Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.
Mostrando entradas con la etiqueta PXOM. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PXOM. Mostrar todas las entradas

18 de mayo de 2019

PROPOSTA URBANÍSTICA BNG: DESENVOLVEMENTO DE BOLSAS DE SOLO




“DESENVOLVEMENTO DE BOLSAS DE SOLO PREVISTAS NAS NN.SS. PARA O CRECEMENTO DO NÚCLEO URBANO”
O BNG, de cara ó vindeiro mandato, propón iniciar a redacción dun PXOM que serva como modelo urbanístico do Concello para o novo goberno municipal. Esta proposta ata o de agora non foi viable pois existen diferenzas insalvables de criterio urbanístico, con outros grupos políticos que puxeron como condición para o pacto de goberno actual impedir a proposta histórica do BNG de peonalizar  a Praza de Fefiñáns. Polo tanto con estas diferenzas de criterio non se daban as condicións axeitas para elaborar un PXOM común a todos os membros do actual goberno. En calquera caso o BNG propón de cara o vindeiro mandato iniciar a elaboración dun PXOM que defina un novo e futuro concello, así como as súas posibilidades de crecemento, a localización das futuras infraestruturas municipais, as vías de comunicación, cunha imprescindible circunvalación desde a ponte de Castrelo á rotonda de Vilariño, etc.
Aínda así, como estamos a falar dun documento complexo e que a súa elaboración adoita  alongarse máis de 4 anos, a nosa proposta é que paralelamente á redacción dun novo PXOM, o próximo goberno municipal inicie o desenvolvemento urbanístico de determinadas áreas de Solo Urbano non Consolidade e Solo Urbanizable.
Trátase de poñer en marcha o desenvolvemento daquelas áreas de crecemento previstas no planeamento dende hai 25 anos e que fracasaron por deixalas exclusivamente nas mans da iniciativa privada (Solo Urbano non Consolidado e Solo Urbanizable). O BNG considera que o concello debe tomar a iniciativa urbanística e desenvolver as  zonas máis urxentes dende o punto de vista do interese público. Este desenvolvemento terá como contrapartida a cesión ó concello dos correspondentes terreos de aproveitamento urbanístico que poderían ser utilizados para a creación de diferentes tipos de infraestruturas municipais (vivendas sociais, edificios culturais, instalacións deportivas …).
Así que o BNG propón actuar urbanisticamente a dous niveis:
En áreas de SOLO URBANO NON CONSOLIDADO. (solo urbano sen servizos)
UNIDADES DE XESTION PENDENTES DE DESENVOLVEMENTO: precisan dun estudio de detalle para ordenar edificación, unha  reparcelación para reparto de cargas (vantaxe municipal: coas correspondentes cesións para terreo de uso público) e  finalmente a urbanización. Entre elas estarían:
  • UG4 - RÚA SEVILLA .- terreo entre a  RÚA SEVILLA e a MERCED
  • UG6  - RÚA PACHECA. – terreo entre a AVDA DA PASTORA – HORTA DE POMARES
  • UG8 - COLEXIO STO TOME.- HORTA DO CURA, entre os  OLMOS e o CAMIÑO DA GRENLA
  • UG10 - VARIANTE DE FEFIÑÁNS – terreo detrás do Bosque do PAZO DE FEFIÑÁNS

En áreas de SOLO URBANIZABLE. (antes nas NN. SS. aparecía como SOLO APTO PARA A URBANIZACIÓN “S.A.U”): estes terreos precisan dun Plan Parcial para ordenar a edificación, unha reparcelación para reparto de cargas (vantaxe municipal: coas correspondentes cesións para terreo de uso público) e  finalmente a urbanización.

  • S.A.U. A1. – URBANIZACIÓN DO CRUCEIRO – ZONA VARIANTE DE FEFIÑANS (podería desenvolverse por partes)
  • S.A.U. A2. – AVDA. DA POSTORA – RÚA OS OLMOS – ZONA CAMPO VERDE
  • S.A.U. A3. – BREIXIÑO – STO TOME.




21 de enero de 2015

PP=PROFESIONAIS DO "ESCAQUEO"



POR VÍCTOR CAAMAÑO RIVAS PORTAVOZ DO BNG EN CAMBADOS




No último pleno municipal o BNG acusou ao alcalde de que malintencionadamente ía retrasar a aprobación do PXOM para despois das próximas eleccións municipais. Luís Aragunde, que se formou politicamente no entorno do PP, sabe moi ben que certas cuestións polémicas, como neste caso o PXOM, non deben tratarse ao final dunha lexislatura. É moito máis proveitoso electoralmente “adoquinar” rúas pedíndolle unha subvención ao amigo Louzán. Isto é moi característico do PP, que a hipócritas e electoralistas non hai que lles faga sombra e, incomprensiblemente, semella que con vos  resultados ata o de agora. Está claro que cando tomas esa decisión non estas pensando no beneficio dos veciños e veciñas, senón no resultado que sairá das urnas no próximo mes de maio. E como noutras ocasións, o BNG volve a acusar ao PP de interpoñer os seus intereses aos da cidadanía nun asunto de interese xeral.
En Cambados estase a utilizar un instrumento urbanístico obsoleto como son as NNSS do ano 1994, cando as necesidades actuais e as novidades legais en materia urbanística sitúan a Cambados na idade de pedra en canto a esta temática. Aragunde está mentindo cando afirma que as actuais NNSS son suficientes para as necesidades do noso concello, cando o PP leva anos facendo modificacións puntuais desas normas ao seu gusto, cando os núcleos rurais teñen problemas para desenvolverse, cando Cambados está cheo de rúas sen saída, cando rúas que estaban planificadas non poderán ser realizadas porque xa se construíu nelas, cando non hai aparcamentos axeitados, cando o desenvolvemento urbanístico do Pombal e a Merced foi lamentable, cando se utiliza a rúa do Castro como circunvalación, cando os accesos ao instituto Asorey son camiños … ; dicir que Cambados non necesita unhas normas urbanísticas actualizadas so pode ser motivo de mentira ou de incapacidade para desenvolver a función de alcalde deste pobo.  
O PXOM foi o gran tema de debate nas municipais do ano 2007, cando o BNG acusaba ao PP de telo gardado nun caixón. Agora semella que segue no caixón, pero sabemos que levamos moitos anos con partidas de miles de euros nos orzamentos municipais dedicadas a pagar a empresa encargada da elaboración deste documento. Non temos noticias do PXOM pero si temos noticias dos cartos que se levan gastados nel sen poder valorar o  feito e agora e, de xeito incomprensible, dinnos que sigamos agardando.
O PXOM debe ser o gran proxecto de calquera grupo político. Nel debe quedar reflectido o modelo de pobo polo que se aposta e a situación actual en Cambados é unha confirmación de que o PP non ten proxecto para o noso concello.

A pesar de todo, agardemos que despois das próximas eleccións municipais se dea o peor escenario para o PP, que sería o dun alcalde doutro grupo político que teña que xestionar e sacar adiante un PXOM feito ao gusto PP.



29 de mayo de 2014

UN PXOM SOBREDIMENSINADO E IRREAL





Pouco aprende o PP do pasado

Segundo información aparecida nos medios de comunicación, semella que o  PXOM de Cambados encóntrase na última fase do proceso de avaliación ambiental e, polo tanto, á espera de que a Xunta se pronuncie sobre a súa aprobación. Hai oito meses que o BNG presentou as suxestións ambientais correspondentes e agarda que a Administración as teña en conta para mellorar o documento.

Recordemos que nas eleccións municipais do 2.007, o PXOM foi un dos temas de  debate polo retraso na súa aprobación, e semella que nos comicios municipais do 2.015 seguirá sendo  tema de debate, o que demostra a pouca vontade política do PP para rematar un documento que é de vital importancia para o desenvolvemento urbanístico do concello de Cambados. Seguimos a rexernos por unhas normas urbanísticas (NNSS) que na maioría dos casos están obsoletas e non poden atender as necesidades actuais do concello.

Parece que o principal desacordo coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, con respecto a este  anteproxecto de PXOM, radica no referido ás previsións deste plan  respecto do posible crecemento residencial, xa que o concello estima, para  Cambados, 1.150 novas vivendas de aquí ao 2024. Por suposto, no anteproxecto, non teñen en conta as actuais vivendas baleiras, en gran parte debidas ao pouco rigor mostrado polo PP no desenvolvemento urbanístico do concello. O PP de Cambados foi un colaborador do desenfreo urbanístico nos anos da bonanza económica en lugar de garantir o desenvolvemento urbanístico racional e sostible de Cambados. A consecuencia desa mala xestión municipal móstrase hoxe en forma dun gran número de casas e pisos baleiros, é por iso que non entendemos a esaxerada proposta residencial que fai o PP no  anteproxecto. Nun momento onde Galiza está a perder poboación (por certo, grazas ás políticas do PP) e sobran pisos e casas baleiras, o PP rexeita a realidade e fai unha proposta de crecemento residencial fora lugar. Está claro que seguen sen pensar no desenvolvemento racional de Cambados e plantexando propostas que  dan prioridade á capacidade de negocio sobre as necesidades reais e o sentido común.

Por certo, o PP xa nos ten acostumados ás non propostas sobredimensionadas e interesadas, con consecuencias que logo pagamos todos/as. Así  están a modificar  a actual e sobredimensionada  RPT (Relación de Postos de Traballo) do concello porque cando a fixeron, hai anos, non tiveron en conta que viven nun concello de, a penas, 14.000 habitantes. Xeitos de gobernar que mostran unha clara falta de previsión, falta de realismo e a prepotencia dun partido político que máis se cre dono ca representante democrático do concello.


5 de julio de 2013

O B.N.G. PRESENTA OBSERVACIONS E SUXESTIONS A O INFORME DE AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA do PXOM de CAMBADOS







Víctor Caamaño Rivas como portavoz do grupo municipal do BNG, presenta as seguintes suxestións e observacións para incluír no INFORME DE AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA do PXOM de Cambados:
1.- Polígono Industrial de Sete Pías.

  • 1 a.- Como reflicte a memoria deste documento, o PXOM non pode redactarse en función das esixencias das NNSS actuais do concello, polo que non consideramos razoable que este documento, no relativo á ampliación do Polígono, trate de  incorporar o resultado da modificación puntual das actuais NN SS en trámite por parte do goberno municipal. O PXOM ten que definir a ampliación do polígono de acordo cos seus propios criterios e non con outros.
  • 1 b.- En función de que a ampliación proposta, segundo o documento, baséase no criterio  de que é necesaria para complementar o tipo de industria que existe na actualidade no polígono, semella a proposta unha ampliación esaxerada e non xustificada. O que significaría, ademais, a destrución  dunha das escasas masas arbóreas do concello de Cambados (como recoñece o documento no apartado referente ao estudo do Medio Rural).
  • 1 c.- Por outra parte no documento proponse unha franxa de separación entre ampliación do polígono e vivendas do núcleo rural de Oubiña, totalmente insuficiente. Téñase en conta, ademais, que estamos a falar dunha parroquia rural e, polo tanto, de terras de cultivos polo que os poucos metros de separación entre a ampliación e o núcleo rural terían un impacto visual e ambiental moi prexudicial para veciños e veciñas.
  • 1 d.- Consideramos que a  ampliación proposta vai en contra dos propios “Obxectivos e Propostas no Medio Rural”, que figuran na páxina 50 do Estudo do Medio Rural:  preservación da paisaxe rural, compatibilizar esta preservación con propostas respectuosas, utilizar espazos protexidos (a pretendida ampliación está actualmente catalogada como zona de protección forestal de singular valor paisaxístico e ambiental) para crear elementos de relación non traumáticos, poñer en valor estes ámbitos para disfrute da cidadanía…

2.- Tragove.

  • 2 a.- Semella acertada a decisión, segundo o documento, de conservar o “Piñeiral de Tragove” ao que cantaba Ramón Cabanillas (¡Pinal de Tragove! // ¡Zoador, barulleiro pinal // enraizado nas laxes fendidas // da veira do mar! ), pero é contraditorio que se considere que nesta mesma zona poida construírse, igualmente, un espazo acuático de lecer. Consideramos que a zona do piñeiral de Tragove debería catalogarse como de protección forestal e impedir que nela se constrúa ningún tipo de posible zona lúdica acuática, que podería ter outra ubicación.
  • 2 b.- Así mesmo, consideramos inaxeitada a decisión de ubicar un posible “camping” na zona de Tragove por ser o lugar elixido, pouco adecuado para elo ao coincidir na mesma zona unha EDAR, varias depuradoras de marisco e naves industriais. Ao igual que o apuntado no apartado anterior, consideramos que se debe buscar outra ubicación.

3.-Solo Rústico de Protección de Cauces e Ríos (SRPCR)
  • 3 a.- Río Corvillón. Unha parte da canle e  val do Río Corvillón está considerada como tal –SRPCR- no documento de referencia,  mentres que outros tramos (na zona próxima á estrada PO 550, antes e despois da ponte existente na mesma) aparecen baixo a cualificación de Solo Urbano, incluso existe unha proposta de trazado dunha rotonda viaria enriba da mesma canle, o que consideramos un tremendo erro  do cal existen moi malos antecedentes (pasaría a canalización do río por debaixo das futuras construcións?). Solicitamos que toda a canle e val do citado río sexa considerada como Solo Rústico de Protección de Cauces e Ríos.
  • 3 b.- Río Ameixeira. No lugar de As Quintáns, na parroquia de Castrelo, o río Ameixeira, que dende o seu nacemento ata o lavadoiro aparece coa correspondente protección, coidamos que debe continuar coa mesma ata a súa desembocadura no río Umia, independentemente do grao de protección que teña por pertencer ao espazo natural da Rede Natura.  

4.- Zona Forestal de Treviscoso.
Consideramos acertada a proposta de que se manteña como  Protección Forestal, como propón o documento, a zona  de Treviscoso e que esta cualificación non se modifique de ningún xeito, aínda que na realidade estamos vendo como se transforma de xeito ilegal e co amparo do concello de Cambados, en zonas con outros aproveitamentos (como no caso do Pinal de Maza).

5.- Con de Sete Pías.

Con respecto á protección do “Con de Sete Pías”, no terreo referido á parroquia de Vilariño, a ámbalas beiras da liña de Protección Arqueolóxica sinalada, observamos que queda sen protexer unha parte da superficie que debería estar considerada como de Protección Forestal ao igual cas zonas contiguas. Así mesmo, a liña de Protección Arqueolóxica do  Castro de Sete Pías non está marcada nos terreos da  parroquia de Oubiña. Polo tanto, habería que introducir as dúas  propostas para corrixir o que consideramos erros.

6.- Monte da Pastora.

O Monte da Pastora, nas actuais NN SS aparece delimitado na súa a totalidade  como área de protección arqueolóxica, mentres que no PXOM só se protexe a parte sur do mesmo, a que é propiedade municipal. Consideramos que debe recuperar o grao de protección que aparece nas NN SS, e que ao mesmo tempo o PXOM contemple toda a superficie como zona de Parques Públicos e Espazos Libres.

7.- Capacidade de acollida.
Na parte final do documento aparece un plano, en escala de cor, de todo o termo municipal, sinalando as zonas de acollida, que van dende a “moi alta” ata a “desfavorable”; supoñemos que en función da habitabilidade permitida polos distintos graos de protección do terreo. Así pois, consideramos desacertada a cualificación  como “moi baixa” ou “baixa”  de zonas de protección moi restritiva, como A Toxa Pequena, o illote do Beiró e As Illeiras, na Rede Natura, e o Monte de Treviscoso, que deben figurar coherentemente cunha capacidade de acollida “desfavorable”.

8.- Regulamento Estacións e Liñas eléctricas.
Consideramos que este documento, tratándose do Informe de Avaliación Ambiental do PXOM de Cambados, debería incluír un Regulamento sobre a construción e instalación de estacións é liñas eléctricas, xa que é un tema que afecta directamente á saúde das persoas e que está a preocupar a moitos dos nosos/as veciños/as. Concretamente, a preocupación polo recente anuncio de ampliación da subestación eléctrica do Pardiño, na parroquia de Vilariño, creou unha alarma social que debería mitigarse coa inclusión no PXOM, dun claro regulamento sobre este tipo de infraestruturas, no que se definiran claramente cuestións de vital importancia como son as posibles ubicacións, as distancias ás vivendas ou as características dos trazados de liñas de media e alta tensión, entre outras cousas, de xeito que a saúde das persoas fora o criterio prioritario á hora de  situar e construír este tipo de instalacións.
Apuntamos, igualmente que nesta mesma liña de actuación, onde se dea  prioridade á saúde das persoas por riba dos intereses económicos, tamén sería necesario a creación doutro regulamento que incluíse os criterios para a instalacións de antenas de telefonía móbil; tema, por certo, que tamén preocupa aos veciños e veciñas de Cambados.