Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Mostrando entradas con la etiqueta RAG. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta RAG. Mostrar todas las entradas

17 de junio de 2017

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2018 SERÁ ADICADO A ESTREMEÑA Mª VICTORIA MORENO











María Victoria Moreno Márquez, será a cuarta muller na historia que recibe este recoñecemento.

Nada o 1 de maio de 1941 en Valencia de Alcántara (Cáceres) e finada na cidade de Pontevedra o 21 de novembro de 2005, Moreno Márquez licenciouse en Filoloxía Románica en Madrid, onde tivo como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso. En 1963 asentouse en Pontevedra con praza de mestra no IES Valle-Inclán e, posteriormente, no IES Torrente Ballester. Tamén pasou unha estadía profesional en Lugo e en Vilalonga (Sanxenxo), vilas onde iniciou os seus contactos co ámbito galeguista, e que logo consolidaría na cidade do Lérez a través dunha participación activa na vida cultural e política, con especial protagonismo en conferencias, cursos e encontros literarios.
A súa biblioteca persoal, composta por 4500 volumes e uns 150 estudos de Don Quijote foi doada ao IES Torrente Ballester de Pontevedra.
A súa obra está enfocada á literatura infantil e xuvenil en lingua galega, pero tamén escribiu obras de ensaio, colaborou en libros de texto e dirixiu a colección Árbore da Editorial Galaxia. Aínda que a maior parte dos seus libros son en galego, tamén cultivou traballos en castelán, algunha vinculadas a Galicia como Los novísimos de la poesía gallega (1973).
Persoa activa na vida cultural e política da cidade en particular, e de Galicia en xeral, a autora ao que o vindeiro ano se lle dedicarán as Letras Galegas foi finalista do Premio Café Gijón e obtivo o primeiro premio dos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães co relato La casa de las Marías.

Bibliografía selecta:

Literatura infantil y juvenil:
-Mar adiante, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1973.
-Fiesta en el desván. Barcelona, La Galera-Elkar-Galaxia, 1983
-La Niebla: Barcelona, La Galera S.A. (1985) Barcelona.
-Leonardo y los fontaneros, Madrid, Ediciones SM, 1988.
-¿Sopitas con canela?, Madrid, Ediciones SM, 1995.
-Anagnórisis, Barcelona, La Galera, 1997.
-Guedellas de seda e liño, Vigo, Galaxia, 1999
-Eu conto, ti cantas, Xerais. Vigo. 2005
Novelas:
-Donde el aire no era brisa, Salamanca, Diputación de Monleón, 2006 (póstumo)
Ensayo:
-Los novísimos de la poesía gallega, Madrid, Akal, 1973.
-Literatura Século XX , Vigo, Galaxia, 1985.
-Diario da luz e a sombra, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2004
Poesía:
-Elexías de luz, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2006. (póstumo)







13 de noviembre de 2015

A FIGURA DE FONTENLA LEAL NA OBRA DE CABANILLAS CERRA O CENTENARIO DE " VENTO MAREIRO"







A Real Academia Galega (RAG) clausurará este sábado en Cambados (Pontevedra) o programa de actos celebrado polo centenario da publicación de 'Vento Mareiro', obra de Ramón Cabanillas, no que se analizarán, entre outras cuestións, a presenza da figura de Xosé Fontenla Leal na obra do autor.  

A cerimonia, dará comezo ás 19,30 horas no Auditorio dá Xuventude, onde a música, o recitado de versos e tres exposicións detalladas sobre o poeta, a súa obra e a súa vila natal, á que dedicou o poemario, conformarán o evento. Así mesmo, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, será o encargado de inaugurar o evento cultural cun relatorio sobre a presenza de Fontenla Leal en 'Vento mareiro' e 'Non desterro', este último, o primeiro poemario do autor. A cerimonia continuará con máis exposicións sobre a vida e obra de Cabanillas, incluída a súa relación coas Irmandades dá Fala (que farán o seu centenario en 2016), así como co recitado dos seus versos, a cargo dos académicos Final Casalderrey, Margarita Ledo e Salvador García-Bodaño; e a actuación musical do gaiteiro Xaquín Xesteira. 

Ramón Cabanillas, nacido en Cambados no ano 1876, é un poeta galego que forma parte da xeración que conforma a ligazón o 'Rexurdimento' e a literatura do século XX, a 'Xeración Antre Dous Séculos'. Faleceu na súa localidade natal en 1959 e no 1976 dedicóuselle o 'Día dás Letras Galegas'.





4 de julio de 2015

MANUEL MARÍA HOMENAXEADO DAS LETRAS GALEGAS´16







O poeta Manuel María, autor dunha extensa obra e expoñente do activismo político, representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.
Manuel María
Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, de extensa obra e inquebrantable compromiso coa lingua galega.
No ano 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo, onde cursou o ensino secundario entre o Instituto Masculino e o colexio dos Maristas. Nesa altura entrou en contacto con personalidades como Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño. Chegado o ano 1949, os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesíaXistral, fundada por Pimentel. O seu primeiro libro tampouco tardou en chegar:Muiñeiro de brétemas publicouse en 1950, cando o autor contaba só 19 anos, o que o converteu no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra. Este primeiro poemario inaugurou a denominada "Escola da Tebra".
No ano 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta época concibe o libro de poemas Morrendo a cada intre, publicado en 1952, ano no que crea a Editorial Xistral en Lugo. Arredor de 1954 comeza a colaborar na revista Alba. É na casa do director da publicación, Ramón González Alegre, onde coñece a Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín. Con este último mantería unha forte relación de amizade, que se intensificaría cando os dous exerceron a docencia no colexio Fingoi de Vigo.
No ano 1953 volve a Lugo e un ano despois gaña os Xogos Florais de Ourense e coñece algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco. En 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte. En maio de 1959 casou con Saleta Goi García, a muller que o acompañou na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra. Con Saleta argallaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas. No ano 1970, ambos os dous abriron en Monforte a libraría Xistral, auténtico centro de dinamización cultural da vila.
Nos anos sesenta e setenta, Manuel María atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evoluciona cara á unha poesía de compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo.
No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina que culminaría na súa elección como concelleiro no ano 1979.
A partir da década dos oitenta, a súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa. Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos.
En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs. Manuel María falece o 8 de setembro de 2004.


Info:R.A.G.


17 de mayo de 2012

VALENTIN PAZ ANDRADE. VIDA E OBRA


Hoxe traemos o terceiro especial sobre o DIA das LETRAS GALEGAS e non podía ser doutro xeito que adicarllo o protagonista desta festa neste 2012 VALENTÍN PAZ ANDRADE.
Deixamosvos unha pequena bibiografía do autor pontevedrés.

 
Xurista, xornalista, académico, conferenciante, político, poeta ou empresario, a proteica e rica personalidade de Valentín Paz Andrade resiste calquera tentativa de redución a un único aspecto da súa personalidade que non sexa o do seu compromiso cun país, Galicia, que el mesmo propuxo como tarefa.
A formación
Descendente da burguesía local por liñaxe paterna, e da pequena fidalguía pontevedresa por parte de nai, o protagonista do Día das Letras deste 2012 naceu un 23 de abril de 1898 na aldea de Lérez, moi preto de Pontevedra. Aos oito anos ficou orfo de nai, un feito que o marcou profundamente. Cursou os primeiros estudos e mais o bacharelato en Pontevedra, onde xa amosou unha inclinación precoz cara ás letras sen dúbida fomentada polo seu tío, o ilustre poeta Juan Bautista Andrade que, ademais, foi presentarlle a Castelao en 1916.



 Do trato co senlleiro líder nacionalista naceu unha longa amizade que se mantivo acesa ata a morte do político rianxeiro en 1950, pero tamén un firme compromiso con Galicia desenvolvido en moi diversas áreas. Baixo o consello do seu pai, trasladouse a Compostela para estudar a carreira de Dereito, e foi nesta época cando deu comezo á súa militancia activa no nacionalismo participando como orador, xunto con Euxenio Montes, na II Asemblea Nacionalista, celebrada en Compostela en 1919, e participando na fundación do Grupo Autonomista Universitario, vinculado á Irmandade da Fala de Santiago, da que foi electo presidente. A súa xeira universitaria deixoulle, asemade, tempo para colaborar esporadicamente coa prensa local santiaguesa, nomeadamente, na Gaceta de Galicia e no semanario pontevedrés La Provincia. Culminou, finalmente, os seus estudos coa cualificación de sobresaliente.



Os inicios
Non ben rematada a carreira, debutou como avogado en Pontevedra xa en 1921, xusto antes de ser chamado a filas para participar na Guerra do Rif. Durante esta campaña, enviou crónicas desde Marrocos para o xornal coruñés El Noroeste que cimentaron a súa fama como xornalista, unha das súas facetas máis recoñecidas. En 1922, contando vinte e tres anos, recibiu unha baixa médica, grazas aos seus contactos, que lle permitiu abandonar África e volver a Galicia, onde se entrevistou, na Coruña, co cónsul chileno, Cádiz Vargas, co fin de botar a andar o proxecto dun xornal que acabou sendo o Galicia, subtitulado, Diario de Vigo, do que Paz Andrade foi director.





 O xornal saíu do prelo por vez primeira o 25 de xullo de 1922, contando con Roberto Blanco Torres, Francisco Pita ou Lustres Rivas na redacción; con Luís Ksado no deseño gráfico; co Castelao caricaturista nas ilustracións da portada e cun feixe de sinaturas como as de Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Fermín Bouza Brey, Otero Pedrayo, Armando Cotarelo Valledor ou Amor Ruibal. Esta prestixiosa nómina, que exerceu un xornalismo de calidade cunha marcada liña progresista e galeguista, converteu de inmediato o Galicia nunha referencia xornalística a nivel galego, mais, a partir de 1923, sofre persecución e censura so a Ditadura de Primo de Rivera,  ata o seu peche definitivo en 1926.


 Paz Andrade, como director do xornal, viuse encarcerado na cadea da rúa Príncipe, en Vigo, durante un mes no ano 1924. A partires de 1927, Paz Andrade comezou a prestar servizos como avogado á patronal pesqueira viguesa radicada en Bouzas e fundou a revista especializada do sector; Industrias Pesqueras, co financiamento do industrial de orixe catalá José Barreras Massó. Esta relación co mundo do mar e da pesca converterase, en adiante, na súa principal actividade profesional, así como o obxecto de numerosos estudos, ensaios e conferencias, dos que o primeiro exemplo é Los puertos nacionales de pesca. Aportación de Vigo al estudio del problema, de 1928.





5 de mayo de 2012

RAMON CABANILLAS

Hoxe publicamos o segundo artigo relacinado co dia das Letras Galegas. Unha pequena biografía de Ramón Cabanillas o gran poeta de Cambados. O escritor máis destacado que veu nacer o noso povo.


 
Ramón Cabanillas Enríquez naceu en Cambados o 3 de xuño de 1876 e morreu na mesma vila o 9 de novembro de 1959. Poeta e autor teatral, coñecido coma o "poeta da raza", Cabanillas é recoñecido como un dos autores máis relevantes da primeira metade do século XX.

Tras abandonar a carreira eclesiástica no Seminario de San Martiño Pinario, onde estudou desde 1889 ata 1893, desempeñou diversas funcións burocráticas na vila natal e, xa en 1910, emigrou a Cuba. Alí publicou o seu primeiro poema na revista Suevia -"Lonxe", en 1910- e os seus primeiros libros: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). No entanto, o máis importante da súa etapa na illa foi o encontro con Basilio Álvarez, que o fixo participar na causa agrarista, e con Xosé Fontenla Leal, que o impulsou cara a escrita en galego.





Dous anos máis tarde abandonou a illa para establecerse de novo en Galicia, onde exerceu como secretario do concello de Mos entre 1916 e 1924. Nesta época iniciou o seu compromiso co proxecto das Irmandades da Fala, colaborando co seu voceiro A Nosa Terra e converténdose na voz lírica do movemento. Foi aclamado como "poeta da raza" e, así, abandonou os ecos intimistas da súa primeira poesía para poñerse ao servizo das necesidades populares. Deste xeito, con vocación educadora, publicou en 1917 Da terra asoballada e as pezas dramáticas A man da Santiña (1921) e O Mariscal, en colaboración con Antón Vilar Ponte, en 1926. Tamén en 1926 viu a luz o poemario Na noite estrelecida, onde reelabora mitos do ciclo artúrico ao servizo da exaltación patriótica desde unha perspectiva mítica. Porén, en 1927, Cabanillas publicou un volume que recupera o mellor do seu lirismo intimista: A rosa de cen follas.





O 31 de agosto de 1920, a proposta de Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González ingresou como membro de número da Real Academia Galega co discurso "A saudade nos poetas galegos". O 13 de outubro de 1957 foi nomeado académico de honra a proposta de Luís Iglesias, Salustiano Portela Pazos, Aquilino Iglesia, Paulino Pedret Casado, Ramón Otero Pedrayo, Francisco V. Villamarín, Manuel Chamoso Lamas, Jesús Carro García e Fermín Bouza Brey. Antes, en 1929, ingresou na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal.





O levantamento militar de 1936 sorprendeuno en Madrid, desde onde pasou a Valencia; cidade na que se relacionou con Castelao. Xa no ano 1937 regresou de novo a Cambados. Nestes anos o poeta atravesou un período de silencio que só rompeu a partir de Camiños no tempo (1949). Nesta etapa de posguerra publicou tamén Antífona da Cantiga, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e tempos idos e Samos.

Cabanillas brilla especialmente nas súas facetas de poeta e autor teatral, aínda que cultivou tamén a tradución e, esporadicamente, a prosa. Finado en 1959, a Xunta de Galicia acordou dedicarlle o ano 2009 para conmemorar o 50º cabodano da súa morte.
OBRA DE RAMON CABANILLAS





Ensaio
A saudade nos poetas gallegos. Discurso lido por Ramón Cabanillas o día 32 de agosto do ano 1920, en que se celebrou no Balneario de Mondariz o seu recibimento na Real Academia Galega; e contestación de Eladio Rodríguez González. A Coruña: Tip. El Noroeste, 1920.
Discursos leídos ante la Real Academia Española en la recepción pública de D. Ramón Cabanillas Enríquez el día 26 de mayo de 1929. Mondariz-Balneario: Imp. "Hijos de Peinador", 1929.

Literatura
Poesía
No desterro: visións gallegas. Habana: Imp. "La Universal", 1913.
Vento mareiro. Galicia: Imp. "Artística Concordia y Campanario", 1915.



Da terra asoballada. Arousa: Imp. "Galicia Nueva", 1917.
O cabaleiro do Sant Grial: Saga. Bos Aires: [s.n.], 1923.
Estoria do Bendito San Amaro que foi chamado o Cabaleiro de Arentei. Mondariz: Lar, 1925.
Na noite estrelecida. Mondariz: Lar, 1926.
A rosa de cen follas: breviario de un amor. Mondariz: Lar, 1927.
Camiños no tempo. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1949.
Antífona da cantiga. Vigo: Galaxia, 1951.
Versos de alleas terras e de tempos idos: paráfrasis galegas. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1955.
Samos. Vigo: Galaxia, 1958.



Teatro
A man da Santiña: farsada en dous pasos. Mondariz: Imp. do Balneario, 1920.
O Mariscal: lenda tráxica. A Coruña: Lar, 1926.
Macías o namorado: poema escénico –prosa e verso- a xeito de guieiro musical, sobor dunha cantata de Otero Pedrayo. Vigo: Galaxia, 1956.






Obras póstumas, escolmas e estudos
Cancioneiro popular gallego. Vigo: Galaxia, 1973.
Dónega Rozas, Marino (ed.) Poesías: Escolma. Vigo: Galaxia, 1976.
Facultade de Filoloxía da USC (ed.) Homenaxe a Cabanillas no centenario do seu nacemento. Santiago de Compostela: Universidade, 1977.
Alonso Montero, Xesús (ed.) Obras completas. Madrid: Akal, 1979.
Consellería de Cultura (ed.) Xornadas sobre Ramón Cabanillas: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Cambados, os días 7 e 8 de xuño de 2001. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, 2001.
Dobarro Paz, Xosé Mª & Pena, Xosé Ramón. Poesía galega completa. Vigo: Edicións Xerais, 2009.
Fernández Rei, Francisco (ed.) Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas. Cambados: Concello de Cambados, 2009.
Rábade Paredes, Xesús (ed.) Escolma poética. Vigo: Edicións Xerais, 2002.

Ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres 




3 de mayo de 2012

O DIA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe comenzamos unha serie de monográficos adicados as Letras Galegas e como non podía ser doutro xeito o primeiro e adicado a historia deste dia.

Historia do Día das Letras Galegas


O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas no seguinte escrito presentado á Academia:
Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da "Real Academia Gallega", a seguinte proposta:
1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.
2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.
3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.
5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.
6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.


 
O 28 de abril do mesmo ano, en Xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, tal como se recolle na acta da sesión:
[...] O secretario deu a coñecer unha interesantísima proposición que subscriben os numerarios señores Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, en relación coa publicación de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, que se cumpre o 17 de maio vindeiro. Na súa vista, a asemblea acordou declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano, a partir do presente que esta Corporación celebrará coa máxima solemnidade, recabando, como se solicita, a colaboración das institucións culturais do país e a de todos os Centros Galegos do mundo para o maior realce de tan sinalada efemérede. [...]

Tratándose, xa que logo, do centenario da súa obra, foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada á que continuarían, desde esa data e sen interrupción, outras moitas figuras senlleiras da nosa cultura, elixidas en Xunta Ordinaria pola Academia, como se recolle nos seus Estatutos:
(Capítulo 1, Artigo 2):
Son finalidades da Real Academia Galega
Decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das letras Galegas.
(Capítulo 2, Artigo 7)
Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.
Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da nosa cultura e, arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados non só desde a Academia, senón tamén desde a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada.