Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

26 de septiembre de 2017

ROTEIRO LITERARIO POLO CENTENARIO DE “DA TERRA ASOBALLADA”








O Servizo de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza cinco percorridos literarios pola provincia.
O sábado 30 de setembro celébrase en Cambados un roteiro literario conmemorativo do centenario da obra de Ramón Cabanillas “da terra asoballada”.
O roteiro terá como punto de partida a estatua de Cabanillas sita na praza do Concello, e terá lugar entre as 11:30 e as 13:00 horas, guiado por Ramón Caride Ogando.
As inscricións faranse na Biblioteca Municipal Luis Rei (986 520 008). Ata un máximo de 50 prazas.

Trátase do penúltimo dos roteiros literarios cos que a área provincial de Cultura e Lingua, en colaboración coa AELG, dá a coñecer o patrimonio inmaterial da provincia a través dunha perspectiva literaria e cultural

O pasado martes presentouse no concello de Cambados o cuarto dos roteiros literarios que a Deputación pon en marcha, en colaboración coa AELG, no marco das actividades do Ano do Patrimonio, e que terá lugar o vindeiro sábado 30 de setembro co libro de poemas de Cabanillas ‘Da terra asoballada' como eixo central. O percorrido, que leva por título  ‘Roteiro do centenario Da terra asoballada', estará guiado polo profesor e escritor Ramón Caride Ogando. Na presentación estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o concelleiro do Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, e o guía do roteiro, Ramón Caride.

Ao igual que ocorrera cos catro roteiros anteriores, as 50 prazas dispoñibles para participar no percorrido do vindeiro sábado xa están cubertas. Un aspecto que Ramón Caride valorou moi positivamente ao tempo que indicou que o roteiro se enfocará nesta ocasión como altamente participativo, posto que as persoas que asistan serán as encargadas de ler os poemas elixidos en cada unha das paradas programadas. Este enfoque responde, en palabras de Caride Ogando a que "o roteiro está centrado nun libro ligado ao agrarismo e ao nacemento do nacionalismo e das Irmandades da Fala, cun contido cívico de loita política, o que o converte nun libro de poemas moi singular porque non hai moitos deste tipo". O escritor explicou que este poemario fora editado en 1917 cando Cabanillas estaba practicamente na metade da súa vida, -contaba 41 anos-, e supuxo o primeiro libro que publicou na Galiza, posto que os anteriores os publicara en Cuba. ‘Da terra asoballada' non sería reeditado ata o ano 1976, da man de Alonso Montero.

A circunstancia do centenario da publicación da obra escollida como protagonista do roteiro de Cambados foi aproveitada por Xosé Leal para lembrar que "no deseño dos roteiros incluíronse diversas modalidades, uns para poñer en valor un lugar concreto en relación a unha serie de temas literarios, outros para poñer en valor escritores e escritoras en relación aos lugares sobre os que escribiron ou nos que viviron, e outros que relacionan unha obra concreta cun percorrido, como neste caso". Leal insistiu en que "o que queremos é potenciar a riqueza que temos na provincia,  dando a coñecer o noso patrimonio inmaterial a través da literatura, da cultura e, mesmo, da historia e da memoria". Por último, o deputado nacionalista tamén valorou moi positivamente esta iniciativa que "poñemos en marcha por primeira vez desde a Deputación e que está sendo un verdadeiro éxito de público, esgotándose as prazas sempre con moita antelación, e mesmo con persoas que se van desprazando pola provincia e que xa participaron en todos os que tiveron lugar anteriormente, e que esperamos que participen tamén neste".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, agradeceu á Deputación que incluíse Cambados dentro do circuíto de roteiros literarios que se están levando a cabo na provincia. Sobre a figura de Cabanillas manifestou que " diferentes persoas de Cambados levan traballando anos nun roteiro turístico que resulta perfecto para dar a coñecer a nosa historia e o noso patrimonio". Neste sentido, Caamaño aproveitou para lembrar que precisamente desde o Concello se está traballando para acometer a sinalización física de dito roteiro, nunha acción que se enmarca no Plan Concellos do ente provincial. Así, de 24 puntos que contén dito roteiro vanse sinalizar os primeiros 9 neste exercicio, e completarase a acción cun folleto que funcione como plano guía do roteiro completo.

O roteiro

O punto de partida será a Praza do Concello e completará un percorrido que inclúe lugares vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como a coetáneos seus tales como Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. En total contémplanse 10 paradas, nas que Ramón Caride explicará a importancia de cada enclave en relación á obra ou á traxectoria vital de Cabanillas. Os espazos escollidos pasan polo Monumento da Calzada, a Casa Natal do poeta, a Praza do Mercado de Fefiñáns, a Praza de Asorei, a Igrexa do Convento, a Biblioteca Luis Rei, as Ruínas de Santa Mariña no Monte da Pastora -onde ademais está soterado Plácido Castro, de cuxa morte se cumpre o 50 aniversario-, o Pazo de Montesacro, e a casa derradeira do poeta na Rúa do Hospital. Tras este paseo, o remate terá lugar na Confraría de Pescadores, que tamén suma a circunstancia de que está celebrando o seu centenario.


No marco do Ano do Patrimonio, aínda está previsto que se celebre un roteiro máis. Terá lugar o sábado 7 de outubro na parroquia estradense de Berres, baixo o título ‘Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores', a cargo do autor Xosé Luna Sanmartín. Hai que lembrar que o primeiro percorrido, que levaba por título ‘Roteiro da memoria na Illa de San Simón. De Mendiño a O lapis do carpinteiro', tivera lugar o sábado 2 de setembro e estivera guiado polo crítico e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Continuaran en Tui, o sábado 16 de setembro, baixo o título ‘Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario' e estivera guiado por Vítor Vaqueiro; e en Cangas o sábado 23 de setembro co ‘Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña', con Héitor Mera como guía.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.