A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación das obras de demolición e reconstrución do bloque de vestiarios e instalacións anexo ás obras de actualización da piscina climatizada no Complexo Polideportivo O Pombal de Cambados, así como a declaración de urxencia na súa tramitación. O Goberno provincial autorizou ademais o gasto para estas actuacións, cuxo orzamento base de licitación vai ser de 455.000 euros, e deulle o visto bo tamén aos pregos de cláusulas económico-administrativas e aos pregos de prescricións técnicas do contrato.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou que a contratación destas actuacións se aproba menos dun mes despois de que a Xunta de Goberno do pasado 10 de agosto iniciara o procedemento administrativo para estas novas obras coa aprobación do seu proxecto de execución e coa declaración de urxencia na tramitación do expediente.
Estas novas actuacións para reconstruír os vestiarios e instalacións anexas no complexo do Pombal súmanse ao convenio xa vixente entre Deputación e Concello de Cambados, por valor de 902.000 euros, para a renovación das instalacións da piscina do Pombal, da súa climatización e da súa cuberta. Con esta nova partida, o investimento global para a renovación de todas as infraestruturas das instalacións do Pombal vai ser de case millón e medio de euros, en concreto 1.357.000 euros.
Cómpre lembrar que Deputación e Concello acordaron o convenio de colaboración para proceder á reforma das instalacións do Pombal en marzo de 2017, dando así solución aos problemas derivados do anterior proxecto elaborado, en período electoral, polo alcalde e polo anterior presidente da Deputación.
As obras deste proxecto comezaron en xaneiro deste ano 2018, e en xuño pasado, tras unha visita ao transcurso das obras por parte do que fora deputado de Cooperación, David Regades, e da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, anunciouse esta nova actuación que vai paliar as graves deficiencias atopadas na zona dos vestiarios e anexos unha vez que comezaron os traballos. O obxectivo é dotar a Cambados dunha piscina e duns vestiarios de primeira categoría e realmente do século XXI e non facer parches sobre obras mal programadas.
Todas as actuacións que se están acometendo no Pombal lograrán un edificio totalmente adaptado para este tipo de instalacións e cunha perfecta integración no medio. Contémplanse as obras necesarias para corrixir as deficiencias, inclúese a substitución da bóveda do complexo e a actualización de todas as instalacións de climatización. O novo edificio resultante intégrase no espazo urbano colindante, mellórase o confort térmico, unifícanse vaso e praia da piscina con espazos lindeiros e modifícase o peche para limitar a demanda enerxética precisa. Mellorase ademais a eficiencia das novas instalacións resultantes, grazas á instalación de sistemas de eficiencia enerxética que reducen o consumo e compren así coa normativa aplicable.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.