Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

4 de abril de 2018

A DEPUTACIÓN APROBARÁ NO PLENO DO VENRES O PLAN DEPOREMSE PARA MELLORAR A SEGURIDADE NOS VIARIOS MUNICIPAIS



As actuacións deberán estar executadas na súa totalidade a 30 de xuño de 2020. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará no pleno provincial do próximo venres as bases do Plan DepoRemse, o novo Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos viarios municipais dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. O goberno que preside Carmela Silva destinará a posta en marcha deste programa ata 11 millóns de euros, dos que 7 millóns apórtanse este ano e os outros 4 no ano 2019.
Con Plan DepoRemse, unha vez máis son os concellos os receptores do financiamento da Deputación, dando así resposta a unha demanda xeneralizada: recursos para poder realizar proxectos nos viarios municipais baixo as premisas de seguridade viaria, mobilidade e accesibilidade. Trátase dun novo instrumento de cooperación a través da asistencia económica aos concellos en materia de infraestruturas viarias, e cumpre co obxectivo de desenvolver unha mobilidade sustentábel que dea prioridade á seguranza e a mobilidade peonil en calquera vía. De feito, falamos dun plan que segue a política de mobilidade da institución que xira arredor da planificación en materia de mobilidade e do investimento no deseño de infraestruturas viarias máis seguras e accesibles.
Polo miúdo, o plan pretende que os concellos poidan remodelar as súas rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre os espazos de emprego e dotacionais de uso social, sanitario ou educativo, así como para mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico. Deste xeito, as actuacións subvencionables deberán realizarse en rúas ou viarios municipais ou en bens ou terreos nos que se acredite a titularidade ou se dispoña dun dereito de uso ou cesión.  As actuacións poden enmarcarse en dous eixos: a mellora da seguridade viaria en rúas e viarios locais urbanos, mediante a instalación de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade; ou actuacións integrais de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna de centros de elevada atracción nas que se inclúen proxectos para actuacións integrais de mellora de todo tipo de mobilidade e de seguranza viaria nas vías e espazos públicos municipais dentro do ámbito ou na contorna de puntos de gran atracción.
As subvencións para os proxectos que presenten os concellos outorgaranse por concorrencia competitiva en función de criterios de poboación, de extensión da rede viaria de titularidade municipal, de densidade de poboación e da importancia da calidade e grao de madurez dos proxectos. Segundo as bases que se aprobarán no pleno do venres, o financiamento solicitado para cada proxecto (un por cada concello) deberá ser como mínimo de 50.000 euros e como máximo de 500.000 euros. Todos os proxectos deberán referirse a obras completas e, amais, deberán ser aprobados polo órgano competente do concello.

Coa posta en marcha deste Plan DepoRemse, o goberno de Carmela Silva reafirma o seu compromiso cos concellos da provincia que este ano percibirán a maior inxección de recursos da historia da institución provincial. Só por citar algúns dos principais programas, a suma do Plan Concellos 2018, o Plan de Reequilibrio, o Plan de actuación de estradas, o Plan Revitaliza, os Préstamos sen Xuros e o Plan DepoRemse, é de máis de 125 millóns de euros ao marxe do resto dos investimentos das diferentes áreas de goberno da Deputación de Pontevedra.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.