O achado supón unha novidade desde o punto de vista antropolóxico xa que se pensa que naquela época non era habitual enterrar os menores dun ano
Un día despois da visita da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, ó Campo da Lanzada para ver in situ o levantamento do esqueleto de "Cornelia" xurde un novo achado no xacemento. Neste caso, o equipo de arqueoloxía da institución provincial e a Doutora e Antropóloga Física Olalla López Costas da Universidade de Santiago de Compostela -que aínda se atopaba no Campo da Lanzada-, atoparon esta mañá o corpo dun bebé a aproximadamente 5-6 metros do de "Cornelia".
Segundo indica a Doutora en Antropoloxía Olalla López, que xa participara no estudo dos esqueletos que xurdiron nas escavacións da Lanzada nas décadas dos 60 e 70 do século pasado, trátase da primeira vez que aparecen ósos dun bebé na Lanzada, neste caso, dun neonato moi deteriorado que se atopaba encollido nunha zona de area situada 5-6 metros a carón de "Cornelia". A Doutora López asegurou que este achado casual do esqueleto do bebé non ten porqué implicar relación co da muller nova atopada onte, pero si é unha novidade desde o punto de vista antropolóxico xa que se pensa que naquela época non se enterraban os menores dun ano.
Pola súa banda, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, considera que se trata dun esqueleto de igual época que Cornelia, é dicir, e a falta de estudos que o confirmen, do século I despois de Cristo.
Nestes momentos o equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra e a Doutora en Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela atópanse extraendo os ósos do pequeno e non descartan que aparezan novos esqueletos similares.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.