O Concello de Cambados deu inicio ás obras de protección sobre o Illote de San Sadurniño para frear a erosión provocada polas mareas.
Co fin de telo preparado antes da chegada da época de temporais, empezou a instalación dos gavións, compostos por pequenas pedras cubertas cunha rede metálica.
Ademáis, aproveitando a actuación xa se iniciaron tamén as primeiras excavacións arqueolóxicas que, nunha segunda fase do proxecto, en primavera do ano que ven, permitirán profundizar e divulgar o valor patrimonial dun dos espazos máis turísticos do municipio.
De momento, as indagacións das arqueólogas xa deron con varios achádegos de cerámica da época medieval.
O municipio puxo en marcha un proxecto divulgativo e patrimonial vinculado ás ruínas da Torre de San Sadurniño.
Cambados é considerado un auténtico museo ao aire libre. Este municipio, naceu da unión de tres antigas vilas independentes: San Tomé, Fefiñáns e Cambados. As particularidades de cada unha delas mantivéronse no tempo, formando un dos conxuntos urbanos máis singulares das Rías Baixas.
Fronte ao hoxe barrio mariñeiro de San Tomé do Mar álzase a silueta da torre de San Sadurniño, ou máis ben o que queda dela. Situada no pequeno illote da Figueira, as ruínas desta torre únense a terra firme por unha ponte duns 170 metros de longo. Ao ser unha zona de marisqueo, se hai marea baixa tamén se pode chegar camiñando. A panorámica desde a súa entrada é envexable, recollida pola Illa
dá Toxa á súa esquerda, e a Illa de Arousa a man dereita.
Por todo iso, o concello de Cambados quere poñer en marcha, a partir de primavera, un plan de promoción do valor desta zona, declarada Ben de Interese Cultural en 1994. O proxecto inclúe unha parte divulgativa, coa que se quere achegar en primeiro lugar a historia de Cambados ao seu pobo, e outra patrimonial, que pretende sacar a relucir os posibles restos da antiga capela e outras vivendas.
As dúbidas sobre a súa creación
As ruínas da Torre de San Sadurniño son o último vestixio do que no seu día puido ser unha fortaleza. Construíuse, segundo o famoso cronista José Caamaño Bournacell, na segunda metade do século X, na época do bispo compostelán Sisnando. Aínda que para o historiador cambadés, Sindo Mosteiro, a edificación construíuse moito despois, a principios do século XVI, como torre xurisdicional para usos administrativos. As interpretacións do historiador, incluídas no seu libro A Torre e a sombra, rompen con moitos dos feitos coñecidos sobre Cambados. Desde o concello apoian esta versión e mesmo solicitaron á Deputación de Pontevedra unha subvención para cambiar os paneis informativos das ruínas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.