O voceiro de Queremos Galego e presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, denunciou que o Executivo de Feijóo é "o primeiro goberno" que "en 30 anos de democracia en España" acode aos tribunais para "intentar que a súa lingua, o galego, teña menos presenza na educación".
Deste xeito se pronunciou nunha rolda de prensa celebrada este venres na que se referiu á recente personación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Tribunal Supremo (TS) como paso preceptivo para poder formular un recurso de casación contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) de Galicia que anulan parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo.
"É vergonzoso que nun momento no que nos din que non hai diñeiro para servizos públicos tan necesarios como a educación ou a sanidade, estean a malgastar os fondos nos tribunais para atacar o galego cando, xustamente, o que necesita Galicia é a promoción da súa lingua e a súa cultura", rexeitou o voceiro de Queremos Galego.
Neste sentido, Carlos Callón tamén criticou que "o Goberno galego pontificara dende os medios de comunicación que están á súa disposición, como a TVG e a Radio Galega, que as sentenzas do TSXG lle daban a razón"."Se lle daban a razón, ¿por que recorre a sentenza?", cuestionou antes de considerar que o motivo é que a Xunta "toma por parvos" os cidadáns galegos.
Así mesmo, cuestionado sobre a decisión coñecida este xoves de que o TS admitiu a trámite o recurso de Galicia Bilingüe contra a sentenza do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo Callón asegurou que "todos os recursos formulados por entidades en defensa do galego foron admitidos a trámite e recibiron a razón".
Por iso, confiou en que o TS "ratifique" o recollido nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que "sinalan que este decreto é inválido xuridicamente".
"ÉXITO" DA MARCHA DO DOMINGO
Por outra parte, a vicepresidenta de A Mesa Pola Normalización Lingüística, Susana Méndez, cualificou de "máis que positivo" o "éxito" da convocatoria de manifestación realizada por Queremos Galego o pasado domingo en Santiago de Compostela.
Segundo recordou Carlos Callón, esta marcha tivo como obxectivos "a defensa do cumprimento do plan xeral de normalización da lingua galega, da lei de normalización lingüística que este ano hai 30 anos de incumprimentos, e reclamar o cumprimento da carta europea das linguas".
"Este éxito sen paliativos dános máis vento para actuar con máis forza e decisión na defensa do noso idioma e para reclamar, unha vez máis, a derrogación do decretazo contra o galego que supón un auténtico lingüicidio", apuntou Callón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.