Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

7 de mayo de 2018

PRESENTACIÓN DE "TERRA QUEIMADA" DE RAMÓN CARIDE




Dono dunha ampla carreira literaria, Ramón Caride publica Terra queimada, un relato coral no que se unen tempos e situacións, desde as míticas lembranzas das partidas de bandoleiros carlistas do século XIX aos rescoldos dun pasado que, propio do mundo rural, abrolla de xeito inesperado e terrible.


Terra queimada é un termo militar que consiste en arrasar con todo, destruír o que poida ser de utilidade. Lembramos a lenda de que sobre as ruínas de Cartago tras a terceira guerra púnica os romanos sementaron sal coa finalidade de que na antiga e próspera capital da república cartaxinesa non medrara nunca máis nada. Arrasouse daquela un pobo e con el unha identidade.
Algo semellante padecemos en Galicia cando o noso rural se transforma en terra queimada, non só polas vagas de lumes que devoran a paisaxe do país ano si e ano tamén, senón polo escenario que supón ver esa parte de Galicia que esmorece, que avellenta a pasos axigantados. Un pobo e unha identidade que amortece, que desaparece.
Sobre todo iso fálanos Ramón Caride nesta obra de enxeñería que é Terra queimada, publicada por Edicións Embora. A deleiba do mundo rural, historias agochadas dende a guerra civil, a explotación forestal ou a trata de mulleres mestúranse con gavelas carlistas nunha novela que ten como marco esa Galicia tan afastada das cidades. Caride é quen de fiar maxistralmente diferentes temáticas e recursos, saltando dun a outro case que sen nos decatar. Terra queimada é unha novela pola que transitamos sen alento.

Ramón Caride, que se move como poucos no relato curto, volve demostrar aquí a súa mestría para artellar e unir diferentes historias, porque Terra queimada é unha novela curta, unha grande novela curta.
Terra queimada preséntase o venres11 ás 20.00 horas en ExpoSalnés no acto estará o autor acompañado de Víctor Caamaño e do escritor e historiador Carlos Solla.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.