A alcaldesa de Cambados acudiu hoxe á sede da Fundación Manolo Paz para participar no recoñecemento que a institución cultural cambadesa lle brinda ao eminente arquitecto portugués Álvaro Siza. Xunto a alcaldesa tamén o conselleiro de Cultura Román Rodríguez asistiron á conferencia que Siza impartiu co gallo da apertura das IV Xornadas da Fundación Manolo Paz, orientadas ao achegamento artístico entre Galicia e Portugal, e á entrega do galardón conmemorativo.
A Fundación recoñece deste xeito o conxunto da traxectoria de Siza e, en especial, as relevantes contribucións realizadas en Galicia e, dun xeito particular, en Santiago de Compostela, onde mostra a acertada conxugación de arquitectura e paisaxe, tanto na contorna do CGAC e o Parque de Bonaval, como no Campus Norte coa Facultade de Ciencias da Comunicación.
Este arquitecto, nado en Matosinhos no 1933, recibiu algúns dos premios internacionais máis importantes da súa profesión, como o Premio Pritzker, Premio Mies van der Rohe, a Medalla de Ouro do RIBA, a Medalla Alvar Aalto, a UIA Gold Medal ou Wolf Prize in Architecture. No eido autonómico, Siza recibiu no 2002 o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que busca recoñecer a persoas significadas polo seu traballo en prol da unidade europea e da preservación do patrimonio cultural do Camiño de Santiago e dos seus valores.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.