Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Mostrando entradas con la etiqueta Tino Cordal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tino Cordal. Mostrar todas las entradas

15 de octubre de 2020

FÁTIMA ABAL DE BAIXA CEDE TEMPORALMENTE O BASTÓN DE MANDO A TINO CORDAL


Mañán no BOP saldrá publicada a delegación de funcións como alcalde accidental de Fátima Abal no  primeiro tenente de alcalde Tino Cordal. O motivo non é outro que unha baixa médica motivada por uns problemas de saúde da edil socialista. A alcaldesa leva desde onte ao mediodía aillada ante a dúbida de padecer a COVID-19, con moita tos e que prácticamente a deixou sen voz. Feita a proba PCR pertinente esta deu negativo.
Por tal motivo foille dada a baixa para recuperar a voz e o estado de saúde normal.

A alcaldesa quere tamén tranquilizar as persoas que estiveron estes días con ela pois, como decíamos anteriormente a proba da COVID foi negativa.


20 de marzo de 2019

OS USUARIOS DO CENTRO DE DÍA VISITAN O MUSEO DO VIÑO

Tino Cordal fixo de anfitrión para os 11 usuarios que, xunto cos seus familiares, visitaron o Museo do Viño de Cambados.

O concelleiro de Sanidade, Servizos Sociais e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, fixo unha visita guiada ao Museo do Viño cos 11 usuarios do Centro de Día de Cambados e os familiares dos mesmos.
Os 11 usuarios do Centro de Día, xunto cos seus familiares, estiveron visitando no día de hoxe as instalacións do Museo do Viño do Concello de Cambados, dentro das actividades que organiza a Consellería de Servizos Sociais coa empresa que xestiona o Centro de Día cambadés, adherido á Rede de Atención ás Persoas Maiores, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para que os usuarios puideran coñecer de primeira man as distintas instalacións municipais. Dentro desta iniciativa tamén esta previsto solicitar a visita á Fundación Manolo Paz en Castrelo e ao Pazo de Fefiñáns, así coma a outras zonas de interese para os usuarios e que permita desprazarse a persoas con mobilidade reducida.
Tino Cordal valora moi positivamente este tipo de actividades onde se dá a coñecer aos usuarios do Centro de Día os atractivos turísticos municipais, ademais de que pouco a pouco o número de usuarios deste centro van aumentando, sendo neste momento 11 os usuarios do Centro de Día de Cambados e acollendo usuarios non só de Cambados se non tamén doutros Concellos da comarca do Salnés, pero que nas vindeiras semanas esta prevista a incorporación de novos usuarios para que nun breve espazo de tempo se cubran as 20 prazas previstas inicialmente de usuarios polo Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar.
As persoas interesadas en que os seus familiares poidan inscribirse no Centro de Día de Cambados poden pasar polos Servizos Sociais municipais, onde van ser atendidos e informados dos requisitos que establece a Xunta de Galicia para dotar as prazas do centro cambadés e colaborar na elaboración de todos os trámites administrativos e burocráticos precisos.


23 de enero de 2019

O CONCELLO DE CAMBADOS RECOLLEU 29 TONELADAS DE ROUPA USADA DURANTE O EXERCICIO 2018


29.082,88 Kg recolleron os 10 colectores de recollida e tratamento do residuo téxtil, 4 instalados nas proximidades das igrexas de Cambados, Vilariño, Corvillón e Oubiña, e outros 6 instalados na Avenida de Galicia, Rúa Os Olmos, Rúa Sabugueiro, Avenida Vilariño, Avenida da Coruña e Avenida de Vilagarcía. Cambados, 23 de Xaneiro de 2019. O concello de Cambados ven de recibir os informes anuais emitidos para dar conta dos Convenios de Colaboración tanto con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, como de “Humana - Fundación Pueblo para Pueblo” para a instalación de colectores coa finalidade da recollida e tratamento do residuo téxtil, e que en virtude destes convenios existen no concello de Cambados un total de 10 colectores de roupa. Desta maneira a empresa de Inserción Laboral, ARROUPA SANTIAGO EIL, titularidade de Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela ven de informar o concello de Cambados que o pasado exercicio 2018 nos 4 colectores habilitados para a recollida e tratamento do residuo téxtil no Concello de Cambados, foron quen de recoller en total 17.156,80 Kg de roupa usada, 189,30 Kg máis co ano pasado, sendo o colector situado na Igrexa Parroquial de Santa Mariña Dozo, con 8.103,40 Kg, o que maior volume de roupa reciclou neste período, seguido do instalado na Igrexa de Corvillón con 4.059,80 Kg, logo atopase o situado na Igrexa de Vilariño con 3.280,60 Kg, e para rematar o colector instalado na Igrexa de Oubiña con 1.713,00 Kg.
Por outra banda, dende “Humana - Fundación Pueblo para Pueblo”, tamén nos trasladou ao Concello de Cambados os datos de recollida dos 6 colectores de roupa usada que ten distribuídos, e que o pasado exercicio 2018 recolleron un total de 11.926,08 Kg de roupa, sendo o colector situado na Rúa Os Olmos, con 4.526,08 Kg, o que maior volume de roupa reciclou neste período, seguido do instalado na Avenida de Galicia con 2.558,50 Kg, logo atopase o situado na Rúa Sabugueiro con 1.564,65 Kg, o situado na Avenida de Vilariño con 1.408,22 Kg, o situado na Avenida da Coruña con 1.354,08 Kg, e para rematar o colector instalado na Avenida de Vilagarcía con 514,55 Kg.
A Fundación leva a cabo campañas de sensibilización en torno á importancia da re-utilización e a reciclaxe de téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Humana conta con máis de 550 empregados. Forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 31 países, e en abril de 2018 realizou en catro colexios do Concello de Cambados obradoiros de sensibilización sobre a importancia da prevención de residuos e a re-utilización do téxtil usado, que consistían en elaborar ben unha bolsa ou ben unha marioneta a partir de material re-utilizado. O principal obxectivo era o de difundir a importancia da prevención de residuos e a re-utilización do téxtil usado, a súa relación coa sustentabilidade global, a protección do medio ambiente e a cooperación para o desenvolvemento, e que agora esta a dar os seus froitos.
O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, “valora como positivos estes datos”, xa que estase a incrementar ano tras ano o volume de roupa reciclada grazas a integrar as distintas Parroquias de Cambados neste servizo de reciclaxe, ademais quere destacar que as empresas encargadas do reciclaxe “certifican que todos os residuos non reutilizables xerados foron tratados con un Xestor Autorizado de residuos para a súa eliminación” e agradécelle a tódolos veciños, a súa colaboración con esta campaña. Cordal considera ademais que “entre os obxectivos desta campaña tamén estaba transmitir á poboación cambadesa valores como a reciclaxe e a solidariedade entre veciños, sobre todo nos casos en que existen necesidades evidentes”.



7 de enero de 2019

CAMBADOS PECHOU O NADAL MÁIS SOLIDARIO

O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, amosa a súa satisfacción polo éxito da campaña de Nadal que serviu para recoller alimentos non perecedeiros, típicos do Nadal, produtos de hixiene corporal e xoguetes novos ou en bo estado de uso. A maiores o Concello tamén gastou máis de 5.000 euros para distribuír alimentos e xoguetes entre as familias necesitadas de Cambados.

Na IV Carreira San Silvestre Solidaria de Cambados do 31 de decembro, o Club Atletismo de Cambados recolleu máis de 600 quilogramos de alimentos non perecedeiros, aproximadamente, e varias ducias de xoguetes. Tamén se recolleron varias ducias de peluches no partido do Club Xuventude de Baloncesto celebrado no pavillón do Pombal o pasado 29 de decembro.
A recollida de xoguetes efectuada nas dependencias de Zona Centro e dos propios Servizos Sociais do Concello situadas no edificio de oficinas e servizos municipais da rúa Ourense foi algo máis abundante, pois neste caso superouse o medio centenar de xoguetes, recolléndose dende 2 bicicletas, varios coches eléctricos, unha cociña de xoguete, patíns e libros, entregándose nalgún caso mesmo xoguetes novos e cos precintos sen abrir. Os xoguetes novos ou en bo estado de uso foron entregados ás familias necesitadas de Cambados nos días previos á chegada dos Reis Magos. Segundo Cordal, “tratamos de evitar que ningún neno ou nena de Cambados quedara sen xoguetes, independentemente da precariedade da situación económica da súa familia”.
O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, agradécelle á Asociación de Comerciantes Zona Centro, ao Club Atletismo de Cambados e ao Club Xuventude de Baloncesto a súa colaboración nesta campaña solidaria do Nadal.
Cordal considera ademais que “entre os obxectivos desta campaña do Nadal tamén estaba transmitir á poboación cambadesa valores como a solidariedade entre veciños, sobre todo nos casos en que existen necesidades evidentes”. “Ser bo cidadán implica ser solidario e axudar aos teus veciños cando o precisan, e non só durante as festas do Nadal”.
Logo desta campaña solidaria do Nadal o Banco de Alimentos do Servizos Sociais de Cambados está practicamente cheo, tendo existencias para repartir entre as familias máis necesitadas do noso Concello durante varios meses. En definitiva, todo un éxito.


4 de diciembre de 2018

O CENTRO DE DÍA DE CAMBADOS PROGRAMA ACTIVIDADES PARA A PREVENCIÓN DA DEPENDENCIA DIRIXIDOS A TODOS OS VECIÑOS


O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez acompañado do concelleiro de Servizos Sociais, Tino Cordal, presentaron esta mediodía no novo centro de Galicia en Cambados, as actividades que se desenvolverán nel a partir deste mes de decembro e que permitirán ademais que os veciños da zona poidan coñecer as súas instalacións, o seu funcionamento e os servizos dos que dispón.
A primeira das actividades é un ciclo de seis charlas formativas no centro de día para veciños que se encargan do coidado de familiares e outras persoas dependentes, que terán lugar nos meses de decembro, xaneiro e febreiro, en xornada de tarde, co obxectivo de comprender mellor as situacións de dependencia e atopar recursos que faciliten as tarefas de coidado. Precisamente a primeira das charlas, o próximo 12 de decembro, versará sobre os recursos sociais dos que dispoñen as persoas, no ámbito da dependencia.
A segunda actividade consiste en abrir os obradoiros de ximnasia e de memoria que se realizan semanalmente no centro de día coa finalidade de promover a autonomía persoal a veciños da vila maiores de 65 anos. Concretamente, os obradoiros de memoria e de ximnasia abrirán unha hora semanal cada un deles, a partir do mes de decembro. Ambas actividades, as charlas e os obradoiros, pretenden converter o centro de día de Cambados nun espazo vivo e aberto á súa contorna.
Este novo servizo entrou en funcionamento no pasado mes de outubro e a incorporación de usuarios estase a producir dun xeito gradual.

Vídeo de Arousa Sí Radio Salnés


12 de noviembre de 2018

TINO CORDAL AGRADECE AOS VOTANTES O APOIO PARA LIDERAR SOMOS CAMBADOS


Pouco despois de ser elixido en unha votación aberta a todos os cambadeses a liderar a candidatura de Somos Cambados para as municipais do ano que ven, Tino Cordal agradecía o apoio masivo acadado.
Lembremos que Cordal era o único candidato e foi respaldado polo 100% dos votos. A votación fíxose en Exposalnés o pasado sábado.

"Feliz e ilusionado co reto de acadar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Moitas grazas a tod@s @s compañeir@s de SOMOS CAMBADOS que me deron o seu apoio. Somos a única organización política cambadesa que celebra eleccións abertas á cidadanía. Confiamos nos cambadeses e nas cambadesas. Entre tod@s conseguiremos facer un pobo mellor. Forza Cambados!!!!!".




10 de noviembre de 2018

TINO CORDAL ELIXIDO OFICIALMENTE CANDIDATO DE SOMOS CAMBADOS PARA AS MUNICIPAIS DO 2019




Esta tarde, en Exposalnés, os inscritos nas primarias votaron a aprobación da candidatura de Tino Cordal como cabeza de lista da agrupación para as vindeiras municipais de Cambados. O proceso comezou ás 18:00 horas coa constitución da mesa, á que sigueu unha breve intervención do candidato. A votación rematou ás 20:00 horas.
Hai que resaltar que o actual concelleiro de Servizos Sociais foi a única persoa que presentou candidatura para este proceso de primarias.

Unha vez finalizado o reconto de votos, proclamouse a Tino Cordal candidato de Somos Cambados para as vindeiras eleccións municipais de maio do 2019. A participación nestas primarias foi do 89,47% e o 100% de votos emitidos foi a favor.



9 de octubre de 2018

CORDAL INSTA AO PSOE A PRESENTAR UNHA MOCIÓN DE CENSURA CONTRA DURÁN NA MANCOMUNIDADE




O Portavoz de Somos Cambados e membro da Xunta da Mancomunidade do Salnés, Tino Cordal, anima ao PSOE comarcal a presentar unha moción de censura contra Gonzalo Durán no vindeiro plenario.

Logo das declaracións do Alcalde de Vilanova de Arousa e Presidente en funcións da Mancomunidade do Salnés (leva exercendo como tal dende o verán do 2015) contra a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á cal chamou “chacha para todo” de Abel Caballero, Alcalde de Vigo, e tendo en conta que Durán xa manifestou que non ten ningunha intención de dimitir polas mesmas, Cordal cre que o PSOE comarcal debe promover unha moción de censura na Xunta da Mancomunidade contra o actual Presidente da mesma. Cordal, representante de Somos e de En Marea no ente comarcal apoiaría sen dúbida dita iniciativa.

Cordal comparte as declaracións que realizou onte Luís Villares, Portavoz Nacional de En Marea, cualificando as manifestacións de Durán como inaceptables e mostra dun machismo rancio, intolerable en política. Por iso, entende que se o Alcalde de Vilanova de Arousa e Presidente en funcións da Mancomunidade do Salnés non quere dimitir habería que cesalo ou botalo fóra.
Isto último é algo practicamente imposible no Concello de Vilanova, onde Durán dispón de maioría absoluta no pleno da corporación municipal, pero non na Xunta da Mancomunidade do Salnés na que a situación é ben diferente, ao non dispoñer o Partido Popular da mesma maioría. Neste sentido, Cordal lembra que o PP xa perdeu algunha votación na Mancomunidade, como sucedeu no caso da moción contra a eliminación da Área Sanitaria do Salnés, promovida polo concelleiro e portavoz de Somos Cambados.


Por outra banda, Cordal tamén critica o silencio cómplice dos compañeiros de Durán no Partido Popular, dende o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ata os portavoces municipais nos concellos da comarca do Salnés, como Luis Aragunde, portavoz do PP cambadés e candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do 26 de maio de 2019.
Finamente, Cordal lembra que non é a primeira vez que un alcalde do Partido Popular de Galicia fai declaracións machistas, ten comportamentos machistas ou incluso son denunciados por prácticas machistas. Con todo, non podemos acostumarnos a que isto siga ocorrendo, pois estamos a falar de representantes políticos da cidadanía galega que cobran elevados salarios públicos, como Durán, e, xa que logo, deben exercer os seus cargos de maneira exemplar e respectuosa, dignificando á sociedade que representan.




1 de octubre de 2018

O CENTRO DE DÍA DE CAMBADOS COMEZA A RECIBIR OS PRIMEIROS USUARIOS



O Centro de Día de Cambados recibiu hoxe, Día Internacional do Maior, os dous primeiros usuarios e para o mércores agárdase a chegada de outros dous.
Os catro son veciños de Cambados que estaban en lista de espera ou asistindo ao centro de Portas.
A previsión é que a finais de ano esté a pleno funcionamento coas 25 plazas previstas xa ocupadas.
Ademáis, a empresa concesionaria, Atendo, ten xa todo o persoal contratado: tres xerocultoras, ademáis dunha cuarta en reserva, unha psicóloga e estase rematando o proceso de colocación da terapeuta ocupacional.
A intención do Concello é realizar en breve unha xornada de portas abertas para dar a coñecer a cidadanía as instalacións e os cuidados que alí se prestan.
Así o contaba para Arousa Sí Radio o Concelleiro de Servizos Sociais de Cambados, Tino Cordal, que tamén informaba que o Centro de Saúde do municipio está xa dende hoxe funcionando nos horarios habituais, tralas modificacións sufridas durante o verán.





29 de septiembre de 2018

TINO CORDAL ANUNCIA A SÚA CANDIDATURA PARA REPETIR COMO CANDIDATO Á ALCALDÍA DE CAMBADOS



La imagen puede contener: una o varias personas, exterior y primer plano
O actual portavoz de Somos Cambados, Tino Cordal, anunciou a súa candidatura para repetir como candidato á alcaldía.
Así o fixo público na Asemblea que Somos Cambados celebrou onte, na que se acordou o proceso de primarias que a formación política abre a partir de hoxe de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano.
Pola súa banda o outro edil de Somos Cambados, Xurxo Charlín, manifestou que non se vai presentar como candidato e "só vai continuar neste proxecto político se Somos continua liderado por Tino Cordal" tras catro anos traballando xuntos polos veciños de Cambados.
Cordal agradeceu ás persoas que participaron na Asamblea o apoio mostrado ao longo destes anos pero dixo que "ainda queda moito traballo que facer a nivel municipal, por iso non dubidou en volver a manter o compromiso cos veciños de Cambados outra lexislatura en caso de saír elixido".
Tamén quixo deixar claro que "a súa candidatura non debe ser entendida como un obstáculo a que este proxecto se abra a participación de outras".
O prazo para a presentación de candidaturas rematará o 31 de outubro.
Para elo, Somos Cambados vai poñer a disposición dos veciños un formulario elaborado a tal efecto que se pode descargar da páxina web da formación ou solicitalo expresamente aos membros da Comisión Electoral que se creou no día de onte para este proceso.
"O obxectivo é que o proceso sexa aberto a cidadanía, sendo a unica formación política de Cambados onde se establece un sistema radicalmente democrático, no que calquera veciño se pode postular a candidato para as eleccións municipais e ser elixido polas bases", afirman.
O regulamento do proceso estará publicado a partir deste luns para a súa consulta na web de Somos Cambados.

Fonte: Arousa Sí Radio



28 de septiembre de 2018

O CENTRO DE SAÚDE DE CAMBADOS ESTIVO SEN MÉDICO ALGÚN A PRINCIPIOS DE ESTE MES



O vindeiro luns está previsto que o Centro de Saúde de Cambados  volva a abrir polas tardes despois do peche de verán.

Segundo o SERGAS este peche veraniego non tivo incidencias a destacar.  Algo que non concorda co que dixo esta mañán Tino Cordal, concelleiro de Sanidade e Servizos Sociais de Cambados que asegurou que o Centro de Saúde cambadés estivo un sábado de este mes de setembro sen médico case 2 horas. O que estaba asignado tivo unha urxencia na Illa de Arousa. Lembremos que na Estrada un home morreu este verán ao estar o médico de ese centro facendo unha urxencia fora do Centro de Saúde. 


Tino Cordal tamén asegurou que moitas persoas presentaron queixas escritas no mesmo centro a través das follas de reclamación, polo deficiente servizo prestado durante a época estival con esperas de máis de 10 días para unha consulta co médico de cabeceira.

Por outro lado o Servizo Galego de Saúde (Sergas) tiña previsto acometer este outono unha profunda reestruturación do mapa de atención pediátrica en Galicia para adaptarse á crúa realidade de que non hai médicos pediatras suficientes para todos os centros de saúde galegos. Pero a posta en marcha do proxecto vaise retrasar, polo menos en Cambados.

Un novo pau a Cambados, tamén a Meis, Ribadumia e A Illa que compartirían servizo, algo que se está a facer habitual por parte da Xunta. Lembremos os casos da Plaza de Abastos ou o Centro de Día.





18 de septiembre de 2018

PRESENTADA A BECA DE 50.000 EUROS PARA A INVESTIGACION DA AME



A Fundación GaliciAme crea a primeira beca para a investigación desta enfermidade, a Atrofia Muscular Espinal.
Está dotada cun importe de 50.000 euros financiados coas doazóns benéficas recadadas durante este ano.
Unha iniciativa na procura de tratamentos que presentaba esta mañá en Cambados a presidenta da Fundación, a cambadesa Merchi Alvarez, acompañada da alcaldesa, Fátima Abal, e o Concelleiro de Servizos Sociais, Tino Cordal.




13 de septiembre de 2018

TINO CORDAL NOMEADO VICEDECANO DA UNIVERSIDADE DE VIGO EN ASUNTOS ECONÓMICOS


O Concelleiro de Somos Cambados, Tino Cordal, nomeado Vicedecano da Universidade de Vigo en Asuntos Económicos durante os vindeiros tres anos. Tino Cordal presentouse na candidatura do Decano de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Baamonde que foi reelixido por terceira vez cun amplo respaldo de preto do 90% do profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado presente este mércores na Xunta da Facultade. O profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Xosé Baamonde foi reelixido decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, que leva ao fronte do centro desde decembro de 2015. O equipo que acompañarán a Baamonde na súa xestión completase cos docentes Tino Cordal, Diana Ramahí, José Pita, Paulino Pérez e Mabel Míguez, e a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto neste centro, recibiu 44 votos a favor e 5 en contra. Baamonde, que asume un novo período de tres anos á fronte da facultade á fronte dun equipo renovado, no que só o profesor José Pita continúa como vicedecano de Mobilidade e Alumnado. Súmanse ao mesmo o edil de Somos Cambados, Tino Cordal como vicedecano de Asuntos Económicos, Diana Ramahí como vicedecana de Calidade, Paulino Pérez como vicedecano de Comunicación, e Mabel Míguez como secretaria académica. Entre os obxectivos para este período están o de analizar a posibilidade de dobres graos que contribúan a unha maior capacitación dos graduados así como mellorar na calidade e excelencia da Universidade de Vigo e reforzar as campañas de captación de alumnado.



11 de abril de 2018

O PLENO DA MANCOMUNIDADE VOTARÁ PARA TRAER A SEDE DO C.R. RÍAS BAIXAS A CAMBADOS



O concelleiro de Somos Cambados Tino Cordal, membro da xunta da Mancomunidade do Salnés, defenderá unha proposta para que este organismo no seu pleno de mañá apoie o traslado a Cambados da sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, actualmente situada en Pontevedra. Segundo Cordal, "o pleno da entidade comarcal aprobará con toda probabilidade a reivindicación cambadesa", xa que a moción xa recibiu o apoio plenario da corporación de Cambados e dos demais concellos do Salnés. Así mesmo, o goberno local tamén está a enviar cartas a outros municipios que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas para pedirlles o seu apoio e ten tamén a intención de solicitar o respaldo ás adegas e viticultores da D.O. Unha vez que a moción quede igualmente aprobada pola xunta da Mancomunidade do Salnés, a iniciativa trasladarase ao Parlamento galego, onde Somos Cambados (a través de En Marea) espera contar co voto favorable de todos os grupos da Cámara autonómica para conseguir que a sede da D.O. Rías Baixas sitúese en Cambados. Para Tino Cordal, "co traslado da sede a Cambados saldaríase unha inxustiza histórica, dinamizaríase a economía local cambadesa, evitaríanse traslados incómodos para os adegueiros e viticultores do Salnés (a maioría na denominación de orixe) e sería probablemente máis fácil a organización da Festa do Albariño, a celebración máis importante do sector e tamén do pobo de Cambados".

EFE


28 de febrero de 2018

CHARLAS NOS COLEXIOS DE CAMBADOS POLO DÍA INTERNACIONAL DAS ENFERMIDADES RARAS










O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, e o Xerente da Asociación Esperanza Salnés, Augusto Chaves, visitaron na mañá de hoxe os colexios de Corvillón e San Tomé, onde realizaron sendas charlas dirixidas ao alumnado de sexto curso de primaria sobre as enfermidades minoritarias ou pouco frecuentes con motivo do Día Internacional das Enfermidades Raras que se celebra este mércores 28 de febreiro. A intención do concelleiro é repetir esta actividade o vindeiro ano noutros colexios do municipio cambadés.
As charlas están dirixidas aos nenos e nenas de sexto curso porque entendemos que este alumnado xa ten unha idade suficiente para comprender a realidade destas enfermidades e as súas problemáticas. Ademais, resulta máis doado sensibilizalos ao respecto aos 11 ou 12 anos que a idades inferiores.
As conversas co alumnado dos colexios de Corvillón e San Tomé foron presentadas por Tino Cordal, quen informou sobre a importancia da celebración dos días internacionais e, máis concretamente, do Día Internacional das Enfermidades Raras. O concelleiro de Sanidade e Servizos Sociais falou tamén do labor das administracións públicas para axudar ás persoas que padecen estas enfermidades e ás asociacións que acollen, apoian e tratan ás mesmas. Agradeceu o traballo realizado por todas estas asociacións e, especificamente, o de GaliciAme e Esperanza Salnés, que teñen a súa sede en Cambados.
O xerente de Esperanza Salnés, Augusto Chaves, fixo unha descrición da súa asociación e das tarefas desenvolvidas ao longo dos seus 21 anos de historia (dende 1997), un tempo no que atenderon a 125 nenos e nenas da comarca saliniense, pois no local da asociación préstanse tratamentos de fisioterapia, logopedia ou psicoloxía a familias de Cambados e doutros concellos como A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo.
As charlas mantidas este martes nos colexios de Corvillón e San Tomé foron seguidas con atención polo alumnado de sexto curso, quen amosou interese polo temática, tal como demostran as numerosas preguntas realizadas ao concelleiro de Sanidade e Servizos Sociais e ao xerente de Esperanza Salnés.


25 de febrero de 2018

SOMOS CAMBADOS REIVINDICA A LIBERDADE DE EXPRESIÓN TRAS O ANUNCIO DE SECUESTRO DO LIBRO 'FARIÑA'










Somos Cambados reivindica a liberdade de expresión despois do anuncio de secuestro xudicial do libro 'Fariña' de Nacho Estrada pola demanda do exalcalde do Grove (Pontevedra) por suposta vulneración do seu dereito á honra.
O portavoz de Somos Cambados, Tino Cordal, refírese a este e a outros feitos ocorridos estes días para reivindicar que "a liberdade de expresión é un dereito humano fundamental e universal". "No Estado español, algúns acontecementos ocorridos nos últimos anos poden comprometer este dereito básico das persoas, claramente recoñecido no noso ordenamento xurídico, co obxectivo de limitar e conter o citado dereito á liberdade de expresión", avisa. Neste sentido, censura que "se secuestran libros e revistas, prohíbense cancións, se criminalizan reunións, protestas e mobilizacións, censúranse obras de arte, castíganse bromas nas redes sociais, etcétera".
Por todo iso, presentou unha moción coa que solicita ao pleno da corporación que adopte o seguinte acordo: "expresar o noso apoio e solidariedade a todas as persoas que vexan vulnerado o seu dereito fundamental á liberdade de expresión e instar o Goberno de España a derrogar a Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, tal como aprobou o Congreso dos Deputados os días 29 de novembro de 2016 e 21 de marzo de 2017".






3 de febrero de 2018

CAMBADOS PARTICIPA NA REDE MUNICIPALISTA SOLIDARIA DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE














O concelleiro de Servizos Sociais de Cambados e Tenente de Alcalde, Tino Cordal, ven de participar no día de hoxe na reunión que se celebrou na Deputación de Pontevedra da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fixo balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2017, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentou as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.
A sesión abriuse cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, no que se conmemorou o vixésimo aniversario do Fondo Galego, e que se saldou coa incorporación de cinco novas administracións. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns sesenta concellos en forma de exposicións,  documentais, contos, obradoiros ou espectáculos musicais e teatrais. Ademais, promovéronse dous proxectos en Mozambique, un para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outro para garantir o acceso á auga nun municipio abrindo catro pozos, ademais de achegar axuda alimentaria para a poboación dos campamentos saharauís e roupa de abrigo para as persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns.
En 2018, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir sensibilizando á cidadanía galega a través de actividades como dúas exposicións fotográficas, unha das cales será presentada polo propio reporteiro Adrián Irago. Tamén continuará o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo e desenvolveranse novos proxectos no Sur canda ONGD galegas, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións dos representantes municipais e provinciais para o plan anual, pois nestes encontros o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar un traballo eficaz.



16 de febrero de 2017

TINO CORDAL PRESENTA O SEU LIBRO MAÑÁN










Este venres 17 de febreiro, ás 20 horas, presentarase no salón de actos de ExpoSalnés o libro Política e Economía da Unión Europea, escrito por Tino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela, e publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Precisamente, os tres autores son profesores na Universidade de Vigo.
Tino Cordal é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, e profesor da Área de Ciencia Política e da Administración. Ten publicado varios libros e numerosos artigos sobre a Unión Europea.
Xulio Pardellas é doutor en Economía e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada. Tamén leva publicado numerosos libros e artigos sobre o proceso de integración europea.
Celso Cancela é profesor contratado doutor de Ciencia Política e da Administración. Ademais, é titular da Cátedra JeanMonnet “Understandingthe EU inthe 21st century”, concedida pola Comisión Europea. Conta tamén con numerosas publicacións sobre a Unión Europea.
O libro que presentan este venres en ExpoSalnés ten como obxectivo ofrecer ao lector unha visión breve, pero con rigor, do funcionamento da Unión Europea dende unha perspectiva multidisciplinar, que implica o enfoque político e institucional, unido ao encadramento económico, coa finalidade de facilitar os elementos e claves básicas para comprender e interpretar as principais actuacións comunitarias. En consecuencia, o libro esta dividido en dúas partes que se corresponden cos obxectivos descritos. A primeira parte (“Política e Institucións Europeas”) analiza a historia do proceso de construción europea e as institucións comunitarias como instrumento fundamental de Europa, intentando ofrecer ao lector o esencial para comprender os procedementos de toma de decisións políticas.
A segunda parte (“Economía Europea”) céntrase na definición e análise dos principios de intervención nos mercados, no desenvolvemento rexional, nas actuacións sobre aspectos sociais e de política exterior, e, finalmente, na construción da Unión Monetaria e no orzamento comunitario. En definitiva, trátase dun libro de estudo e consulta que lles permitirá aos seus lectores achegarse con facilidade á comprensión elemental do conxunto da dinámica europea, así como aos instrumentos económicos, políticos e xurídicos que permitiron e manteñen a garantía institucional do proceso de integración europea.






26 de enero de 2016

APROBADAS AS BASES PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL








A Xunta de Goberno Local, con data 22.12.2015 adoptou acordo de aprobación das Bases para concesión de axudas de Emerxencia Social, dentro do Programa Básico de Inserción Social, destinadas a persoas ou familias empadroadas e residentes neste Concello de Cambados.
Faise público o seu texto íntegro, para xeral coñecemento, entrando en vigor aos 15 días hábiles da publicación (hoxe martes 26 de xaneiro) do seu texto integro no B.O.P., conforme ao establecido no artigo 70.2 en relación co art. 65.2 da Lei reguladora das Bases do Réxime Local.
Na última década a sociedade experimentou un grave deterioro no seu nivel de benestar como consecuencia da grave crise económica, da falla do emprego e do deterioro das condicións laborais, da perda de capacidade adquisitiva incluso das persoas que traballan, do deterioro no estado de saúde e nas condicións de acceso ao sistema sanitario, das limitacións e retrasos na tramitacións de prestacións periódicas que garantan á cidadanía a cobertura das necesidades básicas... houbo un empobrecemento en xeral do país.
O papel que xogan os concellos neste contexto variou tamén de forma notable por dous motivos principais. Por un lado é a única administración que ten a capacidade de flexibilizar a súa actuación para dar unha resposta rápida e urxente ás necesidades da súa poboación, evolucionando nos últimos anos cara a atencións máis asistenciais dirixidas a apoiar á poboación na cobertura das súas necesidades básicas.
Por outra banda, o cambio no marco lexislativo limita ás funcións dos servizos sociais comunitarios, pretendendo reducir o seu enfoque a esta liña asistencialista que, sendo necesaria, non pode ser a única para poder desenvolver uns servizos sociais dirixidos a resolver problemas urxentes pero, á vez, orientados a buscar solucións e alternativas de futuro garantindo a igualdade e a xustiza social, nun marco de normalidade e de inclusión.
A día de hoxe, a situación dos servizos sociais comunitarios segue pendente de resolverse de forma estable, atopándonos nun período de transición normativa, que deixa numerosas dúbidas e incertezas.
Non obstante, dende os Servizos Sociais Comunitarios e, en concreto, dende os do Concello de Cambados, temos a responsabilidade de traballar e organizar os nosos recursos cunha perspectiva máis ampla e a longo prazo.
É por iso que existe a necesidade de reformular novamente o actual regulamento de medidas contra a exclusión social, dándolle un novo enfoque en positivo “pola inclusión”, reformando e adaptando as medidas que hai na actualidade ao novo contexto socioeconómico que hai no país e potenciando e incrementando todas estas medidas necesarias para unha maior e necesaria cohesión social. Ademais, deixa a porta aberta a novas medidas que se poidan ir engadindo dende servizos sociais.



25 de octubre de 2015

A XAQUÍN CHARLÍN "CHON" *IN MEMORIAM*








A Ti Meu Chon




Quedou manifestamente claro na súa emocionante despedida do pasado xoves que somos moitos os cambadeses e cambadesas que nos sentimos tristes nestes días polo prematuro pasamento dun grande veciño, unha excelente persoa que tiña sempre na mente ao seu amado pobo. Chon desenvolveu un papel fundamental na difusión e denuncia das inxustizas e problemas da nosa vila, dende as súas ideas e dende o compromiso co seu querido Cambados. Tamén nos transmitiu moita alegría e regalounos numerosas festas a toda a veciñanza cambadesa.

Chon naceu e criouse no seo dunha familia humilde e traballadora do barrio de Triana, en Fefiñáns, pero tiña un carácter nobre; parecía un fidalgo cargado de utopías e tamén de soños alcanzables. Era un loitador incansable e un activista-defensor de todas as causas xustas.

Entre os seus méritos podemos destacar os seguintes: a recuperación e revitalización do Entroido cambadés, coa comparsa Unha Grande Chea, da cal foi fundador, en tempos nos que o goberno municipal se esforzaba por facer desaparecer a súa celebración; a dinamización lúdico-cultural, a través da organización de eventos e o impulso de festivais como o de Xironsa, asociación cultural que fai un importante labor pola música tradicional galega no noso pobo; o apoio aos clubs deportivos cambadeses, chegando a presidir o principal equipo de fútbol, o Juventud de Cambados; o compromiso político, que o levou a ser concelleiro e a pelexar por democratizar, denunciar e resolver os problemas da nosa localidade; a defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras, exercendo como delegado sindical durante tres décadas e sendo artífice da consecución para Cambados dos terceiro e cuarto xulgado; a defensa da lingua e da cultura galega en todos os ámbitos, tanto na súa contorna profesional, no mundo da xustiza, coma fóra dela; e, finamente, a creación dun dos primeiros e mellores blogs cambadeses, A Ti Meu Cambados, seguido diariamente por centos de persoas, que se informaron de moitos dos feitos e acontecementos locais grazas a incansable actividade do autor de numerosas crónicas, imprescindibles para unha boa parte da poboación cambadesa.


Por todo iso, e por moito máis, Chon non desaparecerá nunca da memoria dos seus veciños e veciñas. Porque os bos e xenerosos permanecen eternamente

nas mentes e nas historias dos seus pobos. Chon tiña un gran corazón que o levaba a preocuparse e a procurar o benestar da súa veciñanza, e tamén a intentar alegrarlles moitas datas. Non esqueceremos nunca a súa simpatía e o seu sentido do humor, a súa retranca e o seu espírito festeiro. Ademais, lembraremos a nobreza do seu carácter e a xustiza das súas accións. 

Á súa familia, á súa dona Teresa, ao seu fillo Xaquín e á súa filla Mariña debemos facerlles saber que para moitos cambadeses e moitas cambadesas, Chon sempre será un dos grandes homes de Cambados. Apertas eternas, amigo. Segues entre nós.


Tino Cordal.
Amigo e veciño de Chon.