Cambados é desde fai máis de dous anos “Localidade Solidaria co Alzhéimer” e organízanse estas actividades con motivo do Día Internacional do Alzhéimer, que se mañá 21 deste mes de setembro
Cambados é desde fai máis de dous anos “Localidade Solidaria co Alzhéimer”, segundo o aprobou por unanimidade o pleno da corporación municipal. Por esa razón, véñense desenvolvendo na nosa vila actividades que contribúen a difundir, informar e sensibilizar ao respecto desta grave doenza que afecta a moitos cambadeses e cambadesas.
Entre outras actividades, celebráronse xa charlas informativas para familiares de persoas con Alzhéimer e unha andaina para maiores solidaria co Alzhéimer. Agora, con motivo do Día Internacional do Alzhéimer, que se celebra mañá 21 de setembro, a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, que dirixe Tino Cordal, organiza unha nova charla sobre esta enfermidade e unha obra de teatro.
A charla informativa sobre o Alzhéimer terá lugar este venres 22 de setembro ás 20 horas no salón de actos de ExpoSalnés e será impartida por Alba Felpete, psicóloga de AGADEA (ASOCIACION GALEGA PARA AXUDA DOS ENFERMOS CON DEMENCIA TIPO ALZHEIMER).
Obra de teatro “Na butaca” da man de ButacaZero

Pepa Barreiro volve ao teatro da man de ButacaZero para levar a escena unha das problemáticas sociais máis presentes na nosa sociedade galega, nomeadamente envellecida: a das enfermidades que teñen que ver coa perda de memoria. O proxecto teatral nace da pluma de Esther F. Carrodeguas, que ven de conquistar ao público con Voaxa e Carmín, aínda en xira, e que agora decide enfrontarse a un teatro social pero de novo poético, para ofrecer unha visión optimista e filosófica arredor dunha problemática tan complexa como son as doenzas relacionadas co esquecemento.
Tanto o texto de Carrodeguas como a súa proposta teatral conquistaron o corazón de AGADEA e tamén da Editorial Galaxia, que decidiu sacar do prelo o libro para facelo coincidir o 21 de setembro, co día Mundial do Alzhéimer. Carrodeguas e Barreiro traballaron xuntas dende o primeiro día para conseguir crear un texto que se amoldara perfectamente á poética da escritora pero tamén á potencia escénica da actriz. Decidiron embarcarse neste proxecto xuntas porque ambas tiñan familiares con doenzas relacionadas co esquecemento. Mais reflexionando nas táboas sobre a enfermidade, chegaron a crear un proxecto que en realidade vai máis aló, dando un punto de vista filosófico sobre o vivir no presente, sen a presión continua que adoito sufrimos do noso pasado e o noso futuro: preocupacións, culpas, ambicións… Para o traballo de luz e audiovisual que a proposta escénica requiría, contaron co traballo de Laura Iturralde.
O texto teatral chegará da man de Galaxia a todas as librarías de Galicia, a partir do propio día 21 de setembro. Á venda do libro nos teatros será benéfica, aportando un 20% a FAGAL (Federación Alzhéimer Galicia). O texto, que é poesía visual ademais de teatro, e que nos fai meternos no pensamento dunha persoa que esquece o seu pasado, o seu futuro, e que así, vive no presente, sen filtros, sen condicionamentos, sen culpa, sen nada. Unha persoa que está, que simplemente: é. E así, podemos rir con ela, chorar con ela, berrar con ela, coller rabia con ela….
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.