Nota de prensa do B.N.G. sobre as obras do Saco de Fefiñáns.
Onte e por segunda no que vai de ano, veñen de ser anunciadas as obras de saneamento do Saco de Fefiñáns. Celebramos este reiterativo anuncio e agardamos que realmente nesta ocasión sexa pronto unha realidade. O saneamento sempre debe ser unha prioridade sanitaria e, máis, neste caso onde implica directamente postos de traballo en Cambados no sector do marisqueo.
O BNG non comprende a insistencia do PP en darlle prioridade a unha obra propagandística como a das comportas do porto de Tragove e tentaba esquecerse do que realmente debe ser o primeiro. Non nos cabe dúbida que de non ser pola insistencia do colectivo das mariscadoras e pola denuncia pública feita polo BNG, hoxe non estariamos falando do saneamento do Saco de Fefiñáns.
O BNG seguirá esixindo que o saneamento sexa real e efectivo (non só no Saco, senón en todo o concello) e, canto antes, o banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns volva a ser cualificado como Zona B. Esa debe ser a única prioridade de investimento público.
Non aceptaremos a proposta electoral do PP para construción das comportas no porto de Tragove. Non aceptaremos un proxecto co único aval técnico dos políticos do PP, onde por suposto ningún deles se fará responsable das consecuencias negativas que este proxecto electoralista poida ter sobre a destrución deste importante banco marisqueiro. Recordamos que a día de hoxe non existe ningún informe técnico que avale o proxecto das comportas, que segue a ser unha teima do PP e o seu obxectivo real en todo este asunto. O PP, realmente, non está preocupado pola produción do banco marisqueiro do Saco senón pola transformación do Saco de Fefiñáns nun estanque. E como noutras ocasións o PP non ten valor para defender publicamente o que pretende realmente, porque como sempre, por riba dos argumentos están os seus intereses.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.