Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

24 de agosto de 2025

SANTA SABELA FOLE

 

A IGREXA CATOLICA ESTUDIA FACER SANTA A SABELA FOLE

      

                                                                      POR RICARDO DOMINGUEZ REY

              Hai un rumor que comeza a tomar forma que asegura que o párroco Xosé Aldao  xa se puxo en contacto co Arcebispado de Compostela  pra pedir a canonización da lider da oposición cambadesa, Sabela  Fole;  estas xestións estanse levando de forma discreta ou, polo menos,  coa mesma discreción  con que levou   a cabo,  a propia Sabela  Fole, o tema da adquisición  do asilo de Cambados. O camiño a percorrer non será doado porque pra facer santa a alguén require dunha serie de requisitos, algúns que a cambadesa xa cumpre e outros que aínda  non  pero como se di nestes casos: “Os camiños do Señor son inescrutables”  pero todo andarase i exemplos temos de sobra, sen ir mais lonxe ¿quen lle ia a dicir a Rafael Louzán, home honrado onde os haxa, e que a finais dos  anos noventa ocupaba a súa humilde praza de conserxe nun colexio que hoxe en dia seria  o todopoderoso presidente da Real Federación Española  de Fútbol? Pois neste caso o mesmo; obviamente pra ser santo ou, neste caso, santa como xa sinalamos anteriormente  hai unha serie de requisitos que cumprir: a futura santa  tivo que vivir martirio pola súa  fe e ¿acaso que é o que está a sufrir a boa de Sabelita senón un verdadeiro martirio? Soamente ela sabe a dor que está a pasar por culpa do actual goberno municipal  cambadés, uns pecadores, sen dubida, que pra o ano non declararon festivo local  o sábado 18 de xullo dia de Santa Mariña, din que  a súa “cariña” , cando coñeceu   tal decisión,  era todo un poema, vamos que  nin a mesmísima  Xoana de Arco (outra santa por certo) tiña tan mal rostro cando morreu ardendo na fogueira; dende tan fatídico dia Sabela Fole iniciou a súa particular cruzada e que esa  sería a razón fundamental pra que agora  o párroco Xosé Aldao solicita  a súa canonización.

              Obviamente pra ser nomeada santa un requisito necesario é atribución, como mínimo, dun milagre e pra iso Sabela non dubida botar man do seu partido, porque ¿acaso non foi un milagre que o PP lograra  que un tipo tan incompetente e sórdido como Feijoo chegara a presidente da Xunta? Incluso coméntame o meu topo no Partido Popular de Galicia que xa están mans á obra e o milagre a facer non sería outro que a conversión ou recuperación pra fe católica  dun dos promotores  e cabezas visibles do sacrilexio de quitar a  festividade de Santa Mariña.Imaxinade por un momento a escena: atoparíase,  de noite,  na súa casa Tino Cordal lendo “O manifesto comunista”, cantando “A  Internacional”, comendo recen nacidos ou calquera  outra maldade das que fan habitualmente  os “rojos”, de súpeto, comezaría  a soar musica celestial e do teito baixaría Sabela Fole ataviada coma a Virxe do Pilar  ou a Inmaculada Concepción, rodeada de anxos, entón dirixiríase a un  Tino Cordal abraiado pola escena coas seguintes palabras: “¿Por que, Constantino? ¿Por que estás levando a este santo pobo polo camiño da perdición e do pecado? Primeiro quitas a festividade de Santa Mariña ¿que será o próximo? ¿Adorar ao diaño na praza de San Benito? ¿Non comprendes que estás a condenar a túa alma pola eternidade?” i, entón, un Tino Cordal arrepentido tiraríase ao chan suplicando o perdón da futura santa  e prometendo que non só restauraría o Santa Mariña como festivo local senón que, tamén,  declararía festivo local o día do nacemento da propia Sabela.

De todos modos si con este milagre non chegase o PP estuda unha segunda vía que é que Sabela, ao igual que Xesús poda converter a auga en viño pero ao revés, vamos,  que o viño o poida converter en auga algo que, sen dubida, agradecerá certo membro do Capitulo do Serenísimo que fai unhas semanas un xulgado retiroulle o carné de conducir porque cando o pararon e o fixeron soprar, pouco menos que pensou que era unha gaita e case ponse a tocar unha muiñeira.   

Caralladas aparte, queridas amigas e amigos,   como xa de seguro comprenderiades  todo o anteriormente descrito  é un relato de ciencia ficción, basicamente  por dous motivos: o primeiro é que o párroco Xosé Aldao, dada a súa personalidade  egocéntrica  non movería un dedo pra facer santo a ninguén que non fora el mesmo e a segunda e mais importante:  que pra iniciar o proceso de canonización dunha persoa ten levar morta como mínimo 5 anos, algo que, dende logo, non lle desexamos a Sabela Fole,senón  todo o  contrario, oxalá viva moitos anos (e sobre todo  que  nos o vexamos) pero é que, sinceramente, esta polémica é tan ridícula e tan absurda que tes que tomala con absoluto “cachondeo” ou coma  unha  broma pesada .

A continuación explicarei de forma detallada porque todo este asunto non deixa de ser unha monumental   parvada  pero antes quero deixar ben  claro que isto non vai contra as crenzas de ninguén, as cales son moi respectables como, do mesmo xeito, espero que se respecten as miñas non crenzas; de feito en mais dunha ocasión teño declarado que a mellor proba de que non existe Deus son as procesións de Cambados porque, si de verdade existira tal ser e vira quen vaia a tales procesións e  coa de pecados que acumulan, a mais de un (e a mais de unha) xa lle tería metido un raio polo cu.

¿Que levou a Sabela Fole a criticar todo o tema de que no ano 2026 Santa Mariña non sexa declarado festivo local? Pois basicamente crear unha cortina de fume e non falar do que  verdadeiramente importa ao pobo;como xa saberedes moitos nestas ultimas semanas  fíxose oficial a compra do Pazo de Montesacro, antigo asilo de anciáns por parte dunha inmobiliaria e moita xente aínda andamos preguntarnos cales foron, exactamente, as xestións que, presuntamente, dixo levar a cabo  Sabela Fole no seu dia,  de “forma discreta”,    pra que o Pazo de Montesacro quedara pra o pobo. Probablemente tales xestións nunca existiron e ditas declaracións  foron feitas, unica e exclusivamente, porque Galiza estaba inmersa nunhas eleccións autonómicas e Sabela tiña que dicir algo, en resumidas contas, a lider da oposición no concello limitouse a  tomarlle o pelo a tódolos cambadeses.

Por certo e antes de seguir quería comentar  outro tema que preocupa e moito aos cambadeses como é esa bomba de reloxería  chamada Altri que queren construír en Palas de Rei i que  é un claro risco pra a pesca e o marisqueo das rias e, por extensión, para  moitos cambadeses que viven de tales sectores,

pois ben ¿algún escoitou a Sabela Fole dicir o que pensa sobre este asunto realmente importante? Ao mellor é que tiña  xa a cabeza ocupada mirando  o calendario pra ver que outros días festivos hai no ano e non tivo tempo de elaborar unha opinión.

Volvendo ao tema que nos ocupa eu fágome unha pregunta ¿realmente impórtalles algo aos cambadeses que Santa Mariña  non sexa declarado festivo local ou como sinalei anteriormente non sexa de ser unha cortina de fume de Sabela Fole?

Si fixeramos un enquisa ou unha lista sobre cales son as festas preferidas ou mais seguidas  polos cambadeses,  probablemente, a festa de Santa Mariña non estaría nin sequera no Top 5; sen lugar a dubidas o primeiro  lugar  desa lista ocuparíao, de lonxe,  a Festa do Albariño, o segundo lugar  o Antroido, mentres que o  terceiro lugar  sería, por tradición, para  San Benito, ata aquí non creo que haxa moitas discrepancias, o cuarto e o quinto estaría entre  tres festas que se celebran dous días: San Roque, a Valvanera e a Pastora (que nestes últimos anos tivo un claro rexurdimento)  e isto non é que o diga eu senón xente que vive  mais as festas ca min e teñen unha opinión moito mais válida: no ano 2017 a comparsa cambadesa “Los lunes al col” ,auténticos festeiros onde os haxa, na súa paxina de Facebook colgaban un post moi interesante no que facían unha reflexión moi certeira  e da que eu rescato un fragmento que non pode ser mais apropiado  sobre o  que estamos falando:

“(...) Somos conscientes de que os festivos locais só poden ser dous no ano, e agora temos  San Benito (11 de Xullo) e Santa Mariña  (18 de Xullo),  polo que a nosa proposta é cambiar un deles. Vista a afluencia de fieis e de público todos os anos ás festas e a repercusión de ambas,cremos que se pode cambiar a celebración de Santa Mariña para o 25 de Xullo, festivo en Galicia e liberar así  un festivo local. Cremos que só traería vantaxes para todxs, polo que pasamos a enumerar algunhas delas  (...).

 Moita xente pensará que isto supón un cambio tremendo nas súas vidas e que imposible, que nunca pasou, que vai ser un caos e que a patroa ten o seu dia inamovible. Só pedimos menos esaxeracións e falsas indignacións; e mais argumentación e mirar cara adiante para mellorar as cousas. Cremos que pode ser unha medida que beneficie  á inmensa maioría da sociedade (...).  

O texto é  mais extenso e convídovos a que o busquedes pero, dende logo,  os amigos de “Los lunes al col” xa  fai 8 anos   non podían  estar mais acertados e aínda que eles  o enfocaban  a que ese dia festivo local fora colocado no  Antroido, eu propoño outra alternativa que podería ser na Festa do Albariño, como, por exemplo, fai a veciña Ribadumia que coloca un dos seus festivos locais sempre no venres da Festa do Viño Tinto.

Podería seguir ata a saciedade  dando argumentos pra demostrar  que a  protesta da señora Fole porque o próximo ano Santa Mariña non sexa declarado festivo local é unha autentica parida e unha mexada fora de testo pero non quero estenderme moito; en calquera caso pra a súa tranquilidade  voulle dar un dato: o próximo 18 de xullo que cae en sábado é dentro de 12 anos, no 2037,  e si, por entón, ela aínda non é alcaldesa e sigue gobernando a esquerda e optan por facer o mesmo, quizais ela xa se teña acollido a unha xubilación anticipada e poda ir, sen ningunha preocupación,  á procesión dándolle o mesmo que sexa festivo local ou non                                                             

UN SAUDO A TODAS E TODOS  RICARDO DOMINGUEZ REY

 

 

     

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.