Teño a estraña sensación de que con este artigo mais de un vaime crucificar e non, precisamente, os seguidores ou simpatizantes do Partido Popular onde xa fai moito tempo que me gañei (iso si, por méritos propios) as súas “simpatías”, senón, mais ben, entre a xente de esquerdas pero si algo sempre tiven claro é que, dende a primeira vez, alá polo ano 2012, cando comecei a colaborar en “A ti meu Cambados” do sempre recordado Xaquín Charlín “Chon” era que ia dicir o que penso e sento. Eu, grazas a Deus, non teño que caerlle ben a ninguén (nin tampouco o busco) simplemente manifesto o que a cabeza e o corazón me ditan e sinto dicir que, estes días, estou a levarme unha decepción co PSOE, con Somos Cambados e co BNG.
Vaia por diante que considérome amigo tanto de Fátima Abal como de Tino Cordal e de Víctor Caamaño e, por tanto, cando cres que un amigo non está facendo algo ben podes ser un hipócrita e calarte ou, pola contra, expresarlle o teu malestar, i eu optei por esta segunda opción.
Nunha ocasión, o gran Winston Churchill dixo que “O político convertese en estadista cando o comeza a pensar nas próximas xeracións e non nas próximas eleccións” xusto o contrario ao que está a pasar estes días en Cambados onde os partidos de esquerdas en vez de pensar nos seus concidadáns e no que é mellor para o pobo, pensan exclusivamente con mentalidade de partido e con iso non se vai a ningunha parte.
Fai algo mais dunha semana tiven unha conversa telefónica dunha hora coa alcaldesa onde lle expresaba o malestar que varios veciños me fixeron chegar pola falta de acordo co resto de partidos de esquerdas; eu díxenlle a Fátima que se equivocou ao non reunirse inmediatamente, despois das eleccións, co resto das forzas de esquerdas, con independencia dos recursos que presentara Aragunde; os que coñecemos un pouco a Lei Electoral sabiamos que ditos recursos non prosperarían (como así foi); do mesmo xeito manifesteille á alcaldesa que seguía a equivocarse ao non querer chegar a un pacto de governo antes da votación do sábado como lle pedían dende Somos Cambados; non teño ningunha dúbida de que Fátima é unha boa alcaldesa e que, si as cousas seguen o seu curso lóxico, seguirá a selo pero nesta negociación pecou de pasividade i espero que recupere o tempo perdido e, mais pronto que tarde, acade un acordo satisfactorio para tódalas partes.
Obviamente e xa que falei de Somos Cambados toca adxudicarlle a súa parte de culpa en todo este embrollo; como lle confesei, non fai moito, a un militante de Somos Cambados non teño a menor dúbida de que, de seguir a súa progresión, non pasarán moitos anos sen que esta forza política poida chegar ser a mais votada entre os partidos de esquerdas nunhas eleccións municipais (mal que lle pese a algún) pero que o que non pode ser è que queiran poñer o carro antes que os bois. Dende a perspectiva que me da coñecer a Tino Cordal dende fai mais de 37 anos podo afirmar que ten todas as características necesarias que se lle poden pedir a un político: preparación, capacidade de liderazgo, amplo discurso etc. pero, tamén, unha excesiva ambición que, ás veces, proxecta no seu partido e que xa se manifestou no pasado cando, por exemplo, pertencía ao BNG. Somos Cambados está en todo o seu dereito de reclamar mais cota de poder porque por algo teñen un concelleiro mais pero sen esquecer que o partido mais votado da esquerda foi o PSOE e, dende logo, o que non poden é querer levar todas as concellerías claves.
Por último tócalle ao BNG quen nestes días destapouse cunhas declaracións pouco afortunadas nas que definía de “chapuza” e “mercadeo” as negociacións entre PSOE e Somos Cambados, dándolle munición ao PP quen non tardou en facerse eco de tales declaracións. Voume morder a lingua e calarme pero xa que o BNG fala de “mercadeo” podería expoñer eu aquí algunha das exixencias que, fai catro anos, o partido nacionalista levou á negociación pero, por respecto, a amigos que teño dentro desa formación voume calar. O BNG aínda que non o queira recoñecer esta moi doído non, soamente, polo feito de ter perdido un concelleiro senón, tamén, (i especialmente entre algúns do seus afiliados) de que foran superados nas furnas por Somos Cambados; tamén estes días Víctor Caamaño, a través da prensa, manifestou as súas dúbidas sobre integrarse nun goberno tripartito ou formar parte da oposición; espero que se impoña a cordura no BNG e forme parte do goberno porque non teño a menor dúbida de que, de pasar a oposición, ao carón do Partido Popular, cun PSOE en claro ascenso nacional e autonómico e un SOMOS que non deixa de medrar no ámbito local, sería o suicidio político da formación nacionalista por non dicir que Víctor Caamaño debería continuar co excelente traballo que iniciou como conselleiro fai catro anos.
Como moitos cambadeses espero e desexo que se acabe impoñendo a sensatez entre as forzas de esquerdas cambadesas e que pensen que ninguén é imprescindible pero si necesario para seguir co cambio progresista acadado fai catro anos e que supuxo botar fora do Concello de Cambados a un partido con prácticas caciquís e formado por auténticos “trepas” da política como Tourís que soamente hai que lembrar como entrou en política e que ben lle foi na mesma.
Por último tamén desexaría que estes vindeiros catro anos os membros da coalición de goberno na que, insisto, desexaría estiveran presente as 3 forzas de esquerdas tiveran mais respecto entre elas porque houbo certas practicas miserables que agora non vou a explicar e que non son propias de partidos serios que se supón que reman no mesmo sentido e que non é outro que o mellor para o pobo de Cambados.
Un saúdo a todas e a todos.
RICARDO DOMINGUEZ REY

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.