Dende a Biblioteca Municipal Luís Rei estanse a preparar, unha serie de actividades extraescolares para os máis pequenos da casa, axudando así ás súas familias na conciliación familiar polas tardes. Dita programación iniciarase o vindeiro luns 3 de outubro na Biblioteca Municipal Luís Rei.
Ofreceranse actividades didácticas e lúdicas de xeito gratuíto (ata completar as prazas dispoñibles) nas que se reforzará o coñecemento de idiomas (English and fun! e Français pour les petites), a animación á lectura (Canto Conto!), o apoio extraescolar (Repaso e estudo), talleres creativos e xogos (Creamos cas mans!), a informática e a navegación segura por internet (EnREDamos cos ordenadores e A bitácora da biblioteca).
Con respecto ás novidades na programación de actividades na Biblioteca Municipal, cabe destacar as seguintes:
-Un obradoiro de Pintura Creativa con Emérita Méndez, dado o éxito acadado o pasado verán. Realizarase os luns de outubro, novembro e decembro.
-Un obradoiro de Creación de Bonecos e Monicreques con diversas técnicas (esponxa, calcetín, teas), que sacarán a vea máis creativa e divertida dos seus participantes. Realizarase os venres de outubro a maio.
-“Pilates entre libros”: Trátese dun obradoiro que lles axudará a aumentar a súa fortaleza, a súa flexibilidade, a relaxar a súa mente e a saber adoptar hábitos posturais correctos. O método Pilates ademais mesturarase coa lectura diaria de pequenos contos e relatos relacionados coa temática a tratar semanalmente baseada en educación en valores como a amizade, o respecto ao medio, a solidaridade etc. Realizarase os mércores de outubro a maio.
-Robotix – LEGO Educación: Obradoiro de iniciación na robótica e a programación: LEGO-Education lanzou no sur de Europa ROBOTIX, un proxecto pioneiro de formación extraescolar para o desenvolvemento de habilidades e competencias para o século XXI: creatividade, innovación, emprendemento, comunicación, traballo en equipo e fomento de autoconfianza. Dito proxecto está a funcionar con éxito en diferentes escolas de todo el país como tamén en Finlandia, Noruega, Estados Unidos ou Corea. En horario extraescolar, os alumnos nun entorno altamente motivador e divertido, utilizarán a robótica e a programación como plataforma de coñecemento. Realizarase os martes de outubro a maio.
-Por último cabe destacar, a continuidade de clásicos como o Obradoiro de Xadrez (os luns) ou o de iniciación á cociña e de animación á lectura “Pequechefs de conto!”. Este último volverá a realizarse no Salón de Peña os xoves, e a través do cal os nenos coñecerán contos e receitas típicas. Este ano como novidade o curso amplíase e subdivídese por tempadas gastronómicas, de xeito que cada alumno poida customizar como desexe a asistencia ás clases, xa sexa por días soltos ou por tempada (Sabores de Outono; Especial Nadal; Sabores de Entroido ou Sabores de Primavera).
A inscrición para estas actividades farase na Biblioteca Luís Rei do 26 ao 30 de setembro polas mañás de 9.00 a 14.00 horas.
Cabe destacar que outubro é un mes moi importante para as bibliotecas, dado que o 24, é o Día das Bibliotecas, pero, ademais o 18, a Biblioteca Luís Rei, cumpre o seu 6º aniversario nas dependencias da Casa dos Fraga, polo que están programados os seguintes espectáculos gratuítos de animación á lectura para todos os públicos a través do programa da Xunta de Galicia, Ler Conta Moito:
-Trinke Trinke e “O coelliño branco” 18.30 h. Sesións de contacontos a cargo de Trinke Trinke e “O coelliño branco”: O 17 de outubro estarán en Cambados, celebrando o 6º aniversario da reubicación da biblioteca na Casa dos Fraga. Ademais recalarán o 14 de outubro en Oubiña, o 18 en Castrelo, o 19 en Corvillón e o 20 en Vilariño.
- Raquel Queizás e “A Orixe” O luns 24 outubro, Día das Bibliotecas, asistiremos no Auditorio Municipal ás 20.00 horas á entrega de premios aos lectores máis activos das bibliotecas de Cambados e a continuación á contada “A Orixe” na que Raquel Queizás nos ofrece un espectáculo de narración oral baseado en historias das catro esquinas do mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.