O Obradoiro de Gaitas Seivane, de Cambre (A Coruña) e a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), con sede en Boiro, foron escollidos como finalistas na oitava edición dos Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, cuxos gañadores se darán a coñecer o vindeiro ano.
As dúas candidaturas, que contan co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, optan a uns galardóns nos que a Artesanía de Galicia ten unha importante presenza cada ano e que teñen como finalidade dar o recoñecemento institucional ao máis alto nivel a aqueles profesionais e iniciativas artesás consideradas como excelentes e exemplares no campo da artesanía contemporánea.
O Obradoiro de Gaitas Seivane, de Cambre ( A Coruña) e que é finalista na categoría de Premio Nacional de Artesanía, ten a súa orixe en 1939 cando o seu fundador, Xosé Manuel Seivane Rivas, elaborou a súa primeira gaita, nunha época na que moi poucas persoas reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro. Os seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel, seguiron os seus pasos e decidiron traballar xuntos no taller familiar, impulsando así unha empresa pioneira en Galicia que modernizou os sistemas construtivos e investiga todos os aspectos relacionados coa gaita para ofrecer un produto de calidade.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), con sede en Boiro, opta ao Premio Promociona para entidades privadas. O traballo da asociación caracterízase por manter viva a tradición na construción de embarcacións de madeira ao tempo que incorpora as últimas innovacións aparecidas no mercado. A súa aposta é conservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira e adaptalo ao contexto dunha economía sostible, conservando o seu valor cultural, e promovendo a divulgación e o uso do patrimonio marítimo.
O presidente de Agalcari é o artesán Gerardo Triñanes, de Asteleiros Triñanes, un obradoiro que na anterior edición dos Premios Nacionais de Artesanía resultou finalista na categoría Premio Nacional de Artesanía.
Nesa mesma edición a Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, resultou gañadora na categoría Promociona para Entidades Públicas, un galardón co que se resalta o traballo da Xunta no apoio aos artesáns galegos.
Os principais eixos estratéxicos desta labor céntranse na aposta pola innovación e o deseño, a formación e especialización dos profesionais e a mellora da comercialización, ao tempo que se preservan os valores que constitúen a esencia dos produtos artesanais, como son a calidade dos materiais e un coidado proceso de produción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.