• Nos concellos con peches perimetrais reducirase a actividade, pero non se suspende a actividade comercial nin a educativa
• O decreto está dispoñible no Diario Oficial de Galicia
Os habitantes de 60 concellos verán limitados os seus movementos desde as doce da noite do venres 6 de novembro. Só se poderá entrar e saír deles por motivos laborais, educativos, sanitarios, coidado de maiores e menores ou para actividades esenciais.
Son as cidades e tamén os seus municipios limítrofes, agás Lugo, onde estas novas restricións non afectan a ningún concello lindeiro. Ademais das cidades e os municipios limítrofes, tamén funcionarán como grupo Lalín con Silleda e A Estrada e Vilagarcía de Arousa con Vilanova e Cambados.
Ademais hai outros once concellos que se inclúen nestas restricións porque teñen máis de 200 casos por cen mil habitantes. Si que está permitida a mobilidade entre os concellos que están na mesma área restrinxida.
En todos os municipios perimetrados, non se suspende a actividade escolar nin pechan os comercios pero pecha a hostalería. Os restaurantes só poderán abrir para recollidas no local e para ofrecer servizo a domicilio. O Goberno galego estudará axudas para o sector no Consello da Xunta de hoxe.
Para os deportistas non federados, só estará permitida a actividade individual. Poderá ser colectiva se é ao aire libre. Tamén se limita a permanencia de persoas en lugares de culto e a ocupación dos eventos culturais, en cines, teatros e auditorios, que poderán celebrarse pero ao 50 por cento de público, cun máximo de trinta persoas no interior e 75 no exterior.
En toda Galicia redúcese a ocupación do transporte público á metade. Ademais nos concellos sen restricións tamén se limitan as saídas dos usuarios das residencias, pero mantéñense as visitas. Nas áreas perimetradas, as reunións só poden xuntar persoas conviventes; no resto, as xuntanzas pasan de cinco a seis persoas non conviventes. A Xunta estuda, tamén, a fórmula para permitir visitas a pais ou nais que vivan sos.
As novas medidas estarán en vigor ata o 4 de decembro, pero serán continuamente revisadas e se fose preciso modificadas ou levantadas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.