Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLOG. Sobre todo crítico.
CORES DO SALNÉS É UN BLOG. Sobre todo crítico.
25 de octubre de 2015
A XAQUÍN CHARLÍN "CHON" *IN MEMORIAM*
A Ti Meu Chon
Quedou manifestamente claro na súa emocionante despedida do pasado xoves que somos moitos os cambadeses e cambadesas que nos sentimos tristes nestes días polo prematuro pasamento dun grande veciño, unha excelente persoa que tiña sempre na mente ao seu amado pobo. Chon desenvolveu un papel fundamental na difusión e denuncia das inxustizas e problemas da nosa vila, dende as súas ideas e dende o compromiso co seu querido Cambados. Tamén nos transmitiu moita alegría e regalounos numerosas festas a toda a veciñanza cambadesa.
Chon naceu e criouse no seo dunha familia humilde e traballadora do barrio de Triana, en Fefiñáns, pero tiña un carácter nobre; parecía un fidalgo cargado de utopías e tamén de soños alcanzables. Era un loitador incansable e un activista-defensor de todas as causas xustas.
Entre os seus méritos podemos destacar os seguintes: a recuperación e revitalización do Entroido cambadés, coa comparsa Unha Grande Chea, da cal foi fundador, en tempos nos que o goberno municipal se esforzaba por facer desaparecer a súa celebración; a dinamización lúdico-cultural, a través da organización de eventos e o impulso de festivais como o de Xironsa, asociación cultural que fai un importante labor pola música tradicional galega no noso pobo; o apoio aos clubs deportivos cambadeses, chegando a presidir o principal equipo de fútbol, o Juventud de Cambados; o compromiso político, que o levou a ser concelleiro e a pelexar por democratizar, denunciar e resolver os problemas da nosa localidade; a defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras, exercendo como delegado sindical durante tres décadas e sendo artífice da consecución para Cambados dos terceiro e cuarto xulgado; a defensa da lingua e da cultura galega en todos os ámbitos, tanto na súa contorna profesional, no mundo da xustiza, coma fóra dela; e, finamente, a creación dun dos primeiros e mellores blogs cambadeses, A Ti Meu Cambados, seguido diariamente por centos de persoas, que se informaron de moitos dos feitos e acontecementos locais grazas a incansable actividade do autor de numerosas crónicas, imprescindibles para unha boa parte da poboación cambadesa.
Por todo iso, e por moito máis, Chon non desaparecerá nunca da memoria dos seus veciños e veciñas. Porque os bos e xenerosos permanecen eternamente
nas mentes e nas historias dos seus pobos. Chon tiña un gran corazón que o levaba a preocuparse e a procurar o benestar da súa veciñanza, e tamén a intentar alegrarlles moitas datas. Non esqueceremos nunca a súa simpatía e o seu sentido do humor, a súa retranca e o seu espírito festeiro. Ademais, lembraremos a nobreza do seu carácter e a xustiza das súas accións.
Á súa familia, á súa dona Teresa, ao seu fillo Xaquín e á súa filla Mariña debemos facerlles saber que para moitos cambadeses e moitas cambadesas, Chon sempre será un dos grandes homes de Cambados. Apertas eternas, amigo. Segues entre nós.
Tino Cordal.
Amigo e veciño de Chon.
1 comentario:
Non só para os cambadeses e cambadesas. Chon era e segue a ser, un referente para moitos amigos, tamén de fora da capital do albariño. O contaxio da súa personalidade espallóuse por moitas zonas de Galiza. Dende a "Terra do Meco" Unha aperta a todos.
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.