Os temporais que afectaron a Galicia nos últimos dous meses -a falta de avaliar os danos de ' Gisele', que pasou pola comunidade esta semana- causaron danos nos portos de titularidade autonómica por valor de máis dun millón de euros. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha comparecencia a petición propia ante a Comisión 8ª do Parlamento de Galicia para dar conta dos desperfectos rexistrados nos portos de titularidade autonómica a causa destes fenómenos meteorolóxicos adversos.
En canto ao temporal Evi, o primeiro en afectar de xeito intenso a Galicia este inverno, Durán Hermida explicou que deixou incidencias en 11 portos autonómicos das provincias de Lugo e Pontevedra, que son: Rinlo, Foz, Burela, Celeiro, Barallobre, Suevos, Malpica, Corme, Arou, Muros e Cariño. Neste último producíronse os danos máis importantes ao derrubarse unha zona de máis de 20 metros do dique de abrigo. Así mesmo, desprazáronse boa parte dos bloques que integran a coieira deixando exposto o espigón. Ademais producíronse danos no pavimento e elementos metálicos e quedaron inutilizadas varias defensas de rosario.

Aos danos do Evi, sumáronse a semana pasada os desperfectos ocasionados pola borrasca Félix. Esta deixou incidencias nun total de 24 portos. Na Zona Norte, costa cantábrica, víronse afectados os peiraos de Ribadeo, Rinlo, Foz, Burela, Celeiro, O Vicedo e Cariño. Na Zona Centro, provincia da Coruña, Laxe, Camariñas, Corcubión, Portosín, Aguiño, Cabo de Cruz e Rianxo. Finalmente, a Zona Sur, a provincia de Pontevedra, foi a máis afectada, con danos en Tragove, O Xufre, O Grove, Pedras Negras, Portonovo, Campelo, Bueu, Cangas, Santa Cristina de Cobres e A Guarda.
Durán Hermida explicou que ata o momento os danos inventariados son de envergadura menor, aínda que insistiu en que se trata dunha valoración provisional dadas as condicións meteorolóxicas adversas desta semana, que non permitiron inspeccións en profundidade. Ata o momento e con carácter provisional, estes danos sumarían un importe de 55.000 euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.