Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

20 de diciembre de 2016

NOVA FERRAMENTA PARA XESTIONAR O SANEAMENTO IMPLÁNTASE EN CAMBADOS














A ferramenta informática SANePLAN para xestionar o saneamento implantase en Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova

O deputado provincial Carlos López Font presenta a aplicación aos concellos e as empresas do sector da auga e o medio ambiente
O Deputado provincial Carlos López Font presidiu esta mañá no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra unha xornada, dirixida ao persoal técnico dos concellos e das empresas do sector da auga e do medio ambiente, na que se presentou a nova ferramenta informática de xestión integrada do saneamento municipal accesible a través de Internet, "SANePLAN", e que dará cobertura a partir de hoxe aos primeiros catro concellos participantes no proxecto, isto é, Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa. Esta ferramenta desenvolveuse no marco do proxecto tamén denominado "SANePLAN", no que participa a institución provincial xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a empresa italiana Physis SRL.
"SANePLAN" é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora. En concreto, a través desta actuación estase a impulsar a integración da xestión do saneamento e os seus elementos coa planificación urbana, co obxectivo de mellorar o funcionamento das redes de saneamento e depuración. Carlos López Font sinalou que "o medio ambiente e a súa conservación é un asunto que cada vez preocupa máis á cidadanía por mor das consecuencias do cambio climático" e, engadiu, "este proxecto é un exemplo do moito que poden achegar as Administracións públicas a este respecto" xa que "á Deputación de Pontevedra lle corresponde colaborar tanto co sector público co privado" para acadar os obxectivos de "SANePLAN", "a modificación e mellora do funcionamento das redes de saneamento e de bombeo".
Grazas a esta aplicación, prestarase cobertura ás necesidades de xestión destas redes e estacións e preténdese impulsar a planificación en función das necesidades actuais e previsións futuras. Así, a través de SANePLAN será posible xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custes e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede e simular escenarios futuros tendo en conta situacións como novos desenvolvementos urbanísticos ou, nas vilas con carácter turístico, a sobrepoboación estacional.
SANePLAN é unha solución sinxela que permitirá ao persoal técnico dos concellos saber cal é a infraestrutura de saneamento necesaria para unha poboación ou mancomunidade e se é suficiente; os núcleos aos que dá e pode dar servizo; se o cambio climático pode afectar á infraestrutura de saneamento existente; actualizar o inventario das infraestruturas de saneamento; controlar as actuacións que se estean executando; ter un control do proceso de depuración; realizar simulacións ou avaliar as augas residuais xeradas. Trátase dunha ferramenta que aporta solucións de grande interese para os concellos e de grande utilidade para os e as técnicas municipais, xa que permite tomar decisións máis adecuadas para garantir unha xestión eficiente e sostible deste servizo básico, como é o de saneamento e auga, e convertelo nun servizo de calidade, que garanta as necesidades de todas as veciñas e veciños.
Ao remate da presentación de hoxe, a ferramenta xa se vai instalar nos catro concellos da provincia que participan neste proxecto, isto é, Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa. Nestas vilas analizáronse máis de 425 quilómetros de rede de saneamento e levaranse a cabo sesións específicas de formación sobre o funcionamento da ferramenta cos técnicos e técnicas destes municipios. Durante a presentación tamén se fixo unha demostración práctica do funcionamento da nova ferramenta informática para a xestión integrada do saneamento municipal. A aplicación responde a aspectos clave que facilitan a toma de decisións políticas e técnicas sobre esta cuestión, dende as redes de saneamento, abastecemento, de pluviais e ata as propias estacións de depuración.
Tamén son obxectivos de "SANePLAN" a redución da presión sobre as masas de auga; a contribución á adecuación dos sistemas de saneamento de poboacións e ao desenvolvemento de sistemas de gobernanza transparentes en relación á información medioambiental; o desenvolvemento de sistemas de gobernanza transparentes en relación á información medioambiental así como para a adaptación do cambio climático e a racionalización dos custos de xestión do saneamento, facilitando a súa dirección e operación mancomunada. O proxecto tamén pretende facilitar a información para a avaliación do estado das masas de auga mariña e sobre as fontes de xeración de acontecementos de risco a través dos sistemas de saneamento.
Á marxe da ferramenta informática, a través de "SANePLAN" tamén se creou unha comunidade de coñecemento sobre a xestión da auga integrada por 233 persoas de distintas institucións de Italia e da provincia de Pontevedra. Igualmente, se participou en congresos e eventos do sector da auga, así como en diversos medios de comunicación, acadando unha audiencia de máis de 100.000 persoas. Ademais, no momento da clausura do proxecto, prevista para febreiro de 2017, a Deputación de Pontevedra está a preparar unha xornada final na que se dará conta das principais achegas de "SANePLAN" para a mellora da xestión das redes de saneamento.






No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.