A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o episodio adverso costeiro de nivel laranxa afectará desde hoxe á costa das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur de forza oito en Lugo e mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros en todo o litoral.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa, así como evitar aproximarse a diques, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.
Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.