Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

10 de octubre de 2018

EXPOSICIÓN SOBRE A TORRE DE SINDO MOSTEIRO




Así a presenta o seu autor Gumersindo "Sindo" Mosteiro Díaz
Exposición de fotografía e escultura arredor da torre de San Sadurniño. Inauguración o día 11 de outubro de 2018 en Exposalnés de Cambados ás 20:00 h. Agárdovos a todos.

TORRES E LETRAS: 30 TORRES PARA 30 TEXTOS
Se hai unha icona que represente a Cambados, un fito de referencia para todo aquel que o coñece por primeira vez, a pesar do magro da súa estrutura, a penas unha parte cativa do que foi no seu tempo unha fachendosa construción a maior gloria dunha estirpe nobiliaria, esa é a Torre de San Sadurniño. A contraditoria mestura entre unha fraxilidade ruinosa e unha afouteza secular diante da bravura persistente do mar fai desta torre un engado para quen se achega á ribeira da vila de San Tomé do Mar, especialmente cando o solpor nos agasalla devagar un espectáculo no que luz, sombra, mar e nubes semellan andar ás brincadeiras mentres non chega o fundido a negro final. A visión deses frecuentes ocasos desbordantes de cor, co mar acendido polo sol en retirada tras a sombra aínda ergueita da torre, viaxa con frecuencia no meu pensamento entre as cordas vibrantes da arpa que imaxinou Gabriel Fauré para o seu maxistral “Une Châtelaine en sa tour”, título tirado dun verso de Paul Verlaine. É comprensible así que leve tirando fotos neste lugar desde o momento no que comprei a miña primeira cámara, unha Zenit-122 aínda soviética, no xa afastado 1989. De case trinta anos de lle dar ao botón presento agora unha presada de imaxes.
Nunha desas tardiñas outonizas diante da torre, acompañado polo morno e maino vento mareiro e polo cheiro perfumado a salitre e salicornia, viñéronme ao recordo vellas historias de torres e as moitas horas de lecturas en tardes coma esa e pensei que a nosa torre se vería ben acompañada, en todas as épocas do ano, en calquera circunstancia meteorolóxica, daquelas damas e cabaleiros, asaltos e amoríos, cadeas e destrucións que acontecían naquelas torres. Pois ben, velaí vai unha selección de textos de terras alleas e veciñas, de tempos afastados e próximos, algúns deles na súa lingua orixinal, por me parecer doadamente comprensible para o noso entorno inmediato, e outros que traducín na busca desa mesma comprensión, sen deixar de mostrar a obra orixinal. A súa disposición é aleatoria, combinando estilos e idades ao chou, se cadra por un arrebato dadaísta. Agardo que sexa do interese dos lectores e que estes mesmos, cando noutro serán futuro sexan levados polos seus pasos diante da torre, teñan presentes no pensamento esas mesmas historias que eu tivera naquela tardiña outoniza dun tempo pasado que se vai perdendo na memoria. Teño tamén os mesmos desexos que, diante dun traballo deste tipo, tivera o meu veciño Pedro Pablo Bazán de Mendoza (Cambados, 1758-París, 1835), que no prólogo da súa tradución da Henriada de Voltaire do 1816 dixo:
“Deseo, amado Lector compatriota, quedes útilmente ilustrado, ó quando menos, dulcemente divertido con la lectura de mi traducción. Quiero por medio de este sincero voto, si eres aun uno de mis apasionados, corresponder desde este mi triste refugio, del mejor modo que hoy puedo, á la virtuosa constancia de tu amistad, y si eres uno de mis enemigos, quiero también enseñarte generosidad (...) por la parte que has tenido en esta producción literaria, cuyos defectos, deberás mirar siempre, por graves y feos que sean, con cariñosa indulgencia”.
A TORRE E A SOMBRA: 18 torres + 18 sombras = 32 haikus
Andará a torre de San Tomé do Mar pouco máis ou menos polo seu quinto centenario e ben se ve no seu perfil esbarroado tan longa historia de loita contra o mar persistente que a acomete cada día. Tal batalla infatigable non ten máis que un posible vencedor, pero mentres non chegue a grande onda definitiva, como aquela de Kanagawa que ameaza ao mesmo monte Fuxi do xenial Katsushika Hokusai, verá o seu perfil recortado contra os vermellos outonizos, os grises ameazantes do inverno, as moluras prateadas da primavera ou os azuis ferintes do verán. Ese perfil, por azar ou polas mesmas leis da física que determinan de que xeito morren os edificios, rematou por acadar unha forma aproximadamente triangular, truncada no seu curuto desde hai cen anos, cando o remate da cheminea, pola que os mariñeiros de San Tomé bautizaran á vella torre que lles servía de guía no mar co nome de “O Picacho”, colapsou e veu facer de niño de caramuxos e maragotas onda os cons.
Cando pensei en facer unha historia arredor da torre como ancoraxe tamén imaxinei unha serie de pezas a xeito de variacións sobre ese tema, tomando o seu perfil xa descrito como base e compoñendo unha forma e unha contra forma en diferente material do mesmo xeito que a torre, desde a súa masa granítica, proxecta a sombra sobre o mar ou o perfil sobre o ceo, tomando en consideración que o material de cada forma é tan importante como o é a súa fasquía, polo que a miña man debería estar o menos presente posible en favor da naturalidade da composición. Tomei como punto de partida para este proceder a afirmación de Guillerme de Ockham (c. 1280/1288-1349), nas súas Quaestiones in libros physicorum: “Aliqua sunt artificalia, in quibus non solum artifex operatur, sed et natura” (“Algunhas obras de arte non son só produtos do artista, senón tamén da natureza”). Tamén tiven en consideración o que afirmaba o arquitecto Sverre Fehn (1924-2009), que cada material ten a súa propia sombra, onde a sombra da pedra non é igual que a dunha folla fráxil de outono, e que a sombra penetra no material e irradia a súa mensaxe.
Como me deu por enredar, tamén me pareceu axeitado asociar a cada unha das pezas realizadas un haiku, de xeito que o conxunto de todos eles tecese a propia historia da torre dun xeito pouco habitual. Resultou un reto complicado, pois este formato poético presenta unhas características escasamente axeitadas para tal función, pero estaba seguro de que, tal como dialogaban de vello os haikus cos hagas que se deseñaban á súa beira, colaborando ambos para unha maior expresividade do conxunto, así o podería facer eu, neste caso combinando letras con pedra, con pau, con ferro.
Esta exposición enmárcase dentro do proxecto “A TORRE E A SOMBRA”, no que se inclúe a publicación dun libro dese título que, ademais do recollido aquí, conta cunha primeira parte, “O TEMPO DA TORRE”, na que se relata o contexto histórico e cultural no que nace a torre e con ela as vilas próximas e a súa contorna. Está prevista a súa publicación para o mes de decembro de 2018.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.