Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

5 de julio de 2012

40 ANIVERSARIO DA FUNCACION DA IRMANDADE DEMOCRÁTICA GALEGA


40 aniversario da Fundación de IDGA: Irmandade Democrática Galega

Había anos que as historias particulares non coincidían, dende aquel agónico franquismo da Barcelona loitadora, onde cadaquén buscaba o seu particular tesouro entre as alfaias da urbe mediterránea

Reuníronse  na parroquia de Calo, concello de Teo, concretamente na Casa Grande de Cornide, onde un tal Tarrío de Izquierda Republicana se exiliara canda a guerra polos mares do cono sur. Había anos que as historias particulares non coincidían, dende aquel agónico franquismo da Barcelona loitadora, onde cadaquén buscaba o seu particular tesouro entre as alfaias da urbe mediterránea: formación cultural, estudos académicos, liberdade, democracia e incluso pan e salario. Por iso foi emocionante, porque nos ollares residía sinceridade, complicidade e unha morea de recordos anubrados polos tempos bretemosos desta realidade liberalizada (que non libre). Algúns –como o que escribe– só coñeciamos IDGA por medio dalgúns escritos (poucos) e pola consulta de certos exemplares do seu voceiro clandestino: O Mallo. Irmandade Democrática Galega (IDGA) nace na cidade condal en marzo de 1972, cando se aglutina baixo causas comúns un grupo de galegos e galegas que, militantes ou simpatizantes do nacionalismo, buscaban facer eco dos acontecementos que suceden en Galiza e das aspiracións que esta debe ter. Sería longo explicar aquí as tres etapas desta organización, todas as actividades que realizan e os compromisos –e incluso riscos– que asumen os seus membros. Mais hai que sinalar que ha ser a partir do asasinato daqueles dous traballadores dos estaleiros ferroláns (Amador Niebla e Daniel Rei, que este ano tamén conmemoramos) cando IDGA se configure formalmente, tempo no que o PSG e a UPG asinan un manifesto común “Por unha Galiza Ceibe e Socialista”.

Nese instante son membros da organización galego-catalá: Xosé Lois García (traballador na SEAT, taller número 7), Xosé González Rego (igualmente operario nesa factoría, taller número 1), Margarita Ledo Andión (estudante de xornalismo), Xerardo Rodríguez Arias, e varias persoas máis, das cales moitas traballaban na devandita fábrica de automóbiles. Sen menosprezar o importante labor doutra organización clandestina durante o franquismo, como o é Brais Pinto, IDGA ten un activismo moito máis social, de traballo directo nas empresas industriais, de loita polos dereitos dos/as traballadores/as e do alumnado universitario,… moito máis combativa no ambiente social dos/as galegos/as (daquela máis de 6.000 que traballaban na SEAT). Por iso foi importante que o 1 de xullo do corrente ano se celebrase, en Teo (onde nacera o histórico Terzo de Calo, terra de Enrique Líster e de canteiros que termaron as armas e loitaron pola democracia entregando a vida), este 40 Aniversario da Fundación de IDGA. Até o lugar de Cornide chegou o son daquela “vietnamita” coa que se editaron 4000 panfletos (ollo: en lingua galega) que logo se repartirían na SEAT dando conta do que acontecía no país, das mortes dos traballadores da Bazán,…

Moitos dos membros deste círculo de amigos/as (de camaradas) vinculáronse coa UPG (da que serían posteriormente “linchados”: caeron como follas murchas de outono), e que logo cadaquén buscaría o seu espazo nas distintas pólas da árbore nacionalista, que se alimenta do substrato nutricio da historia, a tradición e a lingua.

A cobertura que lle daba “legalidade” a IDGA era o departamento de cultura da Asociación de Amigos de Nacións Unidas de Barcelona (con sede no número 14 de Fontanella), dende a que se realiza a famosísima “semán cultural galega” (á que asisten Manuel María, López-Suevos, Lois Diéguez, Paco Rodríguez, Camilo Nogueira,…), e dende a que se celebran outrosí unha morea de mesas redondas, faladoiros e actos de coloquio e aprendizaxe.

É así que debaixo do emparrado da casa de Cornide ecoaron aquelas lecturas que do Sempre en Galiza se fixeron nas fragas dos arredores de Barcelona, resoaron as arengas estudantís e proletarias (“Queremos un traballo digno na Nosa Terra”, que hoxe tamén bate con forza en min),… escoitouse a voz das Fusquenllas (creadas dende IDGA) e ulíronse fotografías descoloridas nas que ondeaba a bandeira nacional.

Mini e Mero (Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, da Quenlla), Raúl Galego (membro tamén deste grupo musical), Tereixa Buendía, Benito García Bolaño, Maribel Golmar, Manuela Mariño, Encarna Otero (émulo para moitos nacionalistas, que nos recordou o seu exilio en Tolousse), Noela Pousa Castro e o que escribe ficamos emocionados, como ditosos espectadores perante o acontecemento conmemorativo: que recendía a terra, a lingua, a matria, a loita e a soberanía. Comeuse, falouse, abrazámonos,… e toda esa materia emotiva quedou adobiada coa música sempre limpa (e transparente), sincera (e nada difusa), incisiva e decisiva de Mini, Mero e Raúl Galego. Porén os protagonistas foron aqueles membros de IDGA reunidos na artúrica táboa de Cornide, alongada e sen cabeceiras e preferencias, comunal e comunicativa: Pepe Barro, Alberte Campos, Chus Castro, Xosé Lois García, Xesús García Mosquera “Boiro”, Xosé González Rego “Foz”, Xosé Ramón Pousa Estévez, Xerardo Rodríguez Arias “O Aviador” e Suso Vázquez. Fiquen nestas liñas o meu máis sincero agradecemento e admiración por aquelas loitas que hoxe teñen que ser as mesmas, para poder triunfarmos coa esperanza e estrela por bandeira.




Nova escrita por Héitor Picallo en Galicia Hoxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.