O departamento provincial de Cultura e Lingua contribúe á difusión da actividade da Fundación no marco da Feira Internacional ARCO
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, acompañado polo concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, visitou onte a Fundación Manolo Paz co obxecto de facer público o apoio da Deputación á esta Fundación na súa proxección internacional, no marco da Feira Internacional de Arte Contemporánea, ARCO. Nesta cita, se celebrará en Madrid entre os días 22 e 26 de febreiro, estará presente o traballo que se realiza desde a Fundación a través de diverso material divulgativo, en cuxa edición colaborou o ente provincial. "ARCO é un contexto de gran relevancia e que participe nesa feira un artista da provincia como Manolo Paz non é só un orgullo para as Administracións, senón que tamén é un deber apoialo e fomentar a labor que realiza" indicou Xosé Leal durante a visita.
O deputado insistiu ademais en que "na arte en pedra somos unha potencia e temos que saber proxectalo fóra", ao tempo que asegurou que "esperamos que neste Ano do Patrimonio, Cambados ademais de ser coñecida como capital do viño tamén sexa coñecida como capital da arte contemporánea". Nesta idea tamén incidiu o edil de Cultura, Víctor Caamaño, asegurando que "a Fundación Manolo Paz debe ser un atractivo máis de Cambados". Caamaño sinalou que "por parte do Concello traballaremos para que este espazo non só sexa un atractivo económico, senón que se perciba como un atractivo artístico, visual e dos sentidos". Insistiu ademais na necesidade de "poñer en valor a súa potencialidade" e de enfocalo a "público de todas as idades e todas as condicións".
Manolo Paz participou en ARCO por primeira vez en 1985 e desde entón a súa presenza foi case constante. Na edición de 2017 participará na sección editorial da Feira cun libro editado fai dous meses e que recolle o traballo e as principais obras da Fundación que leva o seu nome en Cambados. Ademais aproveitará a cita para difundir o legado artístico e paisaxístico da Fundación a través do material informativo editado en colaboración coa Deputación. "Eu quero agradecerlle a todas as institucións que colaboran para facer posible a difusión nunha das citas máis importantes do ano en canto a arte contemporánea, que é algo que me enorgullece porque eu sempre dixen que este é un proxecto de todos" sinalou Manolo Paz. O escultor fixo un percorrido polos diferentes espazos da Fundación e explicoulle ao deputado e ao concelleiro as previsións de ampliación tras a recente compra dun pequeno terreo colindante. Neste novo espazo proxecta unha actuación que permita gozar da vexetación propia de solo húmido, e que será especialmente deseñada atendendo ás necesidades de persoas con mobilidade reducida.
A Fundación Manolo Paz foi creada en 2010 a partires dunha leira rural na que o escultor tiña o seu obradoiro de traballo. Actualmente acolle parte da súa obra e unha serie de espazos concibidos para poñer en valor o diálogo entre as esculturas e a paisaxe nas que se insiren.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.