A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de pechar un acordo coa Casa de Galicia en Montevideo para exhibir a Santa, escultura en madeira policromada de Francisco Asorey. Trátase dunha das pezas máis destacadas do traballo do escultor cambadés, e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos vixentes naquel tempo.
Considerada polo propio escultor como a obra da que estaba máis satisfeito, esta peza levaba fóra de Galicia desde 1951, cando foi enviada ao Uruguai. Volverá pois por vez primeira a España en case setenta anos para ser exhibida na mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira das grandes exposicións internacionais do Goberno galego con motivo do Xacobeo 2021, que se inaugurará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro.
Controversia arredor desta obra mestra

Foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, onde Asorey levaría a primeira medalla da exposición con outra obra, San Francisco. A Santa, pola súa banda, provocou gran sorpresa e un amplo debate na prensa, dando lugar a discusións –que mesmo chegaron ás portadas de xornais como o ABC¬ arredor da representación do corpo da muller e tamén ao fío da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega galega, pero que tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época.
A obra sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. No outro extremo, o mesmo Valle Inclán, nunha entrevista na Revista de Arte Gallego en 1930, descualificaría a obra tachándoa de “grotesca”. Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”.
A Santa foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) e partiu de Vigo para América en 1951. “Trátase dunha testemuña imprescindible do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América, e unha mostra do interese da diáspora pola cultura de Galicia”, explica o xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño, comisario de Galicia, un relato no mundo, que conta tamén coa historiadora Pilar Cagiao Vila como asesora especial para a Emigración.
Testemuños da Galicia da emigración americana
Con motivo desta exposición, cruzarán tamén o Atlántico e poderanse ver por primeira vez en Galicia dúas pezas moi vencelladas ao nacemento das comunidades galegas en América, que serán fundamentais na conformación da identidade da Galicia contemporánea.

Por outra banda, en Galicia, un relato no mundo exhibirase tamén a talla do Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, da Habana. Esta pequena escultura policromada é unha figura simbólica da formación da primeira agrupación galega en Cuba e un exemplo da presenza do Apóstolo Santiago como símbolo dos galegos en América desde a época colonial. A entidade foi constituída en 1871 como unha sociedade asistencial –destinada a socorrer aos emigrantes galegos na súa vida e a súa morte– e antecedeu no tempo á creación do Centro Galego de La Habana. A sociedade existe aínda hoxe, prestando para a exposición esta imaxe relixiosa do seu Santiago Matamouros, que presidiu a entidade e saía en procesión polas rúas da Habana todos os anos ata a revolución cubana de 1959.
A presenza de Galicia na América colonial
Entre as máis de 300 pezas exhibidas en Galicia, un relato no mundo destaca tamén unha obra de gran formato e moi pouco coñecida: o retrato ecuestre de Pedro Antonio Fernández de Castro, X Conde de Lemos, que foi vicerrei do Perú entre 1667 e 1672. O cadro vincúlase coa participación da alta aristocracia galega no goberno da América colonial e atópase actualmente no Museo de Arte Español Enrique Larreta (Buenos Aires).
Trátase dunha representación única dun aristócrata galego do século XVII, debida ao seu cargo como vicerrei. As pinturas ecuestres no Barroco estaban reservadas á monarquía ou a figuras de enorme poder político, como os validos. Estes cadros formaban parte do aparato da propaganda da monarquía hispánica nas colonias, e reproducían os modos, protocolos e formas de representación dos propios reis en Europa.
A partir do 14 de novembro e ata o 12 de abril de 2020 poderemos vela de novo ‘aquén-mar’ despois de 70 anos na diáspora, como unha das pezas centrais de Galicia, un relato no mundo.
Descubre aquí a historia
A partir do 14 de novembro e ata o 12 de abril de 2020 poderemos vela de novo ‘aquén-mar’ despois de 70 anos na diáspora, como unha das pezas centrais de Galicia, un relato no mundo.
Descubre aquí a historia
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.