Os servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra presentarán nos tribunais de Xustiza unha denuncia "fronte aos ataques machistas, ás inxurias e ás calumnias", pero tamén "fronte á posible incitación ao odio" que, a xuízo do goberno provincial, supoñen as declaracións do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán nas que dixo que a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, era a " chacha para todo" do "ancián" alcalde de Vigo, Abel Caballero. Este luns compareceu en rolda de prensa o portavoz do goberno da Deputación de Pontevedra (PSOE+BNG) Carlos López Font que anunciou que os servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra traballan xa na redacción dunha denuncia contra este alcalde do Partido Popular. Ademais de condenar as manifestacións do rexedor vilanovés e solicitar a súa dimisión, López Font instou aos cargos da Xunta de Galicia e do Partido Popular a pronunciarse e condenar este tipo de actitudes "de tal gravidade que non se trata dunha defensa da persoa", neste caso da presidenta da Deputación, senón de "saír con valentía" ante un "ataque á dignidade de todas as mulleres".
O portavoz do goberno provincial tamén anunciou que a presidenta da Deputación "non se vai a volver referir a este señor". López Font asegurou que, como goberno da Deputación, "no que temos a bandeira da igualdade desde o minuto uno", teñen o "deber político" de poñerse de fronte a todos aqueles que utilicen "comportamentos e unha linguaxe machista contra as mulleres", cualificando de "linguaxe bélica" o que utilizou o Gonzalo Durán. "Non imos consentir estes ataques machistas, clasistas e fascistas; e moito menos en voz daqueles que ostentan cargos públicos e que estes ataques poidan quedar impunes", destacou o portavoz do goberno provincial. Este deputado lembrou que no caso concreto do alcalde de Vilanova de Arousa "reitérase neste tipo de comportamentos" con "insultos á presidenta da Deputación de Pontevedra única e exclusivamente polo feito de ser muller". Neste sentido, lembrou que esas declaracións realizáronse o venres "e reafirmáronse o domingo" polo que López Font dixo que "non podemos entender" como o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, e o vicepresidente, Alfonso Rueda, "aínda non saíron a condenar este comportamento do seu alcalde en Vilanova".


No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.