Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DE CAMBADOS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Amosando publicacións coa etiqueta PROVINCIA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PROVINCIA. Amosar todas as publicacións

15 de xuño de 2018

A MOSTRA DOS BOLECHAS CHEA AO SALNÉS PARA CENTROS ESCOLARES



Desde esta mañá e ata o 20 de xuño, día en que finaliza o curso escolar, a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' xa ten completas todas as quendas para visitas escolares. Trátase da mostra que pode visitarse na carpa instalada na praza da II República de Vilagarcía ata o vindeiro 26 de xuño, e que  achega, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da provincia. A mostra, orientada a público familiar e, nomeadamente, a alumnado de primaria, está concibida para atender grupos escolares durante as mañás, unha opción á que se acolleron con notable éxito os centros educativos da comarca. De todos xeitos, tamén se atenderán as demandas dos centros educativos que teñan opción de programar visitas durante as tardes. En horario de tarde, a mostra tamén permanece aberta para público familiar, sen necesidade de cita previa.
A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que se achegaron ata o Salnés para darlle a benvida e saudar aos preto de 70 alumnos e alumnas procedentes do CEIP A Escardia. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García, o alcalde en funcións de Cambados, Víctor Caamaño, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou que "o que aquí vimos presentar é un proxecto que estamos levando polas dez comarcas da provincia, porque entendemos que no Ano da Lingua temos que poñer o foco nas crianzas, que é un segmento de idade no que o galego está cada vez máis ausente." Xosé Leal asegurou que "introducir o galego de xeito lúdico e dinámico a través dun produto tan consolidado como os Bolechas está resultando un éxito e un acerto". O deputado provincial tamén afirmou que "enfocando o proxecto a través das variedades dialectais tamén nos permite involucrar a toda a familia, non só ás crianzas, mentres que no eido educativo vemos que está funcionando como un contido complementario ao traballo que se realiza nas escolas". A tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García agradeceu ao ente provincial que elixira Vilagarcía como parada da exposición para toda a comarca do Salnés e asegurou que "os Bolechas forman parte da historia de Galicia e son o vehículo perfecto para achegar a lingua galega a toda a rapazada."
Pola súa banda, o alcalde en funcións de Cambados, Víctor Caamaño, afirmou que "este tipo de iniciativas son moi necesarias para inculcar o uso do galego, porque nas idades temperás é cando os idiomas mellor se absorben". Caamaño indicou que "para un uso normalizado do galego é preciso ter acceso a todas as facetas da vida no noso idioma e para os nenos e as nenas poder usalo a través da diversión é o máis axeitado". En representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida "para aprender xogando" e "para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala en Vilagarcía con respecto a outros lugares como Ribadeo ou A Coruña".
A exposición, que arrancara en Pontevedra a mediados de maio e que estivo en Lalín ata este mesmo luns, permanecerá en  Vilagarcía ata o 26 de xuño. No outono retomará a itineracia pasando por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
Estrutura
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás ó o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras', onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle 'A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque', unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro', concibido como o gran teatro  dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais.  Continua coa sección ‘A mergullarse', unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes', unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira' a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza', unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, "Chan", o gran mapa da linguas concibido como un xogo xigante da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Lugares e datas:

PONTEVEDRA. Pontevedra: 18 maio-29 maio. Avenida Montero Ríos            
DEZA. Lalín: 1 xuño-11 xuño. Praza de Galicia
O SALNÉS. Vilagarcía de Arousa: 15 xuño-26 xuño. Praza da II República
O MORRAZO. Moaña: 10 setembro-20 setembro. Paseo marítimo
TABEIRÓS-TERRA DE MONTES. A Estrada: 24 setembro-4 outubro. Praza do Concello
A PARADANTA. A Cañiza: 8 outubro-18 outubro. Praza Maior
CALDAS. Caldas de Reis: 22 outubro-1 novembro. Praza do CamiñoO 
BAIXO MIÑO. Tomiño: 5 novembro-15 novembroO 
CONDADO. Ponteareas: 19 novembro-29 novembroVIGO. 
VIGO: decembro (por determinar)





23 de abril de 2018

A PROGRAMACIÓN TEATRAL DO ANO DA LINGUA LEVARÁ A MARÍA VICTORIA MORENO, LETRAS GALEGAS 2018 POR TODA A PROVINCIA



A programación teatral do Ano da Lingua levará a María Victoria Moreno por toda a provincia

Seis compañías escenificarán textos sobre a vida e a obra da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano nun total de 60 actuacións 
programación teatral do Ano da Lingua O departamento de Cultura e Lingua aproveitou o Día do Libro para presentar publicamente a programación teatral do Ano da Lingua que terá como protagonista a obra e a vida de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2018. Baixo o lema ‘María Victoria Moreno a escena! a Deputación levará un total de 60 representacións teatrais por todos os concellos da provincia. "Con este programa o que facemos é democratizar de verdade o acceso á cultura, e conseguimos que todas as persoas, vivan no concello que vivan, poidan ver teatro de calidade" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.



O deputado nacionalista estivo acompañado na presentación por representantes de tres das compañías que fan parte desta programación, Anxo García de Viravolta Títeres- Seisdedos, Inacio Vilariño de Odaiko, e as tres actrices que conforman Matrioshka Teatro, Anabel Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo. Estas últimas escenificaron, ademais, un pequeno fragmento da súa montaxe que leva por título "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos" e coa que poñen en escena a faceta docente de María Victoria Moreno. Leal tamén aproveitou a súa intervención para poñer en valor "o papel da muller na cultura, porque a muller ten moita presenza pero non sempre ten a visibilidade que lle corresponde" e lembrou que en 55 edicións, o Día das Letras Galegas se lle dedicou a autoras só en moi contadas ocasións.
Sobre "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", Lorena Conde explicou que "o que queriamos era, dunha banda, conmemorar a obra da autora, pero doutra facerlle unha homenaxe a todas as figuras de referencia que todas temos na vida e que fixeron que sexamos mellores persoas". A actriz indicou que este enfoque está baseado  nas declaracións da propia María Victoria Moreno nas que aseguraba que prefería a súa faceta de docente por riba da de escritora. O espectáculo toca todos os aspectos  que foron importantes na vida e na obra da escritora como son a literatura, o ensino, os animais e a natureza.
Viravolta Títeres – Seisdedos  porá en escena "Romance de cans", baseado no conto "Can branco, can negro". Anxo García explicou que "María Victoria Moreno escribiu este conto en forma de romance polo que aproveitamos para recoller e introducir ditos e contos sobre cans e amosalos a través do personaxe do cego dos monifates". García lembrou que Viravolta Títeres leva máis de trinta anos realizando investigacións sobre a representación popular, a través da que chegaron ao personaxe do cego dos monifates, moi común na Galiza nas representacións populares, e que o están aproveitando como recurso para poñer en valor textos de autores galegos, como pode ser Castelao, ou coma nesta ocasión, o conto elixido de María Victoria Moreno.
Odaiko levará polos concellos unha obra titulada "Mar Adiante" baseada na primeira obra publicada por María Victoria Moreno, poñendo enriba das táboas o barco escola ‘Arroás', que é o fío condutor de todos os contos da obra orixinal. "Construímos un espectáculo que é un soño e construímos un barco escola que non se basea na relación de poder entre profesorado e alumnado, senón que se basea na praxe" asegurou Inacio Vilariño. O actor engadiu que "a pedagoxía que xa nos anos 70 estaba reivindicando nesta obra María Victoria Moreno era moi avanzada para aquela época". A montaxe ten, ademais, unha gran presenza musical utilizando practicamente todas as partes do barco como instrumentos para producir sons e facer música.
Propostas
Ademais de "Mar adiante" de Odaiko e de "Romance de cans" De viravolta Títeres – Seisdedos, a programación teatral do Ano da Lingua inclúe dúas propostas máis para público de todas as idades. Son "Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno", un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo ‘Polo correo do vento'; e a adaptación de "Leonardo e os fontaneiros", unha produción da Editorial Galaxia e que pon en escena Ubu Teatro, utilizando técnicas como a narración oral, a dramatización e o teatro de sombras.
Para público maior de 14 anos contémplanse dúas propostas: "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos" de Matrioshka Teatro; e "Anagnórise" tamén producida por Editorial Galaxia e representada por Limiar Teatro, que utiliza un desguace como escenario para ir percorrendo toda a road movie que narra a historia da obra orixinal.  
Todas as compañías participan na programación teatral do Ano da Lingua con 10 representacións cada unha, e todas serán de balde para o público ata completar o aforo dos lugares nos que se presentan.



6 de abril de 2018

CONVOCADO O CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS NOVOS VALORES 2018




As obras a concurso poderán ser entregadas entre os días 5 e 15 de xuño no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra


Acaban de publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases que regulan o Certame de Artes Plásticas ‘Novos Valores' para a edición 2018. Ao igual que nas dúas convocatorias anteriores, este certame contempla como premio a adxudicación de catro bolsas por importe de 7.500 euros cada unha para ampliar os estudos artísticos das persoas que resulten gañadoras do certame. Hai que lembrar que a fórmula das bolsas de estudos artísticas se establecera fai dous anos para recuperar a filosofía dos antigos ‘pensionados' da Deputación.
Como complemento a este premio, a Deputación tamén se compromete a programar nas instalacións do Museo de Pontevedra, no ano seguinte á finalización da bolsa, unha exposición colectiva con obras das catro persoas premiadas. Neste sentido, hai que lembrar que neste ano 2018, está previsto que entre o 21 de xuño e o 22 de xullo o claustro do Edificio Sarmiento acolla a mostra coas obras resultantes das estadías de estudos dos e das gañadoras da pasada edición: Yolanda Ríos Coello, Malú Feijóo Cid, Aitor Víctor Fernández Marcos, e Borja Guerrero Parapar.
A concesión da bolsa establecerase mediante un convenio entre a persoa gañadora e o ente provincial, concretando o emprego da mesma e o prazo, que non será superior a un ano. Ademais de cursar a citada ampliación de estudos artísticos, a persoa adxudicataria deberá entregar unha memoria xustificativa e unha obra orixinal e asinada.
Participantes e prazos
Neste certame poderán participar todos e todas as artistas, sen límite de idade, susceptibles de seren considerados novos valores e de diferentes disciplinas artísticas tales como pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación.
Deben presentar obras orixinais e non se admitirán as que xa fosen expostas noutras mostras, tanto individuais como colectivas, ou que figurasen noutros certames. Aceptarase unha obra por artista en cada disciplina e o seu peso non poderá superar os 500 quilos nin os 2 metros. No caso de obras audiovisuais, non deben exceder os 5 minutos.
As obras deberán ser entregadas no Sexto Edificio entre os días 5 e 15 de xuño, ambos incluídos, de luns a venres e en horario de 9 a 14 horas. As obras presentadas serán obxecto, ademais, dunha primeira selección coa que se conformará a mostra Novos Valores 2018, que estará aberta ao público no Museo de Pontevedra entre o 2 de agosto e o 16 de setembro.


2 de marzo de 2018

BAIXADA DO PARO A TODOS OS NIVEIS





O paro caeu este mes, e rexistra as cifras máis baixas desde hai nove anos. Segundo os datos que acaba de publicar o ministerio de Emprego do mes de febreiro.
En Galicia, tamén diminuiu o número de parados rexistrados nos Servizo de Emprego. Febreiro remata na nosa comunidade con 1.679 desempregados menos ca o mes anterior. O descenso aquí é dun 0,88% e deixa o número total de parados en 188.207.
Polo que respecta a provincia de Pontevedra o paro baixou en 800 persoas durante o último mes, un 1,05%, o que sitúa o número total de demandantes de emprego en 74.958 persoas.

O número de contratos rexistrados no mes de febreiro foi de 1.546.402, o que representa unha subida do 6,46% sobre o mesmo mes de 2017. Deles, so 174.287 foron indefinidos.

No salnés o paro tivo un comportamento desigual, baixou en 4 concellos, Cambados, Meaño, Meis e Sanxenxo ( 25, 12, 2 e 50 menos) e subeu nos outros 5, deixando o dato en positivo cunha baixada de 30 persoas nas listas do SEPE a nivel comarcal.





2 de febreiro de 2018

VOLVE SUBIR O PARO A TODOS OS NIVÉIS











A pesar das boas cifras económicas que Consello tras Consello transmite a Xunta de Galicia, o certo é que o paro segue aumentando en Galicia. Así, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en xaneiro en Galicia en 4.873 persoas respecto ao mes anterior (+2,63%), por encima da media estatal (+1,9%).

Na provincia de Pontevedra o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem)subiu en xaneiro en 1.814 desempregados respecto ao mes anterior (+2,46 %), arrastrado principalmente polo sector servizos, que acusou o fin da campaña do Nadal, segundo informou este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Polo que respecta a nosa comarca o Salnés veu como o paro aumentaba en 187 persoas, destacando Cambados, Vilagarcía e Sanxenxo con 41, 57 e 46 novos parados.
Con estos datos hai na comarca do Salnés 9.661 parados, 187 máis que o mes anterior.

En España, o paro situouse en xaneiro en 3.476.528 persoas, con 63.747 desempregados máis, un 1,87 por cento.
O dato da taxa interanual é positivo, con 283.703 desempregados menos, un 7,54 por cento.






21 de agosto de 2017

5 ROTEIROS LITERARIOS NO ANO DO PATRIMONIO











O Servizo de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza cinco percorridos literarios pola provincia.
Inscrición de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.
Redondela. Sábado 2 de setembro
Roteiro da memoria na Illa de San Simón. De Mendiño a O lapis do carpinteiro.
Con Xosé María Álvarez Cáccamo
Punto de partida: Porto de Meirande, Redondela. Traslado en barco á Illa de San Simón
Inscricións en Turismo Redondela: 986 401 713
Percorrido arredor das illas de San Simón e San Antón, ilustrado con explicacións e comentarios relativos ao significado e valor dos espazos visitados. Terase en consideración o proceso histórico dos acontecementos ocorridos nas illas, desde a Idade Media: a presenza simbólica do poeta Mendiño e a súa cantiga, a vida monacal, as invasións de Drake, a instalación do lazareto, o uso do recinto como campo de concentración durante a guerra civil e a inmediata posguerra e a súa utilización posterior con diversas finalidades ata hoxe.
TuiSábado 16 de setembro
Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario.
Con Vítor Vaqueiro
Punto de partida: Monte Aloia, lugar de estacionamento perante a antena de radio
Inscricións no Concello de Tui: 986 603 625
O punto de saída será o lugar de estacionamento situado xunto á antena de radio, case no cumio do monte. O roteiro discorrerá pola capela de San Fins e o seu espazo murado adxacente, para baixar na procura da muralla, e visitar dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses e o do castelo. Tamén inclúe a cruz que conmemorou o ano santo de 1900, que permite unha visión magnífica sobre o Baixo Miño e, finalmente a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo. O percorrido relacionará as crenzas que relativas ao culto aos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga.
Cangas. Sábado 23 de setembro
Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña.  
Con Héitor Mera
Punto de partida: Casa natal de Bernardino Graña, rúa Alfredo Saralegui 26, Cangas
Inscricións na Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171
O roteiro parte cara á zona da Congorza coas paradas precisas para ir explicando e recitando textos de Bernardino ao longo do percorrido. Ademais do patrimonio marítimo, daranse varias referencias literarias e biográficas do autor. O final terá lugar nunha tasca onde todas as persoas asistentes recitarán o ‘Gato da tasca mariñeira'.
Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza de Fefiñáns, Cambados
Inscricións na Biblioteca Municipal Luis Rei: 986 520 008
O roteiro centrarase na edición de ‘Da Terra Asoballada' de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados  como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.
A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro. 





10 de abril de 2016

A DEPUTACIÓN DESTINA MAIS DE 2 MILLONS PARA COFINANCIAR SERVIZOS SOCIAIS









A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a aprobación, por parte da Xunta de Goberno da institución provincial, das bases reguladoras do plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais para o exercicio 2016 a través das cales se destinará 2.200.000 € para que os concellos de menos de 20.000 habitantes poidan seguir prestando os servizos sociais comunitarios básicos. Silva destacou que a través desta actuación "cumprimos cun dos obxectivos fundamentais do novo goberno da Deputación de Pontevedra, que non é outro que impulsar as políticas sociais para mellorar a calidade de vidas das veciñas e veciños da nosa provincia".
As achegas que recibirán os concellos a través deste plan, por libre concorrencia, estarán destinadas ó persoal que atende os servizos municipais básicos así como para o servizo de axuda no fogar adscrito directamente ós servizos sociais comunitarios dos concellos con poboación inferior ós 20.000 habitantes. En concreto, os municipios recibirán entre case 9.000 €, o que menos orzamento recibirá, e máis de 92.000 € para gastos de persoal e para o servizo de axuda ó fogar.
Os formularios, para solicitar a participación nesta convocatoria, estarán a disposición dos concellos na web www.depo.es. A documentación poderá presentarse no rexistro xeral da Deputación ou en calquera das oficinas de rexistro da institución provincial durante un mes a partir do día seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.



6 de febreiro de 2013

O CONCELLO DE PONTEVEDRA APOSTA POLA COMPOSTAXE






O goberno local de Pontevedra presentará na Diputación Provincial, unha proposta para o tratamento dos residuos sólidos urbanos, a través dunha planta de compostaxe, que segundo reiterou César Mosquera, podería estar perfectaqmente situada no municipio capitalino, porque non ocasiona molestias de ningunha clase.
Esta planta sería unha alternativa a Sogama, que prestaría servizo a practíca totalidade dos concellos que se sumaron ao proxecto deseñado pola Diputación Provincial, para reorganizar a recolleita de lixo e reducir os custos do servizo.
Compostador doméstico
Esta planta de compostaxe supoñería un investimento de cinco millóns setecentos mil euros, amortizables no prazo de 20 anos, e a súa posta en funcionamento conllevará unha rebaixa dun 30-40% no recibo que pagamos todos os cidadáns. Sogama cóbranos actualmente 60 euros por tonelada; e esta planta baixaría a tarifa, segundo o estudo elaborado a 40 euros por tonelada. Pontevedra xera anualmente 60.000 toneladas de vertidos, e deles 35.000 toneladas son residuos orgánicos. O municipio só non xera suficientes lixos para facer rendible unha planta de compostaxe, e por iso ofrécese a integrarse nun proxecto onde este proxecto póidase converter en alternativa a Sogama.
Planta de compostaxe
Unha planta de compostaxe obrigaría a manter catro contenedores na rúa, os de cartón e vídrio por unha banda, e dous verdes un para orgánicos e outro para o resto.