Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

23 de abril de 2018

A PROGRAMACIÓN TEATRAL DO ANO DA LINGUA LEVARÁ A MARÍA VICTORIA MORENO, LETRAS GALEGAS 2018 POR TODA A PROVINCIA



A programación teatral do Ano da Lingua levará a María Victoria Moreno por toda a provincia

Seis compañías escenificarán textos sobre a vida e a obra da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano nun total de 60 actuacións 
programación teatral do Ano da Lingua O departamento de Cultura e Lingua aproveitou o Día do Libro para presentar publicamente a programación teatral do Ano da Lingua que terá como protagonista a obra e a vida de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2018. Baixo o lema ‘María Victoria Moreno a escena! a Deputación levará un total de 60 representacións teatrais por todos os concellos da provincia. "Con este programa o que facemos é democratizar de verdade o acceso á cultura, e conseguimos que todas as persoas, vivan no concello que vivan, poidan ver teatro de calidade" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.



O deputado nacionalista estivo acompañado na presentación por representantes de tres das compañías que fan parte desta programación, Anxo García de Viravolta Títeres- Seisdedos, Inacio Vilariño de Odaiko, e as tres actrices que conforman Matrioshka Teatro, Anabel Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo. Estas últimas escenificaron, ademais, un pequeno fragmento da súa montaxe que leva por título "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos" e coa que poñen en escena a faceta docente de María Victoria Moreno. Leal tamén aproveitou a súa intervención para poñer en valor "o papel da muller na cultura, porque a muller ten moita presenza pero non sempre ten a visibilidade que lle corresponde" e lembrou que en 55 edicións, o Día das Letras Galegas se lle dedicou a autoras só en moi contadas ocasións.
Sobre "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", Lorena Conde explicou que "o que queriamos era, dunha banda, conmemorar a obra da autora, pero doutra facerlle unha homenaxe a todas as figuras de referencia que todas temos na vida e que fixeron que sexamos mellores persoas". A actriz indicou que este enfoque está baseado  nas declaracións da propia María Victoria Moreno nas que aseguraba que prefería a súa faceta de docente por riba da de escritora. O espectáculo toca todos os aspectos  que foron importantes na vida e na obra da escritora como son a literatura, o ensino, os animais e a natureza.
Viravolta Títeres – Seisdedos  porá en escena "Romance de cans", baseado no conto "Can branco, can negro". Anxo García explicou que "María Victoria Moreno escribiu este conto en forma de romance polo que aproveitamos para recoller e introducir ditos e contos sobre cans e amosalos a través do personaxe do cego dos monifates". García lembrou que Viravolta Títeres leva máis de trinta anos realizando investigacións sobre a representación popular, a través da que chegaron ao personaxe do cego dos monifates, moi común na Galiza nas representacións populares, e que o están aproveitando como recurso para poñer en valor textos de autores galegos, como pode ser Castelao, ou coma nesta ocasión, o conto elixido de María Victoria Moreno.
Odaiko levará polos concellos unha obra titulada "Mar Adiante" baseada na primeira obra publicada por María Victoria Moreno, poñendo enriba das táboas o barco escola ‘Arroás', que é o fío condutor de todos os contos da obra orixinal. "Construímos un espectáculo que é un soño e construímos un barco escola que non se basea na relación de poder entre profesorado e alumnado, senón que se basea na praxe" asegurou Inacio Vilariño. O actor engadiu que "a pedagoxía que xa nos anos 70 estaba reivindicando nesta obra María Victoria Moreno era moi avanzada para aquela época". A montaxe ten, ademais, unha gran presenza musical utilizando practicamente todas as partes do barco como instrumentos para producir sons e facer música.
Propostas
Ademais de "Mar adiante" de Odaiko e de "Romance de cans" De viravolta Títeres – Seisdedos, a programación teatral do Ano da Lingua inclúe dúas propostas máis para público de todas as idades. Son "Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno", un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo ‘Polo correo do vento'; e a adaptación de "Leonardo e os fontaneiros", unha produción da Editorial Galaxia e que pon en escena Ubu Teatro, utilizando técnicas como a narración oral, a dramatización e o teatro de sombras.
Para público maior de 14 anos contémplanse dúas propostas: "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos" de Matrioshka Teatro; e "Anagnórise" tamén producida por Editorial Galaxia e representada por Limiar Teatro, que utiliza un desguace como escenario para ir percorrendo toda a road movie que narra a historia da obra orixinal.  
Todas as compañías participan na programación teatral do Ano da Lingua con 10 representacións cada unha, e todas serán de balde para o público ata completar o aforo dos lugares nos que se presentan.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.