A Fundación Rosalía de Castro celebra o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural no que se presentará a edición en libro-disco de “De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro” que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos.
O acto de presentación desenvolverase o martes 24 de febreiro ás 19:30 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón e intervirán Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Rosa Martínez, directora da Radio Galega.
Lerán os seus poemas os seguintes poetas: Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas, Carmen Blanco, Luis Glez Tosar, Olalla Cociña e Xose María Álvarez Cáccamo.
A crítica literaria Ana Salgado fará unha lectura crítica do libro-CD ‘De Cantares Hoxe’ e María Xesus Nogueira fará unha achegamento ás antoloxías sonoras na poesía galega.
O acto pecharase coa actuación musical de Najla Shami, unha cantora e compositora galego-palestina que publicou en 2013 o libro-disco ‘Na lingua que eu falo’, no que afonda na obra de Rosalía. Unha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico ‘Negra Sombra’.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.