A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, de boa parte da corporación cambadesa, e dos deputados Carlos Font e Javier Dios, visitou onte as obras de mellora e actualización da piscina climatizada no complexo polideportivo do Pombal, actuación que está financiada case de xeito íntegro pola institución provincial, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros. O proxecto ten un orzamento total de 1.574.099,03 euros, dos que a Deputación achega 1.523.099,03 euros e o Concello de Cambados os 51.000 euros restantes.
Na súa intervención, Carmela Silva amosou a súa satisfacción por esta "obra extraordinaria, unha piscina do século XXI, con todos os servizos e garantías que responde a unha gran demanda da veciñanza de Cambados". Neste eido a presidenta incidiu e que "cada día máis a cidadanía esixe equipamentos deportivos de calidade, para poder practicar deporte, para socializar e tamén para mellorar a súa saúde e este proxecto xa é unha realidade magnífica e responde a esta demanda".
Silva recordou que no ano 2015 o anterior Goberno da Deputación asinou un convenio co Goberno local de Cambados "un convenio que firmouse a correr, sen ningún rigor e que incumpría todas as normas. Era un proxecto doutro século que era un insulto para a veciñanza de Cambados, que mantiña a piscina mesmo como un invernadoiro, que non modificaba o seu aspecto, nin incluía as innovacións técnicas para que este equipamento fose do século XXI. Ademais, non se podería abrir ao público, a Xunta non ía conceder a licenza de apertura porque incumpría coa legalidade porque non incluía un proxecto de climatización adaptado ás leis. Por iso decidimos cambiar aquel proxecto e crear unha piscina con todas as innovacións técnicas, cuns vestiarios axeitados, que cumpre coa legalidade e que esteticamente é extraordinaria", manifestou a presidenta.
Pola súa banda a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, agradeceu á Deputación que este novo proxecto para a piscina se levase a cabo. "Como ben explicou a presidenta o proxecto primitivo era inviable, era unha promesa electoral que en verdade non solucionaba os problemas que tiña a piscina anterior. O que hoxe vemos é unha piscina que suple todas as carencias, que cumpre con todas as condicións que precisaban as usuarias e usuarios; unha piscina do século XXI e, ademais, moito máis bonita".
Máis de 6,5 millóns de euros na lexislatura
Ademais destas achegas para a piscina, ao longo deste mandato a Deputación de Pontevedra ten investido, en Cambados, algo máis de 6,5 millóns de euros nas distintas accións de todas as áreas de Goberno, "o maior investimento en Cambados de toda a historia da Deputación".
Co vixente Plan Concellos 2019, a Deputación pon á disposición de Cambados un total de 978.374,84 euros, o que supón un 2,84 % máis que no exercicio anterior. No que vai de lexislatura, a través da liña 1 do Plan Concellos, Cambados puido financiar preto de 40 actuacións, por valor de preto de 1,8 millóns de euros. Ao abeiro da liña 3 de Emprego, no que vai de mandato, o Concello de Cambados puido contratar a 103 traballadoras e traballadores municipais, cun investimento de máis de 830.000 euros. Este ano 2019 poden contratar a 20 persoas, cunha financiación da Deputación de 209.745,09 euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.