Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

11 de diciembre de 2017

PRESENTACIÓN DO TRABALLO A REVOLUCIÓN SOVIÉTICA E A CUESTIÓN NACIONAL











Cambados acolle a presentación do monográfico da revista Terra e Tempo 
A Revolución Soviética e a cuestión nacional que terá lugar no salón de actos de Exposalnés o próximo mércores 13.

Participarán, Víctor Caamaño, Duarte Correa, Ester Vázquez e Rubén Cela.

A Fundación Terra e Tempo conmemora o centenario da Revolución de Outubro de 1917 publicando un número monográfico do Terra e Tempo, que baixo o título A Revolución Soviética e a cuestión nacional analiza a estreita relación existente entre a revolución rusa, o marxismo e a cuestión nacional.

Partindo da consideración de que a análise da cuestión nacional por parte do marxismo é unha tarefa que precisa aínda de moito máis estudo, procédese a reflexionar sobre a evolución do pensamento de Lenin ao respecto deste tema, e o impacto da revolución soviética nos movementos de liberación nacional e anti-colonialistas e nos pensadores progresistas e revolucionarios de diversos continentes.

O descoñecido, pero relevante, papel das mulleres no proceso revolucionario ruso e a influencia da experiencia soviética en Castelao e Suárez Picallo complementan este número, que tamén inclúe un artigo sobre o proceso de asunción do marxismo e do leninismo pola UPG, nunha evolución que a leva da vocación de fronte ampla coa que se funda en 1964 até se conformar como Partido Comunista Patriótico a comezos da década de 70, orientación ratificada no Primeiro Congreso, realizado en agosto de 1977.

Este número do Terra e Tempo quere ser unha aportación desde Galiza á conmemoración dun feito histórico que marcou o século vinte, e que segue a marcar hoxe o camiño de todas aquelas persoas e organizacións que loitan pola xustiza social en todo o mundo. Unha xustiza social que só chegará como resultado da loita e da organización dos povos, da clase traballadora e do conxunto das clases populares.

A Revolución Soviética e a cuestión nacional estará na rúa nuns días, e a partir da vindeira semana celebraranse presentacións en distintas cidades e vilas de Galiza, co dobre obxectivo de reflexionarmos sobre as aportacións feitas polo proceso revolucionario soviético do que agora conmemoramos o centenario, e sobre as necesidades que hoxe ten a loita pola liberación nacional e social de Galiza.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.