Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DE CAMBADOS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Amosando publicacións coa etiqueta CONCELLOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CONCELLOS. Amosar todas as publicacións

18 de xuño de 2018

CAMBADOS RECIBIRÁ 39.000 DA DEPUTACIÓN PARA GASTOS



Xunta de Goberno

O Goberno de Carmela Silva aproba novas achegas por valor de máis de 450.000 euros para once municipios da provincia ao abeiro da liña 2 do Plan Concellos

Cambados, Cuntis, Gondomar, Mos, Nigrán, Ponte Caldelas, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa recibirán achegas para amortizacións, pagamento de débedas e gasto corrente
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou achegas por valor de 453.101,06 euros destinadas a 11 concellos da provincia para realizar pagamentos de subministracións, afrontar gasto corrente novo, amortizar débedas e impulsar programas culturais, deportivos, turísticos, gastronómicos, actividades infantís e musicais, así como festexos. Máis polo miúdo, os municipios que forman parte desta relación da liña 2 do Plan Concellos aprobada polo Goberno provincial son Cambados, Cuntis, Gondomar, Mos, Nigrán, Ponte Caldelas, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En concreto, Cambados beneficiarase de achegas por valor de 39.097,61 euros para gasto corrente novo. Pola súa banda, Cuntis, 17.083,32 euros para actividades culturais e deportivas e Gondomar recibirá 7.413 euros para gasto corrente novo.
En canto a Mos, recibirá 91.765,95 euros para o servizo público de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria e Nigrán beneficiarase de 94.877,46 euros para actividades deportivas, espectáculos musicais e outras diferentes actividades lúdicas. Pola súa banda, Ponte Caldelas recibirá 14.399 euros para a asistencia técnica para contratación do servizo de xestión de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria e Ponteareas, 55.000 euros para gasto corrente novo co que se financiarán actividades culturais e festivas.
Para O Porriño, a Deputación de Pontevedra achegará 18.613 euros para os programas "Xoves teatrais" e "Venres musicais" e para O Rosal, 21.500 euros destinados á Feira do Viño e ao Campamento de inglés.

Por último, Vilaboa beneficiarase de 48.160,93 euros para actividades culturais e Vilagarcía de Arousa recibirá 45.190,7 euros para o servizo de mantemento dos semáforos.


4 de abril de 2018

A DEPUTACIÓN APROBARÁ NO PLENO DO VENRES O PLAN DEPOREMSE PARA MELLORAR A SEGURIDADE NOS VIARIOS MUNICIPAIS



As actuacións deberán estar executadas na súa totalidade a 30 de xuño de 2020. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará no pleno provincial do próximo venres as bases do Plan DepoRemse, o novo Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos viarios municipais dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. O goberno que preside Carmela Silva destinará a posta en marcha deste programa ata 11 millóns de euros, dos que 7 millóns apórtanse este ano e os outros 4 no ano 2019.
Con Plan DepoRemse, unha vez máis son os concellos os receptores do financiamento da Deputación, dando así resposta a unha demanda xeneralizada: recursos para poder realizar proxectos nos viarios municipais baixo as premisas de seguridade viaria, mobilidade e accesibilidade. Trátase dun novo instrumento de cooperación a través da asistencia económica aos concellos en materia de infraestruturas viarias, e cumpre co obxectivo de desenvolver unha mobilidade sustentábel que dea prioridade á seguranza e a mobilidade peonil en calquera vía. De feito, falamos dun plan que segue a política de mobilidade da institución que xira arredor da planificación en materia de mobilidade e do investimento no deseño de infraestruturas viarias máis seguras e accesibles.
Polo miúdo, o plan pretende que os concellos poidan remodelar as súas rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre os espazos de emprego e dotacionais de uso social, sanitario ou educativo, así como para mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico. Deste xeito, as actuacións subvencionables deberán realizarse en rúas ou viarios municipais ou en bens ou terreos nos que se acredite a titularidade ou se dispoña dun dereito de uso ou cesión.  As actuacións poden enmarcarse en dous eixos: a mellora da seguridade viaria en rúas e viarios locais urbanos, mediante a instalación de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade; ou actuacións integrais de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna de centros de elevada atracción nas que se inclúen proxectos para actuacións integrais de mellora de todo tipo de mobilidade e de seguranza viaria nas vías e espazos públicos municipais dentro do ámbito ou na contorna de puntos de gran atracción.
As subvencións para os proxectos que presenten os concellos outorgaranse por concorrencia competitiva en función de criterios de poboación, de extensión da rede viaria de titularidade municipal, de densidade de poboación e da importancia da calidade e grao de madurez dos proxectos. Segundo as bases que se aprobarán no pleno do venres, o financiamento solicitado para cada proxecto (un por cada concello) deberá ser como mínimo de 50.000 euros e como máximo de 500.000 euros. Todos os proxectos deberán referirse a obras completas e, amais, deberán ser aprobados polo órgano competente do concello.

Coa posta en marcha deste Plan DepoRemse, o goberno de Carmela Silva reafirma o seu compromiso cos concellos da provincia que este ano percibirán a maior inxección de recursos da historia da institución provincial. Só por citar algúns dos principais programas, a suma do Plan Concellos 2018, o Plan de Reequilibrio, o Plan de actuación de estradas, o Plan Revitaliza, os Préstamos sen Xuros e o Plan DepoRemse, é de máis de 125 millóns de euros ao marxe do resto dos investimentos das diferentes áreas de goberno da Deputación de Pontevedra.



30 de marzo de 2018

CARMELA SILVA ARREMETE DURAMENTE CONTRA FEIJÓO E RUEDA



Convida a Feijóo a "abandonar toda esperanza" de gobernar na Deputación Pontevedra tras as eleccións municipais de 2019 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrouse "asombrada" polo uso "partidista" que, segundo di, fai o Goberno autonómico do diñeiro público. "Non chega nin un euro para os concellos gobernados por PSOE, BNG ou En Marea", denunciou. Nunha entrevista concedida este venres á Cadea Ser, Silva criticou a repartición de fondos "clientelar" que "subvenciona" os municipios onde goberna o PP. "Eles non entenden que gobernan para todos os galegos", esgrimiu. Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra acusa o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e ao vicepresidente, Alfonso Rueda, de "falta de lealdade" co organismo provincial, algo que, para Silva, é o seu "modo habitual" de gobernar. MUNICIPAIS DE 2019 Noutra orde de cousas, coa vista posta nos comicios municipais de 2019, a socialista tamén admitiu estar "convencida" de que o PSdeG poderá manter o goberno da Deputación. Neste sentido, Silva dixo "saber" que lle espera un ano "de confrontación total" cos demais partidos. "Pero estou afeita enfrontarme a este tipo de situacións, a esa política de destrución do PP", engadiu. "Sinto moito dicirlle ao señor Feijóo que abandone toda esperanza de recuperar a Deputación de Pontevedra porque o PP non volverá gobernar en moito tempo", expresou, para logo insistir no "desgaste moi importante" dos populares tanto en España como en Galicia, onde o presidente e o seu Executivo, ao seu modo de ver, "demostran unha gran incapacidade para responder os retos do século XXI". Así, Silva recoñeceu que as municipais serán "determinante" para a dirección do PSdeG, que estará "á altura". Ademais, destacou que "a nivel local, os alcaldes socialistas están moi consolidados na provincia de Pontevedra", onde, segundo asegurou, "volverán gobernar".




15 de febreiro de 2018

A DEPUTACIÓN MODIFICARÁ O ORZAMENTO PARA INCLUÍR 31M.€ DE REMANENTES DE 2017











"Van ir directamente aos concellos da Provincia para que poidan xestionar os seus proxectos" 
"Nunca se lles dedicou tantos recursos respectando a súa autonomía”


O goberno bipartito levará ao próximo pleno da Deputación de Pontevedra unha proposta para aprobar un expediente de modificación do orzamento que permitirá incorporar ao orzamento provincial para o ano 2018 un total de 30,8 millóns de euros que quedaron de remanentes das contas do ano 2017. 
A presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, compareceron este xoves ante os medios de comunicación para anunciar esta propostas e destacar que é fiel reflexo da boa "saúde financieira" da institución provincial e da boa xestión do goberno bipartito, pois, segundo insiste Mosquera, é a primeira institución que a estas alturas do ano xa ten feita a liquidación das contas do ano 2017, xa sabe cantos remanentes ten e xa ten decidido onde vai investilos. 
inversión vai ir destinada, nun 98%, aos concellos da provincia, cumprindo cun dos obxectivos que se marcaron o PSOE e o BNG cando asinaron o acordo de goberno no ano 2015, o apoio ás administracións locais. De feito, no seguinte pleno, do mes de marzo, xa teñen decidido que se aprobará un novo plan para os concellos dotado de once millóns de euros.   





12 de febreiro de 2018

O PLAN DE PRÁCTICA LABORAL 2018 DA DEPUTACIÓN OFERTA BOLSAS PARA CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES












Plan de Práctica Laboral 2018

O Goberno de Carmela Silva pon en marcha o Plan de Práctica Laboral 2018 e oferta 162 bolsas para os concellos de menos de 50.000 habitantes

Os 59 concellos da provincia poderán solicitar as bolsas dende hoxe ata o día 26 de febreiro

A Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha unha nova edición do Plan de Práctica Laboral nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, a través do cal ofrece a estes 59 concellos un total de 162 bolsas de práctica laboral.  O obxectivo do Plan de Práctica Laboral é promover e completar a formación de persoas con titulación universitaria ou formación profesional de ciclo superior, sen experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación, mediante a realización dun proxecto formativo que lles poida proporcionar a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Os concellos que queiran solicitar estas bolsas terán un período de presentación de solicitudes dende o 12 de febreiro ata o 26 de febreiro, para o que deberán cubrir o formulario de solicitude e presentar no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra. Xunto ao formulario, os concellos achegarán o acordo favorable, por parte do órgano competente, de adhesión ao Plan de Práctica Laboral, así como o proxecto de práctica laboral que se vai desenvolver, no que se inclúe o perfil das persoas bolseiras e, entre outras cuestións, o contido das tarefas que van realizar. Os concellos tamén deberán incluír a designación do persoal do concello que se encargara da titoría da persoa seleccionada e a declaración responsable de manter os requisitos esixidos durante o período de vixencia da bolsa.
As 162 bolsas do Plan de Práctica Laboral nos concellos distribuirase en función de criterios de poboación, de xeito que os 23 concellos de ata 5.000 habitantes e os 14 de entre 5.001 e 10.000 disporán de 2 bolsas cada un e, os oito de entre 10.0001 e 15.000 mailos 14 de entre  15.001 e 50.000 habitantes terán á súa disposición 4 prazas cada un.
As novidades máis salientables este ano son a necesidade de solicitar unha titulación suplente para cada unha das bolsas solicitadas. Amais, nos casos de renuncia da persoa bolseira antes da finalización da bolsa, poderase solicitar a súa substitución sempre que non transcorra un prazo superior a catro meses desde a data de inicio da bolsa.  

Amais destas 162 bolsas nos concellos da provincia, o Plan de Práctica Laboral de 2018 ofertará tamén outras 38 bolsas nos servizos da institución provincial co obxectivo de impulsar a formación práctica e facilitar a inserción laboral das persoas recentemente graduadas en formación profesional ou tituladas universitarias.





5 de febreiro de 2018

A DEPUTACIÓN CONCEDE A CAMBADOS 215.155,76 EUROS A CAMBADOS PARA QUE CONTRATE A 24 TRABALLADORAS










A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a segunda relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do "Plan Concellos 2018". Así, tal e como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Barro, Caldas, Cambados, A Guarda, A Illa de Arousa, Rodeiro e Tomiño son as vilas que van recibir máis de 1,7 millóns de euros para a contratación de 200 persoas ao abeiro da liña 3 do "Plan Concellos 2018".

O goberno de Carmela Silva achega tamén 215.155,76 euros a Cambados para que contrate a 24 traballadoras e traballadores para condución de minipala e realización de tarefas relacionadas co medio ambiente, cultura, traballo social, arquitectura técnica, coidado de cans, mantemento e limpeza.

Tamén vén de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación 93.463,52 euros para que A Illa de Arousa empregue a 14 persoas para axuda no fogar e servizos múltiples.






3 de febreiro de 2018

CAMBADOS PARTICIPA NA REDE MUNICIPALISTA SOLIDARIA DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE














O concelleiro de Servizos Sociais de Cambados e Tenente de Alcalde, Tino Cordal, ven de participar no día de hoxe na reunión que se celebrou na Deputación de Pontevedra da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fixo balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2017, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentou as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.
A sesión abriuse cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, no que se conmemorou o vixésimo aniversario do Fondo Galego, e que se saldou coa incorporación de cinco novas administracións. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns sesenta concellos en forma de exposicións,  documentais, contos, obradoiros ou espectáculos musicais e teatrais. Ademais, promovéronse dous proxectos en Mozambique, un para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outro para garantir o acceso á auga nun municipio abrindo catro pozos, ademais de achegar axuda alimentaria para a poboación dos campamentos saharauís e roupa de abrigo para as persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns.
En 2018, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir sensibilizando á cidadanía galega a través de actividades como dúas exposicións fotográficas, unha das cales será presentada polo propio reporteiro Adrián Irago. Tamén continuará o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo e desenvolveranse novos proxectos no Sur canda ONGD galegas, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións dos representantes municipais e provinciais para o plan anual, pois nestes encontros o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar un traballo eficaz.



25 de xaneiro de 2018

A DEPUTACIÓN INCREMENTA A PARTIDA ORZAMENTARIA PARA A DINAMIZACIÓN DO GALEGO E ESIXE COMPROMISO POR PARTE DOS CONCELLOS










A Deputación incrementa a partida orzamentaria para a dinamización do galego e esixe un compromiso claro por parte dos concellos

Xosé Leal anuncia que as axudas para os servizos de normalización lingüística e para a dinamización do galego contan cunha partida de 300.000 euros e que se esixirán compromisos mínimos por parte dos concellos.

"Incrementamos a partida orzamentaria das axudas destinadas a promover o uso do galego ata os 300.000 euros, que é o dobre do orzamento de hai dous anos, pero igual que a Deputación incrementa os recursos imos esixir que os concellos incrementedes o voso compromiso" asegurou esta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a III Xornada de Normalización Lingüística. O deputado indicou que estas axudas, que naceron con 150.000 euros no ano 2016, son imprescindibles "porque queremos que se aposte máis polo galego desde a Administración local", e neste sentido sinalou como a primeira das novidades que "se primará aqueles concellos que teñan ou decidan crear un servizo de normalización lingüística". Así, nesta convocatoria a Deputación achegará a cada concello, agrupación de concellos ou entidade local menor un 75 % do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000 euros. A este respecto, o deputado nacionalista anunciou que "para o reparto das actividades culturais do Ano da Lingua tamén se primará aqueles concellos que teñen un servizo de normalización lingüística e que levan tempo facendo un traballo continuado e rigoroso en canto á promoción do uso do galego entre a súa veciñanza".

Esta aposta por impulsar a creación e mantemento dos servizos de normalización lingüística foi o tema central dunha xornada que reuniu a alcaldesas e alcaldes, concelleiras e concelleiros, e técnicas e técnicos de máis de corenta concellos da provincia. Nesta sesión déronse a coñecer tamén as conclusións da Auditoría lingüística dos concellos da provincia de Pontevedra, realizada pola Mesa entre os meses de febreiro e maio de 2107 e que, entre outras cuestións, evidencia a baixa implantación deste servizo na provincia: tan só 12 dos 61 concellos conta cun servizo de normalización lingüística.

Ao igual que nas dúas convocatorias anteriores, os concellos que opten a estas axudas poderán elixir entre solicitar a "creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística", ou a "promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego".
Leal tamén sinalou como requisito de obrigado cumprimento que os concellos que non teñan ordenanza nin regulamento municipal sobre o uso de galego o aproben antes de que finalice o ano 2018. Para facilitar este traballo entregóuselles ás persoas asistentes un modelo de ordenanza para o impulso social da lingua galega nun concello realizado pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística. Na actualidade só contan con esta ordenanza 13 concellos da provincia. O deputado de Cultura e Lingua tamén asegurou que será imprescindible que nas solicitudes para a "promoción de programas de dinamización" se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións  transversais de cada unha das áreas de goberno (a maiores da propia proposta subvencionable). En canto á proposta subvencionable, a solicitude debe incluír polo menos tres eidos dos sete que mencionan as bases: ensino, comercio e industria, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social e igualdade. Por último, entre as novidades tamén se inclúe que as propostas subvencionables deben ter un orzamento non inferior a 3.000 euros.
Iniciativas de éxito
Ademais de facer públicas as novidades das axudas para este exercicio, na Xornada interviñeron o presidente da Mesa, Marcos Maceira, para dar a coñecer as conclusións da Auditoría lingüística dos concellos da provincia de Pontevedra; ademais da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, o concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, e o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, para explicar o traballo de dinamización e normalización nos seus respectivos concellos.

Leticia Santos lembrou que Moaña é un dos primeiros concellos da provincia que conta con servizo e técnica de Normalización Lingüística, desde o ano 1988, polo que o traballo estable dá lugar a avances en canto á implantación do uso do galego en todos os ámbitos municipais. A alcaldesa explicou que o traballo de normalización e asesoramento comezou co propio persoal municipal para ir avanzando cara a veciñanza a través de colectivos sociais e culturais e a colaboración con centros educativos. Tras esta primeira fase que Leticia Santos cualificou como "imprescindible", están agora a traballar en programas de dinamización para todas as franxas de idade, centrándose sobre todo en idades temperás e a adolescencia. Como exemplos, Leticia Santos mencionou o programa Rechouchíos, destinado a crianzas entre os 3 e os 8 anos, e a programación estable semanal en período escolar. "Agora estamos vendo que as crianzas demandan cultura e que demandan cultura en galego" asegurou a alcaldesa. A rexedora de Moaña tamén mencionou que, no pasado ano, o seu concello contou cunha axuda da Consellería de Cultura de 3.600 euros para este eido, e con 7.800 euros das axudas da Deputación. A este respecto agradeceu a sensibilidade do organismo provincial para "apostar pola lingua, algo que nunca antes ocorrera ata que chegou Xosé Leal ao departamento de Lingua".

Juan Constenla fixo un repaso exhaustivo do traballo feito no concello da Estrada desde a década de 1980. Este concello tamén foi un dos primeiros en apostar polo Servizo de Normalización Lingüística, aínda que neste momento están sen técnica ou técnico, o que posibilita que teñan implantadas accións de dinamización en diversos eidos transversais. Constenla asegurou que foron dos primeiros concellos en "galeguizar a Administración local" e en aprobar unha ordenanza sobre o uso do galego. Salientou ademais a aposta por iniciativas que promoven e visibilizan a lingua propia no ensino e na mocidade, co programa A festa da palabra, entre o comercio e o empresariado con campañas e accións "encamiñadas a demostrar que o galego non é unha barreira para as actividades comerciais, senón que é unha vantaxe" afirmou. Tamén fixo fincapé en que realizan a práctica totalidade da actividade cultural en galego e "con artistas galegos que usan o galego como lingua vehicular". Por último, lembrou que A Estrada ten un premio orientado exclusivamente a recoñecer a dinamización lingüística, os Premios San Martiño, e patrocina un premio xornalístico, o Reimóndez Portela, e tres premios literarios, o García Barros de novela, o Avelina Valladares de poesía, e o Varela Buxán de teatro.
Pola súa banda, Víctor Caamaño foi o encargado de expoñer unha iniciativa de dinamización realizada de xeito transversal e interxeracional a través do proxecto A memoria das palabras. Unha iniciativa realizada en colaboración cos equipos de normalización dos tres institutos de Cambados e que relacionou dous grupos de idade: a adolescencia e as persoas maiores. A través deste proxecto as mozas e os mozos recolleron información de persoas maiores –esixíase un mínimo de 50 anos de diferenza de idade– relativa a cantigas, patrimonio, alcumes, fotos, oficios e saberes, habilidades, ou refráns e ditos populares. Con esta información elaboraron un sitio web e unha aplicación para móbiles onde poder dispoñer de todos os contidos, e na actualidade están traballando na edición dun libro.





16 de xaneiro de 2018

O SALNÉS DISPON EN 2018 DE 14.063.507€ DO PLAN CONCELLOS











A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia en 2018 un investimento histórico de 72 millóns de euros, o que representa un incremento do 75 % con respecto ao ano 2017. Destes, 42 millóns corresponden ao Plan Concellos 2018 e os outros 30 millóns proceden do plan 2019.
A principal novidade do Plan Concellos 2018 é que se trata dun plan bianual. Así, pon a disposición dos concellos un total de 72 millóns de euros, dos cales 42 millóns corresponden ao 2018 e 30 millóns á liña 1 do plan de 2019. O obxectivo do adianto do 2019 é dar resposta ás necesidades dos concellos ante a vaga de lumes sufrida en outubro de 2017. Deste xeito, serán subvencionables a recuperación de infraestruturas, equipamentos e outros bens de titularidade municipal por danos causados polos incendios.
O Plan Concellos 2018-2019 está destinado a todos os concellos da provincia, agás os de Vigo e Pontevedra, cos que a Deputación asina convenios propios para financiar as actuacións que precisen. A distribución dos fondos entre os concellos calcúlase aplicando criterios transparentes que teñen en conta a poboación, a superficie, os núcleos de poboación e a densidade de cada municipio.
Tres liñas de axuda
O plan bianual conta, ao igual que o do ano pasado, con tres liñas financiadas con fondos propios da Deputación de Pontevedra. A primeira delas está destinada a investimentos e conta con 28.501.200 euros, é dicir, un 10,7 % máis que en 2017, aos que hai que engadir os 30 millóns de euros da liña 1 do Plan Concellos 2019. En total, esta liña pon a disposición dos concellos 58.501.200 euros.
A liña 2 está centrada na amortización, pagamento de débedas e gastos correntes e no financiamento de actos culturais, sociais, deportivos e educativos, e está dotada con preto de 4 millóns de euros.
Pola súa banda, a liña 3 está destinada ao fomento do emprego para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais, e conta con 9.540.000 euros, un 2,5 % máis que en 2017.
Criterios obxectivos
A distribución dos fondos do Plan Concellos efectúase aplicando unhas bases obxectivas que benefician os pequenos municipios e eliminan a discrecionalidade e a libre disposición.
Así, establécense tres grupos de concellos: o grupo 1 está integrado por concellos de ata 10.000 habitantes, que reciben o 44 % do plan, é dicir, 36.680.000 euros; o grupo 2 está composto polos concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes, que reciben o 34 % do plan, 24.480.000 euros; e o grupo 3 polos concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, que reciben o 22 % dos recursos, é dicir, 15.840.000 euros.
A maiores dos 72 millóns de euros do Plan Concellos bianual, a Deputación destinará aos municipios ata 2019 outros 18 millóns de euros do Plan de Reequilibrio e outros 14 millóns para convenios con Vigo e Pontevedra, aos que se suman as partidas de programas específicos destinados á mellora do monte ou á compostaxe. En total, a institución provincial inxectará 110 millóns de euros para dotar os concellos dos máximos recursos.
Na comarca do Salnés

Os concellos da comarca do Salnés dispoñen en 2018 de 14.063.507 euros. Os municipios de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa teñen á súa disposición máis de 6 millóns de euros de incremento con respecto ao ano 2017.









8 de decembro de 2017

A DEPUTACION DE PONTEVEDRA PRESENTA O MAPA-GUÍA DO PATRIMONIO PROVINCIAL










A nosa provincia ten tantas reliquias patrimoniais que non é doado saber onde empezar a visitalas. Por iso a Deputación de Pontevedra publica, no , un mapa-guía, con case medio millar de elementos xeorreferenciados dixitalmente.

Preséntanse os resultados do proceso de elección de fitos patrimoniais na provincia de Pontevedra. Con esta selección procurouse a identificación dun conxunto de elementos homoxéneos en número por cada concello, tendo en conta para iso o patrimonio histórico, artístico, cultural e arqueolóxico. 
A escolla realizouse seguindo criterios de singularidade e representatividade dentro do conxunto do patrimonio local. Achéganse máis de 460 elementos cunha breve descrición, a súa xeorreferenciación en formato dixital para web e o deseño dun mapa guía para a súa divulgación.
Este proceso é aberto para favorecer a participación dos concellos; tamén se consultan diversos aspectos co persoal técnico do Museo de Pontevedra.


26 de xuño de 2017

CAMBADOS RECIBE 35.000 € PARA ACOMETER VARIAS OBRAS


Plan Concellos






A Deputación destina 35.000 euros a Cambados no marco do "Plan 

Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 71,24% do total destinado a Cambados dentro do Plan, cun investimento situado en máis de 658.000 €
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova achega ao concello de Cambados no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará 35.000€ para a mellora de acceso os colexios de A Pastora e Os Olmos e para a construción dun muro no colexio de Corvillón.
Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Cambados outros 276.934,87 euros en liña 1 para a humanización das rúas Ourense e Pontevedra, para o parque infantil de Beleco, para rematar as melloras das beirarrúas da avenida de Vilariño, para dotar de infraestruturas aos núcleos de Veiga e Fonte do Couto, para dotar de mobiliario as oficinas municipais e para facer un traslado do servidor do concello e a súa páxina web. Amais tamén se destinara 138.554,85 € en liña 2 para o pagamento de gastos correntes dos seus servizos municipais e para as actividades do Samaín, o Magosto, o Nadal, a Semana Santa, a Festa da Vieira, as Letras Galegas, a Festa dos Maios e o Entroido e, finalmente, 207.565,98 € cos que Cambados puido contratar a 30 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.
Coa suma desta nova achega, Cambados xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 71,24% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 658.055,70 euros dun total de preto de 925.000 €.






5 de xuño de 2017

O SALNÉS RECIBE DA DEPUTACIÓN MÁIS DE 32.000€ PARA A DINAMIZACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA











Trinta e nove concellos e a entidade local menor de Queimadelos beneficarios das axudas para normalización e dinamización lingüística

Esta liña de axudas financia programas de dinamización da lingua galega e servizos de normalización por un importe total de 200.000 euros
O Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra xa está comunicando aos 39 concellos e á Entidade Local Menor de Queimadelos a aprobación das súas solicitudes ao abeiro da liña de axudas para dinamización lingüística. Hai que lembrar que esta liña de subvencións foi creada nesta lexislatura e convocada neste exercicio por segunda vez e contempla dúas opcións, ou ben a creación ou mantemento dun servizo de normalización municipal, ou ben o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
A maioría das entidades solicitantes optaron polos programas de dinamización da lingua, un total de 35, mentres que 5 solicitaron axuda para o servizo de normalización. En total, esta liña de axudas, distribuirá 200.000 euros entre todos os concellos cuxas solicitudes foron aprobadas. Esta liña de subvencións ía dirixida a concellos e entidades locais menores da provincia de Pontevedra, ata un máximo de 50.000 habitantes.
 Na comarca do Salnés o conxunto das axudas ascende a 32.427,62 euros, para un total de 5 solicitudes. Os concellos de Vilagarcía de Arousa e O Grove solicitaron para mantemento do servizo de normalización lingüística; e os concellos de Cambados, Ribadumia, e Sanxenxo solicitaron para programas de dinamización.




11 de maio de 2017

A DEPUTACIÓN OFRECE UN PLAN DE COFINANCIAMENTO POR PRIMEIRA VEZ PARA CONCELLOS DE MENOS DE 20.000 HABITANTES













O Plan de Cofinanciamento de Servizos Comunitarios Básicos inclúe por primeira vez a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes

A Presidenta Carmela Silva, destaca que con esta decisión política o goberno provincial palía a falta de axudas da Xunta e logra un reparto equilibrado que chega a toda a provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará mañá as primeiras achegas do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos deste 2017, que por primeira vez abranguerá á totalidade dos concellos da provincia de menos 20.000 habitantes, incluídos aqueles que non contaban con financiamento de persoal en base ao establecido no Decreto 99/2012 de 16 de marzo da Xunta de Galicia polo que se regulan os servizos sociais comunitarios, segundo explicou esta mañá en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Así, os concellos de Campo Lameiro, Fornelos, Mondariz-Balneario, Moraña, Oia e Pazos de Borbén, pasarán o formar parte por primeira deste Plan de Cofinanciamento, o que lles permitirá contar a partir deste ano con persoal administrativo para os servizos sociais comunitarios, logrando así dende a Deputación "realizar repartos equilibrados que cheguen a toda a provincia", sinalou Carmela Silva.
Deste xeito, con esta primeira achega destinaranse un total de 1.317.522 € a 32 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se completarán máis adiante cunha segunda adxudicación para os 20 concellos restantes ata completar os 2.215.035,33 € que este ano se destinaron ao o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar e persoal dos servizos comunitarios básicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
En concreto, a Comarca do Deza recibirá un total de 126.175,15 € repartidos entre os concellos de Agolada, cun investimento de 46.581,06 €; Dozón, cunha axuda de 30.308 € e Vila de Cruces, con 49.285,61 €, que permitirán o financiamento tanto do persoal administrativo como o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF).
O investimento na Comarca de Pontevedra será de 198.762,39 €, que se repartirán entre as vilas de Barro (31.591,27 €), Campo Lameiro (15.769,29 €),  Poio (89.618,33 €);  Ponte Caldelas ( 40.917 €) e Vilaboa  (20.866,5).
Os investimentos para a Comarca de Caldas ascenden a 178.192 €, que se repartirán entre Caldas de Reis (50.907 €), Cuntis (37.469 €), Moraña (16.070,5 €),  Portas (29.806,5) € e Valga (43.939 €).
A Comarca de Vigo recibirá con esta primeira achega 208.422,45 €, que se destinarán aos concellos de Fornelos de Montes (14.836,9 €), Gondomar (55.050 €), Nigrán (62.514 €) Pazos de Borbén (16.587,55 €) e Salceda de Caselas (59.434 €).
No caso do Baixo Miño, a comarca recibirá 183.295,59 € para financiamento de persoal e do SAF que se repartirán entre A Guarda (59.866,12 €), O Rosal (27.847,29 €), Tomiño (59.042 €) e Tui (36.540,18 €).
No caso do Salnés, o investimento chega aos 212.376,78 € que se repartirán entre Cambados (46.623,5 €), O Grove (50.189,79 €), Meaño (55.042 €) Meis (31.224,86 €) e Ribadumia (29.296,63 €).
A Comarca do Condado recibirá 79.189,5 € entre os concellos de As Neves (26.666,50 €) e  Salvaterra de Miño (52.523 €).
Ademais, con esta primeira achega, tamén se beneficiarán os concellos de Bueu, na Comarca do Morrazo, con 51.786; A Cañiza  con 44.287,5 €, na Comarca de Paradanta, e Forcarei con 35.034,64 € en Tabeirós – Terras de Montes.
O pasado ano, a Deputación adxudicou 1.359.142,45 € para investir no SAF dos concellos de menos de 20.000 habitantes e prestouse servizo a preto de 1.000 persoas destes concellos, principalmente a mulleres (o 66,7% das usuarias do SAF), maiores de 70 anos e con limitacións para realizar actividades da súa vida diaria.





28 de decembro de 2016

A DEPUTACIÓN AUMENTA AS AXUDAS PARA O SERVIZO DE AXUDA AO FOGAR NA COMARCA DE AROUSA








O SAF está a beneficiar a preto de 1.000 persoas de 53 concellos da provincia de Pontevedra con menos de 20.000 habitantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a asignación da ampliación da subvención do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) 2016, unha convocatoria por libre concorrencia na que puideron participar os concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta convocatoria extraordinaria é complementaria do plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e supuxo a ampliación da subvención do servizo de axuda no fogar (SAF) a un total de 30 concellos en case 160.000 euros.
Os concellos beneficiarios da subvención son os seguintes: Agolada 3.000 €, Caldas de Reis 4.600 €, Cambados 3.000 €, Catoira 5.200 €, Cerdedo-Cotobade 13.000,56 €, Forcarei 5.000 €, Fornelos de Montes 12.000,56 €, Gondomar 3.000 €, A Guarda 3.000 €, A Illa de Arousa 9.000 €, A Lama 13.000,56 €, Meis 3.000 €, Moaña 3.000 €, Mondariz 3.000 €, Moraña 697,20 €, Mos 3.000 €, As Neves 3.000 €, Pazos de Borbén 3.000 €, Poio 3.000 €, Ponte Caldelas 3.000 €, Pontecesures 4.000 €, O Porriño 13.000,56 €, Ribadumia 2.500 €, Rodeiro 3.000 €, O Rosal 12.000 €, Salceda de Caselas 3.000 €, Salvaterra de Miño 3.000 €, Tomiño 13.000,56 €, Vila de Cruces 3.000 € e Vilanova de Arousa 3.000 €.
O goberno da Deputación destinara, ata o momento, 1.200.142,45 € para os 53 concellos de menos de 20.000 habitantes, para investir nesta actuación que realizan os servizos sociais comunitarios municipais e que lles dá servizo a preto de 1.000 usuarias e usuarios da provincia de Pontevedra.
Con esta ampliación, que incrementa ata case os 1,4 millóns de € o orzamento destinado ó servizo de axuda no fogar, preténdese mellorar este servizo que lles presta atención ás persoas maiores con déficit de autonomía e ás persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato. Tamén dá unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social. De feito, o perfil maioritario das persoas usuarias do Servizo de Apoio no Fogar é o dunha muller de máis de 70 anos, con limitacións propias da idade e que require de apoio para realizar as súas actividades cotiás.
Este ano o goberno de Carmela Silva incrementou un 12% os recursos destinados a políticas sociais, nunha sociedade con, cada vez, máis persoas maiores e na que o servizo de axuda no fogar desempeña un papel fundamental para a mellora da súa calidade de vida .






7 de xuño de 2016

NORMAS PARA AS CACHARELAS OU SARDIÑADAS DE SAN XOAN 2016








O departamento de Seguridade Cidadá e Proteccion Civil do Concello de 
Cambados establece as normas de seguridade para solicitar e celebrar as 
“Cacharelas/Sardiñadas da Noite de San Xoan 2016”.

Distinguirase entre a celebración de Cacharelas/Sardiñada en propiedade privada e na vía pública, neste último suposto onde só poderán celebrarse as solicitadas por colectivos ou asociacións.

Cacharelas en espazos públicos e privados

-As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada na súa zona de residencia deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello dende o8 de xuño ata as 14:00 horas do 21 de xuño, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización ou comunidade, así como todos os datos que constan no modelo de solicitude. As persoas responsables teñen que ser maiores de idade.

-A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do espazo público (no privado non se necesita plano) no que se vai a situar a cacharela/sardiñada; así como da situación de todos os elementos, que ademais da cacharela se coloquen no espazo autorizado.

-Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono do Servizo de Emerxencias de Proteccion Civil de Cambados (986.52.49.50) e o da Policia Local (986.52.40.92).

-Zona urbana: O volume do combustible da cacharela non sobrepasará os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura.

-Rural: O volume do combustible da cacharela non sobrepasará os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro.

-A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano.

-Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

-Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

-En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

-No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizadores encargaranse, pola súa conta,de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.

-A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia, para a celebración de festas e romarías populares.

-Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas.

-Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada.

-Cumprir o establecido na Lei 11/2010 de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

-No caso das cacharelas/sardiñadas na propiedade privada os interesados deberán comunicalo ao Concello no prazo establecido.

-O desenvolvemento de celebración das cacharelas e sardiñadas deberá axustarse ao permiso concedido e as ordenanzas municipais.

-Nas cacharelas e sardiñadas que se celebran en espazos públicos, terán prioridade as Asociacións Veciñais e Culturais.

-As organizacións atenderán as indicacións de Policía Local e de Servizo de Emerxencias de Proteccion Civil de Cambados.

-O cumprimento destas normas será verificado polo persoal do Servizo de Emerxencias de Proteccion Civil de Cambados que, se é o caso, dará conta á Policía Local das infraccións. Lembramos que o nº de tfno do Servizo de Emerxencias é o 986.52.49.50 e asemade, o número de Emerxencias da Xunta de Galicia é o 112.