Os GALP de Galicia acaban de lanzar a campaña “Queda na casa, queda co noso mar”, que utiliza o hashtag # QuedaCoNosoMar “para visibilizar o labor da xente do mar #ante a situación provocada polo coronavirus Covid-19”, explican. A iniciativa achega información de primeira man sobre a importancia que ten o traballo do sector, tanto a nivel económico como social, mediante os testemuños de representantes das distintas actividades do mar (pesca extractiva, acuicultura, marisqueo a pé, comercios, etc.).
Entre esas voces destaca a do presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, que recoñece que “son días moi complicados” para o sector, do que viven directamente 22.000 persoas en Galicia. Sinala respecto diso que desde a Federación traballan para defender “a importancia que o consumo de produtos do mar ten para a sociedade”, así como as características particulares que existen entre as distintas actividades do mar. Pola súa banda, o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, asegura que desde o inicio do estado do alarma o sector do mar, tanto en Galicia como no resto de España, “reduciu en gran medida a súa actividade, con paróns de ata o 70% da frota nalgunhas autonomías”, provocado pola necesidade de equipos de protección individuais, a caída da demanda doméstica e o peche da hostalería. A pesar diso, Otero destaca a “valentía” da xente do mar que, a pesar da menor actividade, continuou traballando para garantir a subministración de produtos á cidadanía.
A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo en Galicia a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, e xeran unha riqueza superior aos 1.100 millóns de euros, o que representa o 2% do PIB galego. Esta importancia da pesca é moi superior mesmo nalgúns municipios costeiros, onde a actividade extractiva, acuícola e transformadora son claves na economía local. Isto sucede nun de cada cinco concellos costeiros, onde o peso deste sector supera o 10% do seu PIB. “O sector do mar non só é un alicerce estratéxico para a economía galega, senón que é a actividade produtiva máis característica de Galicia #ante a economía europea”, conclúen desde os GALP.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.