Esta fin de semana (do 3 ao 5 de decembro) celebrarase a quinta edición do Torneo Internacional Deputación de Pontevedra Galicia - O Salnés, coa participación de todas as nosas seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil. Será o mellor test cara ao Campionato de España de Seleccións Territoriais que se celebrará a comezos de xaneiro de 2017 en Cataluña.
Un total de 22 equipos das categorías xuvenil, cadete e infantil danse cita nun evento que serve de preparación para as seleccións galegas para os próximos Campionatos de España.
Ademais das seleccións autonómicas de Galicia e Asturias, participarán nesta ocasión equipos de Portugal, Holanda, Grecia e Suecia.
Na categoría xuvenil masculina mediranse con Galicia e Asturias o AC Braga (Portugal) e Houten HA (Holanda), mentres na feminina farano a propio AC Braga e o IF Hellton Club (Suecia).
En categoría cadete os equipos convidados son o Hellas e AC Braga na categoría masculina e o HV Zeeburg Amsterdam (Holanda) e Targos Evo (Holanda) na feminina.
Por último na competición infantil participarán, ademais de Asturias e Galicia, o AC Braga en categoría masculina e o Forshaga Handball (Suecia) na feminina.
A deputada de Deportes, Chelo Besada, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, presentaron hoxe no Pazo Provincial o "V Torneo Internacional Deputación de Pontevedra Galicia-Salnés 2016" de balonmán, que se desenvolverá nos concellos de Meaño, O Grove e Cambados entre o 3 e o 6 de decembro. No evento participarán medio milleiro de nenas e nenos de equipos de Galicia pero tamén de países como Suecia, Dinamarca e Portugal, nas categorías xuvenil, cadete e infantil.
Chelo Besada estivo acompañada da presentación pola alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha; o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos e o concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Manuel Caamaño. A deputada salientou o feito de que "o balonmán é un deporte que se está a popularizar na provincia de Pontevedra, e na comarca do Salnés contamos xa con equipos federados en Meaño e O Grove".
Ademais, a responsable de Deportes lembrou que mediante o programa "DEPOrte Escolas" da Deputación, "2.700 nenas e nenos están aprendendo a xogar a balonmán en 27 concellos". Segundo explicou, "para a Deputación o deporte é algo máis que grandes probas que percorren a xeografía, queremos que siga a ser un eixo vertebrador da provincia".
A alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, puxo de relevo o feito de que participan no torneo arredor de 500 xogadoras e xogadores e case "1.000 pais e nais", o que implica unha gran "repercusión para o turismo".
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, coincidiu en que eventos deportivos de carácter internacional coma este permiten "dar a coñecer a paisaxe, o contorno", e converten o deporte nunha "vía de promoción turística".
Mentres, o concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Manuel Caamaño, indicou que o balonmán é un "deporte interesante desde o punto de vista da igualdade, porque ofrece as mesmas condicións para nenas e nenos",
Pola súa parte, o xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón García, asegurou que o deporte é un importante "sistema de transmisión de valores" en ámbitos coma a saúde ou o lecer, mentres que eventos coma este torneo supoñen "un escaparate moi importante" para atraer turismo internacional para a que xa é "a comarca máis turística de Galicia".
E finalmente, o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Francisco Javier Álvarez, lembrou que ademais do torneo haberá actividades paralelas, como un curso para a "formación de árbitros de balonmán", e que os encontros que se xoguen servirán de "preparación" para a participación dos equipos galegos nos vindeiros campionatos de España sub-17.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.