Vese na obriga de acometer un gasto importante debido ó deterioro do edificio e o retraso nas autorizacións sectoriais por parte da Xunta de Galicia para o novo.
O concelleiro de Obras e Servizos, Samuel Lago, estivo comprobando a evolución dos traballos de restauración da cuberta na Praza de Abastos, que se realizan sobre as tres partes da cuberta: a chapa metálica, o fibrocemento e a Tella, uns traballos que levan realizando ao longo destes días aproveitando o bo tempo.
Segundo Samuel Lago, “de todos é coñecido que a intención deste goberno, é a de realizar unha nova e máis moderna Praza de Abastos no concello de Cambados, unha Praza de Abastos acorde ao século XXI como se merecen todos os cambadeses e cambadesas. Un compromiso no que o grupo de goberno insiste día a día sen descanso, pero ante o atraso reiterado por causas alleas a este Concello, tivemos que tomar decisións relevantes e de extrema urxencia para que as traballadoras e traballadores, así como os clientes, puidesen ter unhas condicións dignas. Pero quero tranquilizar a todos os usuarios e clientes da Praza de Abastos que aínda que nestes momentos renovemos a cuberta na súa totalidade, seguiremos esixindo axilidade para realizar unhas novas instalacións como merecemos todos e todas».
As obras terán un custe de arredor de 18.000 € e consisten nunha reforma integral do teito que garanta a ausencia de goteiras para o resto da vida útil da praza.
O goberno agradece a paciencia de todos e cada un dos traballadores e dos clientes da nosa praza de Abastos, que estiveron sufrindo as inclemencias do tempo con filtracións continuas, e pide comprensión pola espera, xa que tivemos que esperar a que a climatoloxía fose a apropiada.
Por outra banda, o concelleiro de Facenda Xurxo Charlín, confirma que desde a súa concellería van a estudar a posibilidade de facer rebaixas fiscais , agradecendo a súa colaboración e paciencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.