Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

3 de diciembre de 2018

"A TORRE E A SOMBRA" DE EXPOSICIÓN A LIBRO DA SÚA HISTORIA


O mércores 5 de decembro farase a presentación do libro "O TEMPO DA TORRE" de Sindo Mosteiro nos Salóns de ExpoSalnés ás 8 da tarde.
Trala exposición do propio autor que permanecerá ata o vindeiro día 18, ven o libro no que se conta a historia da torre antes da súa construcción.
Así o reflexa nun pequeno resumo o propio autor, Sindo Mosteiro.


O TEMPO DA TORRE 
O estudo que segue quérese centrar no tempo inmediatamente anterior á construción da torre de San Sadurniño, os séculos XIV e XV, cando nacen as tres poboacións que conforman a actual vila de Cambados –San Tomé do Mar, Cambados e Fefiñáns–, cando as demais parroquias cambadesas xa levaban un longo percorrido na documentación medieval, especialmente a de Castrelo. Xaquín Sánchez Peña, no seu artigo “El ermitaño del Buen Jesús”, de 1923, acerta coa descrición do proceso necesario na pesquisa e na liña de investigación histórica que el mesmo seguira: “Revolviendo en los viejos archivos; husmeando en las desvencijadas y carcomidas librerías; rebuscando en los grandes arcones guardadores de los góticos pergaminos vinculares, ocultos casi siempre en la oscuridad de los polvorientos desvanes de las casas señoriales; escudriñando en los añosos y tallados cajones de las sombrías y misteriosas sacristías y casas rectorales, é indagando entre los ancianos de este bello valle de Salnés, fieles conservadores de las fantásticas tradiciones oídas a sus antepasados en las crudas noches de invierno, he conseguido recopilar datos suficientes para narrar, sin omitir detalle, la interesantísima historia”. El mesmo chegou a recompilar no seu despacho un bo número de documentos de grande interese para a Historia de Cambados, algúns deles nunha arca á que fai referencia Ramón Cabanillas nunha carta a Isidoro Millán no 08/11/1955: “En una ocasión, en su despacho abrió un arca de castaño en que guardaba varios documentos (...).El arca de Joaquín –debe saberlo Aurora– parece que la llevó Juanín Gil, no sé si cedida o comprada, con los documentos que contenía y otros objetos que no sé que fue de ellos (...).¡Qué valle de Salnés! Si no tuviera los años que tengo, le dedicaría mis horas”. En vista do que conta don Ramón, é preciso acometer o traballo xa, antes de que me cheguen os anos. 

De todos xeitos, para unha maior comprensión do proceso e da súa evolución, faise necesario tomar a citada referencia temporal de xeito laxo e abarcar temas e tempos que organicen mellor o discurso. Neste aspecto, non podería estar máis en acordo con Benito Pardo de Figueroa (Fefiñáns, 1755-Riga, 1812) na “Continuación a la historia de las investigaciones sobre la Quadratura del Círculo desde la antigüedad hasta nuestros tiempos”, publicada no Memorial literario, instructivo y curioso de la Corte de Madrid, tomo XVIII, de 1789: “Quando se forma el plan general de una disertación, y se supura su extensión, no se tienen presentes varias ideas accesorias que después se ofrecen, y de las quales no es posible prescindir, ya sea porque unas sirven para aclarar algunos puntos importantes, ó ya porque otras son indispensables para enlazar las distintas partes del discurso y formar un todo bien organizado”. 


Como historiador, a miña obriga e o meu desexo son dar a coñecer os relatos do pasado tal e como foron, fóra de artellamentos eloxiosos, de haxiografías de formas ampulosas sobre os grandes señores que teñen gobernado aos nosos antepasados, e presentando a verdade, os aconteceres, tristes ou felices, daqueles que nos precederon, que de todo houbo, pois non pode ser doutro xeito para alguén que aprecia ao seu país e a Historia que o conformou co correr do tempo. Aquí debo citar ao controvertido Curzio Malaparte, cando dixo aquelo de que “existen dous xeitos de amar ao propio país, por unha parte contar abertamente a verdade sobre os males, as miserias e as vergoñas que temos sufrido, e por outra agachar a realidade baixo o cobertor da hipocrisía, negando as feridas, miserias e aquelas verggoñas. De entre estas dúas formas escollo a primeira”. 
Por outra parte, o traballo do historiador é un labirinto inacabable na busca dun fío salvador que pouco a pouco nos afaste da escuridade e nos achegue co paso dos anos cara a luz. Pero tamén se debe tomar consciencia do inabarcable que é a Historia, por moito que se centre nun só lugar e nun tempo determinado, para unha vida que necesariamente ten final. Confío en que outros compañeiros de navegación nestas augas procelosas dos tempos pasados continúen nesta derrota como xa o teñen feito algúns no pasado, virando o bauprés cara unha singradura incerta. Así o vía tamén o historiador franciscano frei Marcos de Lisboa, nas súas Chronicas da Ordem dos Frades Menores do Seraphico Padre Sam Francisco de 1556: “E como eu confesso que esta obra excede minha pouca sufficiencia, & que demanda muito mais saber & spirito, assi darey muitas graças (...) porque alguem tome trabalho de ajuntar mais cousas, & as poer em melhor ordem & estylo (...), principalmente se ha de buscar em todas as cousas”.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.