Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

26 de noviembre de 2018

OS GARDACOSTAS REQUISAN PRETO DE CINCO TONELADAS DE PRODUTOS DO MAR, ÚTILES E UN VEHÍCULO CONTROIS NO LITORAL GALEGO



Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 4.950 quilos de marisco e peixe, 407 útiles e un vehículo en distintos controis realizados entre o 12 de novembro e a madrugada deste venres 23 de novembro polo litoral galego. Nestes controis, os axentes tamén requisaron 16.700 metros de artes de enmalle.
A ría de Arousa foi a que rexistrou máis comisos. Nela os gardacostas requisaron arredor de 2.064 quilos de marisco e peixe, 129 aparellos e 12.500 metros de distintas artes de enmalle, entre eles, trasmallos e miños. O operativo máis destacado foi na zona de Sagres, onde os axentes comisaron 720 quilos de centola, 2.250 metros de rascos e 4.250 metros de miños, debido a que todo estaba sen identificar.
Na ría de Pontevedra, os inspectores da Xunta tamén realizaron distintos controis contra a actividade ilegal. Neles aprehendéronse de 513 quilos de peixe e marisco, 96 útiles e 650 metros de miños. Un dos controis máis relevantes foi no porto de Marín e saldouse co comiso de 122 quilos de centola e coa incautación de cinco salabardos. Todo isto foi requisado por carecer de identificación. A maiores, na ría de Aldán, os gardacostas aprehendéronse de preto de 29 quilos de marisco.
A ría de Vigo tamén foi escenario de controis contra o furtivismo que se saldaron co comiso de máis de 223 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 26 aparellos e 400 metros de artes de enmalle. Un dos controis máis relevantes foi no Berbés e tivo como resultado a aprehensión de máis de 182 quilos de polbo de talla antirregulamentaria, un produto que foi entregado a un centro benéfico.
Por outra banda, nas inspeccións realizadas na ría de Muros e Noia, os gardacostas comisaron máis de 1.106 quilos de marisco e peixe. Unha das inspeccións máis destacadas foi en colaboración coa Policía Autonómica na lonxa de Muros e saldouse co comiso de preto de 330 quilos de raia, 127 quilos de rapante, máis de 50 quilos de congro, máis de 25 quilos de peixe variado, preto de 60 quilos de centola, preto de 10 quilos de boi, case catro quilos de lumbrigante, preto de 11 quilos de chopo, máis de catro quilos de polbo e 45 quilos de navalla. Toda a mercadoría foi comisada por carecer de documentación e ademais o rapante era de talle ilegal.
Na Costa da Morte os gardacostas tamén realizaron varios controis que resultaron coa aprehensión de máis de 878 quilos de marisco e peixe, de 77 útiles e de 800 metros de artes de enmalle. A maioría dos quilos de especies foron comisados en Fisterra, onde destaca un control no que os axentes requisaron preto de 410 quilos de centola por exceso de tope diario.
Ademais na ría da Coruña os gardacostas comisaron máis de 56 quilos de marisco e un vehículo. O vehículo foi requisado nunha inspección realizada na zona da Torre, na que identificaron a catro persoas e tamén requisaron 22 quilos de percebe, que foi entregado a un centro benéfico.
A ría de Ferrol tamén foi escenario de diferentes actuacións nas que os gardacostas requisaron máis de 78 quilos de produtos do mar, 79 útiles e 2.350 metros de artes de enmalle. As artes de enmalle foron requisadas nun control en Mugardos no que os gardacostas tamén requisaron catro butróns, máis de 48 quilos de centola, preto de 14 quilos de raia, preto de dous quilos de nécora e medio quilo de choco.
Por outra banda, os axentes de gardacostas tamén realizaron diferentes controis por terra no eido da comercialización. Así, nunha inspección realizada en Ourense, os axentes requisaron máis de tres quilos de mexillón.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.