Excarcerado o condutor dun turismo envorcado no Grove
Un condutor tivo que ser excarcerado esta tarde despois de envorcar o vehículo que conducía no enlace da PO-316 e PO-317, no concello do Grove.
Ocorreu ás 18:15 horas de hoxe tal e como indicaron varios particulares que chamaron ao 112 Galicia para soliciar asistencia para o único ocupante do coche.
Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, pediuse a colaboración dos membros do servizo local de emerxencias e dos membros do GES de Sanxenxo que liberaron ao condutor e facilitaron a súa atención por parte do equipo do 061-Urxencias Sanitarias.
Tamén se informou aos Bombeiros do Salnés, pero deron volta en canto comprobaron que o ferido estaba xa liberado.
Do mesmo xeito, e por petición da Garda Civil de Tráfico, solicitouse a intervención do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de retirar os restos provocados polo accidente.

Arde case por completo unha vivenda en Vilanova sen causar feridos
Un incendio arrasou case por completo unha casa situada na Praia das Sinas, en Vilanova.
Sucedeu ás 13:00 horas de hoxe e, por fortuna, ninguén resultou afectado. Non obstante, os danos son cuantiosos debido a que as chamas devoraron a totalidade do baixo da vivenda e afectou aos pisos superiores.
Foi un veciño quen contactou co 112 Galicia para informar da situación e ao lugar acudiu unha dotación dos Bombeiros do Salnés para facer fronte ao incendio que destrozou a parte de abaixo debido a unha deflagración de causas descoñecidas e chegou a rebentar un tabique, polo que esa zona quedou seriamente danada.
Ademais, desde o 112 Galicia informouse aos servizos sanitarios de urxencia, aínda que a vivenda estaba baleira no momento de producirse o lume, e ás forzas da ordepara tratar de aclarar as causas polas que se produciu este incendio.
Accidente en Vilanova
Efectivos de Protección Civil de Vilanova acudiron esta tarde a András (Vilanova) onde se rexistrou un accidente de tráfico. Dous vehículos que acabaron na beiravía, chocaron frontolateralmente. Segundo informan os medios desprazados ao lugar, resultaron feridos os tres ocupantes da furgoneta, entre eles un menor de idade.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.