Os alumnos poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que impartirán as empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos adxudicatarios destas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria
Na selección dos participantes terán preferencia colectivos como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración
Os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado que, a través da web de Emprego, poderá solicitar a materia na que se desexa formar e coñecer o custo do curso que a Xunta financia ao 100%
A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 53 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca do Salnés de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Trátase dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.
Nestes cursos invístense 20,4 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 2,2 millóns euros corresponden á comarca do Salnés.
Na comarca do Salnés están programados 53 cursos, organizados por 12 empresas e diversas entidades sen ánimo de lucro. Como todos os anos, tamén é destacable a implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais así como das entidades sociais.
Nesta área os cursos estarán centrados no eido educativo, na creación de microempresas, na xestión administrativa, nos sistemas informáticos, na xestión de despachos e oficinas, así como na coordinación de actividades de tempo libre e no tratamento de datos e documentos.
O Goberno galego introduce este ano novidades nesta iniciativa que forma parte do esforzo que está a facer da Administración autonómica, a través da Axenda 20, para incrementar e mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e para adaptar a formación ás demandas reais do tecido produtivo. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina a este programa preto de 48 millóns de euros, un 13,4% máis que na convocatoria anterior.
Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.
Así, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. Tamén terá por primeira vez a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.
Inserción media do 60%
A Xunta continúa impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, xa que este tipo de accións formativas alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%. Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.
O obxectivo do Plan de formación 2018-2019 é o de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas sen emprego de Galicia.


No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.