A situación actual da flota do cerco é moi preocupante. As principais especies que captura pasan por situacións complexas, que teñen en Bruxelas e Madrid as súas decisións moi alonxadas da realidade galega e que contamos en Galiza cun goberno que non defende os nosos lexítimos intereses.
Estas escasas 40.000 ton houbo que repartilas entre os distintos segmentos de flota e no mesmo censo entre as diferentes comunidades autónomas, aprobando o Estado español un reparto en función das capturas históricas, cando todos sabemos que nos últimos anos o Estado estableceu un modelo de aperturas/peches que favorecía as comunidades cántabra e vasca e que pagamos unha multa por exceso de capturas, 2009 e 2010, que pescaron uns pero pagamos todos.
A regulación de topes, días, tamaños,... que ven levando a cabo a flota galega, en vez de favorecela, prexudicouna, xa que o criterio maioritario son as capturas, encontrándonos cun reparto que favorece ás grandes embarcacións e ningunea os criterios de sostenibilidade e aboca ao despezamento as pequenas embarcacións favorecendo aos grandes armadores.
A pesquería do xurelo, está a converterse na especie refuxio para permitir a supervivencia da flota. No reparto efectuado correspondeulle ao Estado español un total de 16.592 toneladas,o que supuxo un 26% menos das que se recibiron o ano pasado de 22.409 ton, mentres que as capturas da zona Ciem VIIIb (Golfo de Bizkaia), que é onde faenan os grandes barcos vascos se lle manteñen as cotas.
O estado actual do “stock” da sardiña é moi preocupante. Diversos informes científicos e as escasas capturas dos últimos anos así o veñen reflectindo, contrastándose unha ausencia notable dos reprodutores que fan predicir un futuro moi incerto, onde está en risco a recuperación da especie e a sostenibilidade do sector.
Esta situación ven sendo denunciada por parte do sector, que reclama medidas urxentes, mentres que a señora conselleira permanece ausente ou con afirmacións e medidas que nada axudan a enfrontar o problema, tales como que non lle consta que haxa escaseza de recurso, que foi ela quen reclamou a Madrid a liberalización dos topes de capturas ou recentemente que o problema da escaseza de sardiña é unha cuestión de ciclos, e que ela era optimista.
O sector do cerco viña reclamando e logrado un acordo na Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca onde perfilou un Plan de recuperación da sardiña que comprendía:
- Redución días de capturas: 4 por semana.
- Topes: 2.000 kg por embarcación e 300 kg por tripulante.
- Reducir as capturas de alevíns (xouba) ata un máximo de 500 kg.
- Establecer unha veda de 5 meses de novembro a marzo; 90 días de parada biolóxica con 30 días de subvencións as tripulacións e 60 días opcionais, podendo acollerse ou renunciar e poder pescar outras especies.
O Goberno galego comprometeuse a defender este Plan diante de Madrid e trasladalo a Portugal e as outras comunidades autónomas. O nulo resultado destas xestións puidemos velo ás dúas semanas onde o Goberno español publicaba a Orde AAA/1512/2014, de 30 de xullo, pola que establece un Plan de xestión da sardiña (Sardina pilchardus) das augas ibéricas dentro das divisións CIEM VIIc e IXb, no que
unicamente establece as posibilidades de capturas en función da biomasa pero ningunha medida paliativa.
Isto trouxo consigo que unha vez esgotada a cota establecida, pecha a pesquería, sen terse adoptada ningunha das medidas reclamadas polo sector e aceptadas polo Goberno galego: redución de días de pesca, diminución de topes, proteccións dos alevíns e vedas subvencionadas. Admitindo un futuro reparto en función das capturas históricas, sen ter en conta o número de embarcacións, as tripulacións e as medidas de redución e regulación que se ven levando a cabo en Galiza dende hai máis de tres décadas
Esta nova medida aboca ao sector do cerco a unha situación sen futuro: non temos cota de xarda, a presión sobre o xurelo aumenta reducindo as cotas, e agora ante o esgotamento da sardiña o Estado español pecha a pesquería sen tomar ningunha medidas paliativa.
O Goberno central é responsable desta situación, mentres o Goberno galego cala, non demandando medidas de xestión e admitindo uns criterios de capturas históricas, discriminatorios para a nosa flota, ao igual que Europa, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira e permitindo uns criterios que beneficia aos grandes armadores, abocando a flota galega á miseria.
A única saída a esta situación é que a Xunta de Galiza defenda os intereses da flota galega e inste ao Goberno do Estado a elaborar un novo Plan de recuperación da sardiña que inclúa os criterios establecidos na Comisión do cerco, con medidas que permita que a flota teña futuro, defendendo un reparto liñal proporcional ao número de embarcacións, onde se prime o número de tripulantes e os criterios de pesca responsable.
Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Cambados, a adopción do seguinte
ACORDO
1.- Rexeitar o actual modelo de reparto que establece a UE na pesca da xarda por ser altamente discriminatorio co Estado español.
2.- Reclamar de Madrid a modificación do actual reparto de cotas que prima o criterio de capturas históricas por outro onde sexan preponderantes os criterios socioeconómicos e número de tripulantes.
3.- Manifestar o apoio deste concello a flota do cerco que reclaman un novo Plan de recuperación da sardiña cos criterios acordados na Comisión Sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca, isto é:
Redución número de días de pesca.
Reducir topes diarios e por tripulante.
Capturas máximas de xouba, 500 Kg.
Establecer 90 días de parada biolóxica; 30 subvencionados e 60 días opcionais.
4.- Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do Goberno e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e Congreso dos Deputados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.