistas–xubilados"; seren asociacións de maiores, pensionistas, persoas prexubiladas e xubiladas malia non estar recollidas nos anteriores rexistros ou entidades que, sen o estar tampouco, xustifiquen o seu labor no eido das persoas maiores.
As entidades beneficiarias pertencen aos concellos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, O Rosal, Pazos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Todos eles forman parte dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Cohesión Social e Xuventude, posta en marcha tras detectar a necesidade de establecer medidas que favorezan o envellecemento activo, optimizando as oportunidades de saúde, de participación e de seguridade coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra.
Á súa vez, Depo En Marcha tamén busca o establecemento de relacións sociais e de movementos de participación e cooperación social entre as persoas participantes, polo que promove por unha banda o establecemento de espazos de encontro e de intercambio de experiencias e, por outra, a independencia das persoas maiores, evitando o illamento e as situacións de soidade que se dan en moitas ocasións entre as persoas que se atopan neste rango de idade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.