Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

15 de junio de 2018

A MOSTRA DOS BOLECHAS CHEA AO SALNÉS PARA CENTROS ESCOLARES



Desde esta mañá e ata o 20 de xuño, día en que finaliza o curso escolar, a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' xa ten completas todas as quendas para visitas escolares. Trátase da mostra que pode visitarse na carpa instalada na praza da II República de Vilagarcía ata o vindeiro 26 de xuño, e que  achega, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da provincia. A mostra, orientada a público familiar e, nomeadamente, a alumnado de primaria, está concibida para atender grupos escolares durante as mañás, unha opción á que se acolleron con notable éxito os centros educativos da comarca. De todos xeitos, tamén se atenderán as demandas dos centros educativos que teñan opción de programar visitas durante as tardes. En horario de tarde, a mostra tamén permanece aberta para público familiar, sen necesidade de cita previa.
A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que se achegaron ata o Salnés para darlle a benvida e saudar aos preto de 70 alumnos e alumnas procedentes do CEIP A Escardia. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García, o alcalde en funcións de Cambados, Víctor Caamaño, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou que "o que aquí vimos presentar é un proxecto que estamos levando polas dez comarcas da provincia, porque entendemos que no Ano da Lingua temos que poñer o foco nas crianzas, que é un segmento de idade no que o galego está cada vez máis ausente." Xosé Leal asegurou que "introducir o galego de xeito lúdico e dinámico a través dun produto tan consolidado como os Bolechas está resultando un éxito e un acerto". O deputado provincial tamén afirmou que "enfocando o proxecto a través das variedades dialectais tamén nos permite involucrar a toda a familia, non só ás crianzas, mentres que no eido educativo vemos que está funcionando como un contido complementario ao traballo que se realiza nas escolas". A tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García agradeceu ao ente provincial que elixira Vilagarcía como parada da exposición para toda a comarca do Salnés e asegurou que "os Bolechas forman parte da historia de Galicia e son o vehículo perfecto para achegar a lingua galega a toda a rapazada."
Pola súa banda, o alcalde en funcións de Cambados, Víctor Caamaño, afirmou que "este tipo de iniciativas son moi necesarias para inculcar o uso do galego, porque nas idades temperás é cando os idiomas mellor se absorben". Caamaño indicou que "para un uso normalizado do galego é preciso ter acceso a todas as facetas da vida no noso idioma e para os nenos e as nenas poder usalo a través da diversión é o máis axeitado". En representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida "para aprender xogando" e "para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala en Vilagarcía con respecto a outros lugares como Ribadeo ou A Coruña".
A exposición, que arrancara en Pontevedra a mediados de maio e que estivo en Lalín ata este mesmo luns, permanecerá en  Vilagarcía ata o 26 de xuño. No outono retomará a itineracia pasando por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
Estrutura
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás ó o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras', onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle 'A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque', unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro', concibido como o gran teatro  dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais.  Continua coa sección ‘A mergullarse', unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes', unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira' a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza', unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, "Chan", o gran mapa da linguas concibido como un xogo xigante da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.

Lugares e datas:

PONTEVEDRA. Pontevedra: 18 maio-29 maio. Avenida Montero Ríos            
DEZA. Lalín: 1 xuño-11 xuño. Praza de Galicia
O SALNÉS. Vilagarcía de Arousa: 15 xuño-26 xuño. Praza da II República
O MORRAZO. Moaña: 10 setembro-20 setembro. Paseo marítimo
TABEIRÓS-TERRA DE MONTES. A Estrada: 24 setembro-4 outubro. Praza do Concello
A PARADANTA. A Cañiza: 8 outubro-18 outubro. Praza Maior
CALDAS. Caldas de Reis: 22 outubro-1 novembro. Praza do CamiñoO 
BAIXO MIÑO. Tomiño: 5 novembro-15 novembroO 
CONDADO. Ponteareas: 19 novembro-29 novembroVIGO. 
VIGO: decembro (por determinar)





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.