Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

23 de diciembre de 2017

OS GARDACOSTAS REQUISAN MÁIS DE 1,5 TONELADAS DE PEIXE E MARISCO E 458 ÚTILES










Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 1,5 toneladas de peixe e marisco en diversos controis realizados nos últimos días e 458 útiles, entre eles dúas embarcacións e unha furgoneta. Tamén se aprehenderon de 16.900 metros de artes de enmalle.
A ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos por terra e por mar. Alí os axentes requisaron preto de 916 quilos de distintas especies de peixe e marisco, 188 aparellos, a maioría nasas, e 6.250 metros de artes de enmalle. O control máis relevante foi realizado entre axentes de Gardacostas e do Servizo Marítimo da Garda Civil na Pobra do Caramiñal e en Ribeira. Nel os axentes aprehendéronse dunha embarcación, unha furgoneta, un equipo de mergullo, dúas botellas de mergullo, arredor de 78 quilos de vieira, 34 quilos de centola (parte dela ovada), preto de 9 quilos de choco, máis de 5 quilos de polbo e cerca dun quilo de lumbrigante.
Outro control destacado realizouse no sur da ría e resultou co comiso de 240 quilos de centola, 50 quilos de distintas especies de peixe e 9 quilos de boi. Ademais os gardacostas tamén se incautaron de 4.250 metros de miños.
A ría de de Muros e Noia tamén foi escenario de distintos operativos nos que se comisaron arredor de 147 quilos de peixe e marisco, 15 útiles e 5.000 metros de artes de enmalle. Un deles, na enseada de Abelleira, saldouse coa incautación de 20 quilos de centola e 2.000 metros de artes de enmalle, debido a que todo estaba sen identificar.
Os gardacostas tamén realizaron actuacións na ría de Ferrol onde requisaron máis de 117 quilos de distintas especies de peixe e marisco, 100 nasas e 900 metros de trasmallos. Estas artes de enmalle incautáronas nun control no porto de Ferrol debido a que estaban sen identificar e nesta actuación os gardacostas tamén comisaron 56 quilos de centola, preto de catro quilos de boi, máis de 21 quilos de raia e máis de tres quilos de nécora que contiñan os trasmallos.
Ademais en Cedeira requisaron 8 quilos de percebe que estaba en dúas bolsas sen identificar e entregárono ao asilo de Ortigueira e na Mariña lucense os axentes tamén realizaron actuacións. Nunha delas, en Viveiro requisaron máis de seis quilos de lagosta e máis de tres de lumbrigante.
Na Costa da Morte os axentes tamén realizaron diferentes actuacións, en concreto nas rías de Corcubión, Camariñas e Corme-Laxe, nas que en total requisaron máis de 144 quilos de peixe e marisco e cinco nasas. A actuación máis relevante foi na ría de Camariñas e saldouse co comiso de 96 quilos de centola, a maioría de tamaño antirregulamentario; un quilo de nécora e as 5 nasas.
Por outra banda, na ría de Pontevedra os gardacostas requisaron 58 quilos de peixe e marisco, 116 nasas e 4.000 metros de artes de enmalle. O operativo máis relevante foi nas zonas de Punta Petís, na praia de Agrelo e nas proximidades do porto de Bueu e nel os axentes requisaron 47 quilos de centola, 50 nasas e 4.000 metros de raeiras (artes de enmalle), debido a que todo estaba sen identificar.
Ademais tamén realizaron controis na ría de Vigo, que resultaron co comiso de preto de 177 quilos de marisco, de 34 útiles, entre eles unha embarcación, e de 750 metros de artes de enmalle. Un dos controis máis destacados realizouse nas zonas de Canido e Toralla, onde os axentes comisaron 44 quilos de centola e 9 quilos de nécora, 25 nasas e os 750 metros de rascos, xa que todo estaba sen identificar. 





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.