Novo recoñecemento internacional, e xa van tres, para o vídeo da campaña "Fame de experiencias" coa que a Deputación de Pontevedra promoveu en 2019 o destino Pontevedra Provincia. O audiovisual, producido pola empresa Esmerarte, alzouse coa medalla de prata nos TV & Film Awards de Nova York. A Deputación e o destino foi a única representación de todo o Estado en obter o podio na modalidade de turismo do prestixioso festival internacional, despois de lograr entrar, xunto con Madrid, entre os 15 finalistas dos 50 países que competían. Trátase do terceiro recoñecemento a esta campaña, que primeiro obtivo en FITUR o premio ao mellor audiovisual, impoñéndose a 60 candidaturas, e despois en Berlín, no certame The Golden City Gate.
Para Carmela Silva esta medalla de prata nos TV & Film Awards pon en valor "o traballo ben feito desta administración, mostra de que imos no bo camiño, e premia a creatividade e o talento do audiovisual da nosa provincia". O feito de situarse entre os 15 finalistas dos premios de New York Festivals xunto a destinos coma Acerbaixán, Nova Zelandia, Dinamarca, Serbia, Grecia, Chile, Suíza, Singapur, Portugal, Noruega, Finlandia, Francia ou a propia cidade de Madrid era xa para a presidenta da Deputación "un auténtico premio". Agora, esta medalla "nos sitúa como o único destino estatal en acadar o podio e temos unha excelente oportunidade de difundir o noso destino en novos mercados e entre representantes da industria audiovisual, influencers, cineastas e directoras e directores creativos de todo o mundo". A presidenta da Deputación amosou a súa "enorme alegría" e remarcou que o recoñecemento manifesta o "acerto da promoción dun destino sostible, ligado ao territorio, que pon en valor a natureza, a proximidade, as persoas que forman parte do conglomerado turístico, a gastronomía, a viticultura e todas as produtoras e produtores". Xunto a este feito, para a presidenta o galardón no festival internacional de New York tamén significa "que iamos ben encamiñadas e encamiñados e que agora temos que seguir traballando para que, despois desta situación de confinamento, sexamos capaces de reinventarnos para seguir sendo un destino turístico con gran potencialidade".
O vídeo Fame de experiencias promove a gastronomía de excelencia da provincia de Pontevedra, poñendo en valor ás persoas produtoras e ao produto de excelencia e de calidade que se xera nunha contorna única: Rías Baixas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.