O PSOE critica que o goberno de Rajoy impida importantes inversións para Cambados ao rexeitar as enmendas presentadas aos Presupostos do Estado
No trámite parlamentario dos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2016, o Partido Popular rexeitou tódalas enmendas presentadas polos grupos da oposición, entre as cales figuran unha serie de inversións que os socialistas de Cambados reclaman para a nosa vila.
Medidas para a rexeneración da ría, tan necesaria para os nosos mariñeiros, ou o saneamento da rede de sumidoiros, non serán levadas a cabo durante o vindeiro ano pola negativa do PP a dialogar. Tamén se impide a construcción dun novo cuartel para a Garda Civil, algo que dende o PSOE local levan reclamando dende fai moitos anos, ou a continuación e a rehabilitación da senda fluvial do Umia.
Tamén foron rexeitadas medidas de ámbito maior e que tamén afectan a Cambados, como a reclamación dunha aportación financieira para un Plan Integral de Emprego de Galicia, ou un Plan de Reindustrialización e Apoio á Competitividade Industrial de Galicia.
Dende o PSOE cambadés lamentan que as presas por querer ter listo o orzamento antes do remate da lexislatura, leven ao goberno a aplicar o rodillo e non dialogar con ninguén, algo impropio cando faltan tan só dous meses para as eleccións xerais.
A alcaldesa de Cambados, a socialista Fátima Abal, sinala que “lamentablemente, esta é a forma de facer política á cal nos ten acostumados o Partido Popular, usando as maiorías absolutas para impoñer, para evitar dialogar. Fixeron o mesmo en Cambados, e a sociedade fartouse, e o mesmo vai pasar co goberno central o próximo 20 de decembro. Por eso teñen tanta presa por aprobar estes orzamentos antes do final da lexislatura”
“É un completo despropósito –sinala Fátima Abal- que un goberno impoña uns presupostos desta forma, sen dialogar e sen aceptar ningunha das enmendas da oposición, sobre todo coas eleccións xerais á volta da esquina. A actitude autoritaria do Partido Popular pretende que o goberno resultante das eleccións teña as mans atadas durante o seu primeiro ano por culpa destes orzamentos. Fronte á imposición, os socialistas apostaremos sempre polo diálogo e polo acordo, xa que é a forma de favorecer os intereses de tódolos cidadáns.”
A pesar do rexeitamento do PP ás enmendas, Fátima Abal afirma que “seguiremos loitando pola defensa de Cambados en tódalas institucións, polo que varias das enmendas voltarán a reclamarse na tramitación dos presupostos xerais da Xunta de Galicia” e agarda que un próximo cambio no Goberno Central “veña acompañado dunha forma de facer política aberta e de cara aos cidadáns, e non de costas a estes como sucedeu nos últimos anos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.